xoves, 24 de xuño de 2010

Suu Kyi cumpre 65 anos illada na súa casa de Rangún


A Premio Nobel da Paz e activista a favor da democracia, converteuse desde o seu cativerio nun símbolo da loita contra a opresión

MIGUEL F. ROVIRA/EFE . BANGKOK

Aung San Suu Kyi, premio Nobel da Paz e líder do movemento demócrata birmano, cumpriu onte 65 anos, illada na súa casa de Rangún por orde dunha xunta militar medorenta de perder o poder ante o carisma desta activista convertida nun símbolo. Para quen os seus seguidores chaman "A Dama", foi un día similar ós xa máis de 5.000 que pasou encerrada na vella vivenda de estilo colonial que herdou da súa nai, ou tras os muros dalgunha sórdida prisión. O aniversario de Suu Kyi, en quen moitos birmanos depositan a súa esperanza de que termine a represión militar e poder abrazar algún día a democracia, foi silenciado no seu país, aínda que non noutros recunchos do mundo nos que se celebraron actos na súa honra ou protestas fronte ás misións diplomáticas birmanas.

Os seguidores de Suu Kyi e antigos membros da liga Nacional pola Democracia (LND) non se deron cita nesta ocasión na que fora a súa sede, clausurada desde que en maio o partido foi proscrito polo seu rexeitamento a participar nas eleccións que a xunta militar idea celebrar a finais de ano.

Do dilapidado edificio de dúas plantas desapareceu a bandeira da LND, os retratos de Suu Kyi e ata os policías de paisano que desde a outra beirarrúa vixiaban a sede, facían fotos das persoas que entraban e anotaban cousas nun caderno.

Suu Kyi, unha icona mundial da loita contra a opresión, é filla do xeneral Aung San, o heroe da independencia asasinado pouco antes de que se proclamase a República, e de Khin Kyi, de quen coidou cando en 1988 regresou a Birmania no medio dun período de axitación social que motivou a súa decisión de pórse á fronte do movemento demócrata. O paso á ilegalidade da formación opositora que en 1990 gañou os comicios cuxos resultados nunca foron recoñecidos polos xenerais, produciuse por mor da entrada en vigor da lei que disolveu todas as formacións que non se inscribiron no rexistro electoral no prazo establecido. A formación que Suu Kyi decidiu boicotear os próximos comicios por considerar que a Constitución é antidemocrática.

Ningún comentario:

Publicar un comentario