xoves, 27 de maio de 2010

Texas reescribe a historia para os seus cinco millóns de alumnos

O imperialismo estadounidense nunca existiu, o rexeitamento árabe a Israel é a causa do conflito en Oriente Medio, a ONU ameaza a soberanía do país e Reagan é un heroe, as respostas correctas


CÉSAR MUÑOZ ACEBES/EFE

O imperialismo estadounidense nunca existiu, o rexeitamento árabe a Israel é a causa do conflito en Oriente Medio e a ONU ameaza a soberanía de EEUU. Esas son as respostas correctas dos futuros exames en Texas, tras un cambio no seu currículo. A nova guía de estudos, de máis de 100 páxinas, foi adoptada o venres polo Consello Educativo do Estado por 9 votos a favor e 5 en contra. Os nove membros que dixeron si son, naturalmente, conservadores e como son maioría lograron impor a súa visión da historia no documento base para a elaboración dos libros e das probas para os case cinco millóns de alumnos do segundo maior estado do país durante a próxima década.

Ademais, como Texas é un dos maiores compradores de textos de Estados Unidos, as editoriais frecuentemente adecúan o contido ás indicacións dese estado, polo que a súa influencia sentirase fóra das súas fronteiras. O cariz do debate púxose de manifesto na mesma apertura da reunión do Consello o venres, a cargo da conservadora Cynthia Dunbar. "Creo que ninguén pode ler a historia do noso país sen darse conta de que o Libro Santo e o espírito do Salvador foron os seus xenios directivos desde o principio", dixo Dunbar, quen describiu a Estados Unidos como "unha terra cristiá gobernada por principios cristiáns". En vista desa declaración, non sorprende que Dunbar e os seus colegas poñan en dúbida que os próceres da patria quixesen verdadeiramente a separación da Igrexa e o Estado, un dos principios democráticos básicos.

A súa visión da historia tamén é moi particular, como revelan as novas guías sobre o que os estudantes deben aprender de Joseph McCarthy, o senador que levou a cabo unha "caza de bruxas" nos anos 50 contra supostos comunistas mediante informantes anónimos que arruinaron a vida de moitos intelectuais e políticos. Texas agora pide a profesores e editoriais que ó tratar o tema salienten por encima de todo "a magnitude e o perigo da infiltración do goberno de Estados Unidos por parte de axentes soviéticos".

En lugar de "imperialismo" estadounidense o novo texto fala de "expansionismo", aínda que mantén a palabra "imperialismo" para a penetración económica e militar no estranxeiro cando a leva a cabo outro país que non sexa o seu.

Un requisito novo para os alumnos é entender "o rexurdimento conservador dos anos 80 e 90", da man de organizacións de dereita como a Fundación Heritage e a Asociación Nacional do Rifle, pero non é necesario que aprendan sobre grupos de defensa dos dereitos dos negros ou os hispanos. Do mesmo xeito, os profesores non terán que falar de Ted Kennedy, o senador que foi un referente demócrata do país ata a súa morte o ano pasado. En cambio, o texto eleva a Ronald Reagan, punto de referencia por antonomasia dos conservadores, ó panteón dos heroes da patria.

PROPOSTAS QUE NON PROSPERARON

Husein por Obama e "comercio do Atlántico" por "comercio de escravos"

O republicano Don McLeroy, un dos artífices do documento, dixo que o consello só quitou o "rumbo de esquerda" dos contidos actuais. En cambio, a demócrata Mavis Knight queixouse do uso dun criterio político, en lugar de académico, para a súa elaboración. "Estou avergoñada do que lles fixemos ós estudantes e profesores deste estado", recalcou. O único consolo de Knight e os seus correlixionarios é que podería ser peor. Un membro do consello pediu, por exemplo, usar sempre o segundo nome do presidente, Barack Husein Obama, a pesar de que iso non se fai con ningún outro mandatario. Os grupos de dereita que manteñen que Obama non naceu en Estados Unidos cóidanse sempre de mencionar Husein, pola súa orixe árabe. Tamén se contemplou unha proposta para retirar as referencias ó "comercio de escravos" e chamalo o "comercio triangular do Atlántico", a cal non prosperou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario