luns, 7 de xuño de 2010

A viaxe obrigada


Preséntase en Vigo o documental "América o el Shangai" que analiza as causas e as consecuencias da emigración galega no século XX

MARÉ . SANTIAGO

Ao redor de 200 persoas asistiron onte na Estación Marítima de Vigo á presentación de América o el Shangai, un documental que recorda a historia dos emigrantes galegos do século XX, as causas que os levaron a deixar os seus lugares de orixe e as consecuencias sociais e económicas que o movemento tivo para Galicia.

No acto participaron, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez. O obxectivo do traballo, patrocinado por Caixa Galicia e realizado pola produtora do xornalista Manuel Campo Vidal, é cubrir un baleiro de investigación histórica sobre os movementos migratorios que marcaron a historia máis recente de Galicia e renderlles unha homenaxe a todas aquelas mulleres e homes que deixaron Galicia o século pasado con destino a América, Cataluña, País Vasco ou Europa.

O documental recorda ó longo de 20 testemuños de persoas anónimas e coñecidas a historia dos emigrantes.

O catedrático Antón Costas, o ex director da división internacional de Caixa Galicia Xosé Manuel Caneiro, a presentadora e actriz Paula Vázquez, a deputada Isabel López Chamosa, a filla do fotógrafo Manuel Ferrol, Patricia Ferrol -que tomou moitas imaxesda "sangría" da emigración que quedaron na retina dos galegos- e o vicepresidente do Centro galego de Bos Aires, entre outros, participan na gravación achegando o espírito e os sentimentos que a emigración ten para eles, pola súa experiencia e pola dos seus familiares máis próximos.

Gravado en Bos Aires, Lugo, Monforte, Barcelona ou Vigo

América o el Shangai, que conta con imaxes de arquivo, gravouse en Bos Aires, Barcelona, Madrid, Vigo, A Coruña, Lugo e Monforte de Lemos e ten unha duración de 60 minutos. O título fai referencia ás únicas saídas que tiñan os emigrantes no século XX: ou marchar en barco a América ou a Barcelona no tren coñecido como o Shangai.

Dos 825.000 galegos que saíron de Galicia no século XX, un 72% emigraron a outras provincias españolas, principalmente Barcelona, Madrid e Bilbao, o 28% restante cruzou o Atlántico ou se dirixiu a Centroeuropa durante os anos sesenta. Este masivo movemento tivo como consecuencia que o crecemento da poboación galega durante este período fose tres veces menor que a española. O propio Campo Vidal viviu a experiencia da emigración de cativo, cando marchou con seus pais de Huesca a Barcelona e anos despois, a Madrid.

A HISTORIA

Caixa Galicia patrocina o filme

Caixa Galicia tivo sempre unha relación moi estreita cos emigrantes galegos. Foi a primeira caixa en abrir unha oficina no exterior, Xenebra 1985, o que lle serviu tamén de enlace con Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario