martes, 15 de xuño de 2010

As palabras e os rostros das vítimas


Bota a andar a nova web do proxecto "Nomes e Voces"

V. OLIVEIRA . SANTIAGO 11.06.2010.

"Xoán Antonio Suárez Picallo. Paseo. Home de 29 anos, Labrego. Natural de Sada (A Coruña). PG, Agrarista e do Sindicato de Oficios Varios de Sada (CNT). Directivo do grupo galeguista e secretario xeral da Fronte Popular en Sada e conselleiro comarcal do Partido Galeguista.Morto o 12 de agosto de 1936. Morte rexistrada a causa de hemorraxia interna producida por lesións, ás 17. Aparición do cadáver en Veigue-Abeleira-Sada". É a derradeira vítima rexistrada na base de datos da nova web do proxecto "Nomes e Voces", que recolle 14.704 nomes que sufriron a represión do 36 ao 39. Moitos deles, ademais dun resumo do seu proceso represivo, inclúen unha imaxe e mesmo a súa voz ou a dun familiar que relata a experiencia vital desa persoa.

Esta nova aplicación completa o círculo de nomes, voces e imaxes ao que aspiraba o proxecto. Cun deseño máis accesible, Nomesevoces.net estreouse onte na rede poñendo a disposición do público o seu primeiro informe de resultados, no que ofrecen en gráficas e mapas, os efectos do Golpe de Estado do 36, o tempo da guerra e as orixes do franquismo en Galicia. Tamén se pode consultar o avance da investigación que teñen agora en curso sobre outras formas de persecución en Galicia e sobre as vítimas do país represaliadas fóra.

Os arquivos de sons das entrevistas e os fondos fotográficos dos represaliados - cuxos nomes xa se publicaron o ano pasado- foron cedidos polas súas familias. Ademais, os investigadores achegan un correo electrónico (memoriaguerracivil@usc.es) para que calquera persoa poida completar a información que existe sobre as vítimas ou corrixir posibles erros nas súas fichas.

A nova web está pensada, segundo explican dende o proxecto, como unha ferramenta de "investigación e divulgación" dos resultados da investigación da represión franquista que o proxecto está a desenvolver dende 2006. É por iso que a base de datos estará en "permanente construción" e incorporará novos nomes a medida que avancen as investigacións. O equipo, dirixido polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto, inclúe tres galerías: a da súa colaboración co Institut Supérieur d"Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba, os gravados da luguesa Sara Lamas para a exposición Vermellas e mais o libro de Claudio Rodríguez Fer editado por Xerais Amote Vermella e as imaxes da vida nos cárceres e campos de concentración en Galicia. "Estas fotografías son un adianto dunha próxima exposición en rede sobre cárceres franquistas que poderedes consultar na nosa Web e que levará por título "Vida no cárcere", explican.

FONDOS

Os xornais do anarcosindicalismo

Outro dos obxectivos do proxecto é o de recuperar os materiais históricos que sexan de utilidade para o estudo da historia de Galicia. Entre eles, un dos fondos máis destacados é o da familia Villaverde Otero relativo ao anarcosindicalismo no noso país, e dentro del a reprodución dixital dos periódicos Solidaridad Obrera e Solidaridad, voceiros, en diferentes anos, da Confederación Regional Galaica-CNT, editados na Coruña entre 1930 e 1936 -o primeiro deles até 1934 e o segundo de 1935 a 1936-.

O proxecto colgou na rede moitos dos números que dixitalizou no estado de conservación no que se atopaban así que a algúns mesmo lle faltan algúns fragmentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario