mércores, 19 de maio de 2010

O soldado galego que vendía nazis


>> O percebeiro Ángel Rodríguez foi un gran militar de ‘La Nueve’, que liberou París

>> Descendentes galegos e franceses do combatente reúnense esta fin de semana en Cariño


DANIEL PRIETO Actualizado 17/05/2010 - 18:39 h.


A vida de Ángel Rodríguez Leira supera calquera película sobre os heroes da Segunda Guerra Mundial. Este percebeiro de Cariño foi un dos primeiros combatentes que, o 26 de agosto de 1944, liberaron París tras tres anos de ocupación nazi. Integrante da Compañía La Nueve, formada por 144 exiliados republicanos españois baixo o mando do xeneral Leclerc, Ángel Rodríguez xogou un papel crucial. Foi condecorado coa Cruz de Guerra polo mesmo De Gaulle por destruír cinco tanques alemáns nun só día. Nesta lendaria división blindada do exército francés, onde a lingua oficial era o castelán, militaron outros dous galegos: o coruñés Víctor Lantes e Antonio Yáñez, tamén natural de Cariño.

A odisea deste home comezou na súa vila natal co estoupido da Guerra Civil Española. Pertencía a unha CNT que naquel momento “mobilizaba á maioría da clase traballadora”, lembra o historiador Dionisio Pereira. Ao non ser un dos membros destacados do anarcosindicalismo, foi chamado a filas e obrigado a combater do lado do exército sublevado xunto ao seu compañeiro Antonio Yáñez. En canto tiveron oportunidade desertaron e uníronse á causa republicana.

Tras a vitoria do bando nacional fuxiron desde Alacante nun bote a remos xunto a outras cinco persoas, poñendo rumbo cara o descoñecido. Encheron de laranxas a embarcación, que foi o seu salvoconduto cara a liberdade, xa que conseguiron chegar á Arxelia francesa tras 17 días de travesía. Aínda que as autoridades galas quedaron abraiadas pola xesta, o seu destino foi o de tantos outros exiliados das colonias francesas: un campo de concentración.

SOLDADOS “ANTIMILITARISTAS”

Os exiliados galegos bautizaron o seu barracón do campo de concentración de Camp Suozzi, no interior de Arxelia, como Villa Cariño. Pero Ángel Rodríguez como Antonio Yáñez tentaron fuxir a través do deserto non unha, senón dúas veces. Ameazáronos cun forte castigo que só poderían evitar alistándose na lexión estranxeira. E así é como estes dous veciños de Cariño acabaron enrolados na famosa división, coñecida polos seus vehículos half tracks e temida polos seus inimigos. E é os seus compoñentes tiñan sona de “idealistas, arroutados e individualistas”, asegura a xornalista alacantina Evelyn Mesquida, autora de La Nueve. Os españois que liberaron París. Segundo Raymond Dronne, capitán desa compañía, aqueles homes “non tiñan espírito militar, eran incluso antimilitaristas”, que decidiron combater pola liberdade.

Foi nese momento cando Ángel Rodríguez Leira se pasou a chamar Cariño López, adoptando o nome do se lugar de orixe, como era habitual na lexión francesa. O capitán Dronne, elixido para comandar esa milicia porque falaba castelán, definiu a este galego como “un home de gran sangue frío” que salientaba pola súa “perseveranza”. La Nueve tiña como misión a avanzada de tropas e sempre era enviada a primeira liña. Os seus homes tiñan a orde de non retroceder nin un palmo de terreo. E abofé que o cumpriron.

“Non hai que esquecer que eran mercenarios, eran homes de carácter curtidos no combate, por iso os elixiron para liberar París”, lembra Andrés Modesto Alonso Rodríguez, o neto de Ángel Rodríguez Leira, residente en Cariño. O percebeiro metido a artilleiro que intercambiaba soldados nazis cos americanos por “tabaco, botas novas e mesmo un jeep”, di Andés. E é que os combatentes americanos eran ascendidos se presentaban un prisioneiro alemán ante os seus superiores. E o heroe de guerra galego non se achicaba nin sequera ante os seus mandos...in ante o mesmo xeneral Charles De Gaulle. “Cando De Gaulle o condecorou fíxolle dano co pincho da medalla e meu avó díxolle: ‘Vai conseguir vostede o que non conseguiron os alemáns en todo este tempo’”, engade Andrés.

“Tiveron moitos collóns para facer o que fixeron, combatendo en primeira fila contra os alemáns cando só tiñan entre 20 e 30 anos, loitando pola liberdade da que todos gozamos hoxe”, di o neto do valente soldado. E é que a compañía acoirazada, que se preparou en África e Inglaterra, desembarcou en Normandía, liberou Estrasburgo e, por suposto, París. Ademais, penetrou incluso no Niño de Aguias de Hitler, o santuario do Fürher. O lugar, cheo de simbolismo para o nazismo, situado preto da cidade austríaca de Berchtesgaden e escavado na rocha, era punto de encontro dos altos xerarcas das SS.

Alí, os homes de La Nueve fixéronse con diversos obxectos que pertenceran ao ditador alemán. “Ademais das sabas de Hitler, meu avó colleu un reloxo de ouro dos nazis”, sinala Andrés, que recoñece que a súa avoa “pasou moi malos momentos acusada de estar cun roxo cando el era antimilitarista e actuou movido polas circunstancias”. Ángel Rodríguez refixo a súa vida en Francia, onde tivo dúas fillas, Mar y Luz e Anita, ante a imposibilidade de poder regresar á súa terra cos seus, Ángel e Marina. “As dúas ramas levámonos moi ben”, precisa Andrés, fillo desta última.

HOMENAXE EN CARIÑO

“Buscáronse a vida xa que tiveron que abandonar o seu país”, explica Andés, que participará este sábado en Cariño nun acto organizado pola Comisión pola Memoria Histórica da Coruña e o Concello de Cariño en recordo destes feros combatentes. Robert Coale, profesor de Historia Contemporánea Española na Universidade de París ofrecerá unha conferencia sobre o papel dos soldados galegos de La Nueve na casa da cultura ás 18.00 horas. Un día antes, o Círculo de Artesáns da Coruña acollerá unhas charlas sobre o mesmo tema.

En Cariño, os descendentes das partes galega e francesa de Ángel Rodríguez, falecido en París en 1975, terán a oportunidade de recordar a quen sempre quixo regresar ao seu fogar “para coller percebes de novo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario