martes, 15 de xuño de 2010

“A emigración é empobrecedora, non ten nada de positivo”


06.06.2010 A CIG acaba de publicar o libro ‘Galiza en Suíza’, coordinado polo investigador Xurxo Martínez Crespo. Textos del, así como de Luis Manuel Calvo, Marianne Helfer e Elisabeth Graf, e fotos dos sesenta e setenta sobre todo, décadas de maior auxe da marcha de galegos ó país helvético, dan conta do fenómeno

TEXTO: ROSABEL CANDAL

O sindicalista Xurxo Martínez Crespo leva anos investigando e afondando nos procesos migratorios, o que lle serviu para, entre outras cousas, concluír que “ningunha emigración ten nada de positivo, é empobrecedora, tanto para as persoas como para os países de saída”. O seu último traballo reflíctese no libro Galiza en Suíza. Aspectos dunha emigración, que acaba de publicar a CIG.

Por que o Departamento de Migración da CIG se decidiu a facer tal libro?
Porque a comunidade galega en Suíza é moi importante, non só en número, senón que moitas persoas que destacaron nas artes, no deporte e na literatura teñen que ver coa emigración alí. Tamén o fixemos por unha carencia de traballos sobre o asunto ata o momento. Dise que Galiza é emigrante, pero se queres un estudo sobre iso e non é sobre Cuba ou Arxentina, non hai nada. Nós empezamos facendo traballos sobre Venezuela, do que non había antes tampouco ningún feito, e crimos que era interesante afrontar este sobre Suíza.

En que se diferencia a emigración galega que houbo cara a América, da que foi cara a Europa e concretamente cara a Suíza?

Primeiro nunha cuestión de época e despois nunha de número. É moitísimo maior a emigración que marchou a América, porque estamos falando dun continente. Pero detrás hai circunstancias históricas. A xente non emigra a determinados sitios porque si. No caso dos galegos que marcharon a Suíza existen razóns históricas e políticas que determinaron que se abrisen as portas: A II Guerra Mundial. Hai que ter en conta que no ano 45 estaban destruídas todas as empresas de Alemaña, de Francia, etc, e as industrias de Suíza estaban totalmente intactas. Durante a época de posguerra, Suíza tivo un auxe económico inmenso, porque fornecía e vendía os seus produtos a toda a Europa que non tiña posibilidade de producilos. Para iso requiriron man de obra e neste caso, a galega foi das primeiras que marchou para alí, moita xente incluso foi de xeito irregular, ata que nos anos 60, despois de que xa había varios milleiros de galegos alí, o Estado español franquista asinou un acordo migratorio con Suíza. Esas son máis ou menos as razóns polas que marcharon os galegos a Suíza.

Non obstante, xa antes deste período migratorio, Galicia e Suíza estaban moi relacionadas entre si, ata o punto de que a Galicia se lle chamaba a Suíza española...
Iso era un tópico. Nós puxemos nunha das partes do libro unha carta que escribiu un galego emigrado en Cuba, pedindo que por favor non se fixeran comparacións de Galiza nin con Escocia nin con Irlanda nin con Suíza porque Galiza era Galiza e bastáballe con ser o que era. Pero iso non deixa de ser un recurso pintoresco, folclórico e turístico. Galiza é Galiza e Suíza é Suíza.
En Suíza recoñeceuse no ano 1933 a Galicia como unha nación europea. Iso si que foi importante...
Si. Efectivamente, pero foi unha casualidade, non por ser Suíza....

En Suíza tivo lugar a reunión do IX Congreso de Nacionalidades Europeas no que se produciu ese recoñecemento...
Claro. Suíza, por ser un país historicamente neutral serviu para facer moitísimas cousas. A Sociedade de Nacións naceu alí, igual que moitos outros organismos que teñen alí as súas sedes, é dicir, serviu sempre como un punto de encontro para facer determinadas reunións internacionais. É importante o recoñecemento das cousas. Aínda que ti sexas unha cousa, o dereito internacional está baseado no recoñecemento. Nos casos de países que se independizan, non abonda con independizarse, é preciso tamén ter un recoñecemento internacional desa independencia. No caso de Galiza, de ser recoñecida como unha nacionalidade, foi un antes e un despois. Para nós, aquí, neste país, iso é aínda unha materia pendente. Suíza é un típico modelo exemplar do que é unha confederación onde cada unha das partes cede unha parte da súa soberanía a órganos comúns, cousa que non acontece aquí, porque aquí o que hai é unha descentralización administrativa. Polo tanto, aquí, por moito que digan que o estado das autonomías é federal iso é falso. O estado das autonomías simplemente é unha descentralización de poderes de Madrid, que delega o poder central e delega nas partes, non que as partes delegan no poder central, o que si sería unha federación. Sen ir moi lonxe, ese é un tema totalmente actual porque mesmamente a semana pasada a Real Academia Española tivo que rectificar a acepción de nacionalidade no Dicionario porque o puxeron como ‘propio dun estado’. Suíza é un Estado onde conviven tres nacionalidades, polo tanto esa acepción é falsa. Non existe unha nacionalidade suíza, senón que existe unha nacionalidade de fala alemá, de fala francesa, de fala italiana, que forman parte dun estado que é a confederación helvética. Non é o mesmo ser nacional que ser cidadán. O estado español debería de ser un estado de cidadáns, non de nacionais. Para nós iso é un punto importantísimo, ese recoñecemento internacional como nación.

Falabas antes dos motivos polos que os galegos emigraron a Suíza. Unha vez chegados alí, cales foron as dificultades ás que se enfrontaron?
A principal, o idioma. É un tópico triste, pero é así. O nivel de intregración que pode ter un emigrante galego en Suíza, comparado cun en Caracas ou en Bos Aires, é do día á noite. A lingua axuda moito a integrarse e os galegos chapurreaban italiano cando podían e servíanse de sinais para convivir. O interesante é a segunda xeración, que tivo a oportunidade de escolarizarse tanto en francés como en alemán, que son o que agora os suízos chaman os ‘Secondos’. A propaganda suíza di que son a xeración que máis oportunidades laborais ten polo manexo fluído de dúas ou tres linguas e por determinadas características de sacrificio. Pero esa é unha propaganda oficial porque os descendentes de galegos, nacidos e criados en Suíza, non
coinciden niso. Aínda hoxe, segundo eles, ter apelidos estranxeiros en Suíza é unha cousa que laboralmente non axuda a conseguir determinados traballos. Unha cousa é o que di a axencia de noticias de Suíza, cando fai as reportaxes sobre os descendentes de inmigrantes, e outra é o que contan os descendentes.

Coméntase, non obstante que os galegos sempre estiveron ben vistos en Suíza, fronte a outros inmigrantes...

Os galegos estiveron ben vistos cando chegaron os outros inmigrantes. É como aquí. Aquí agora poden ser mellor vistos os latinoamericanos porque os romaneses son peores,... Suíza tivo varios referendos para expulsar os estranxeiros e co paso do tempo, agora ten unha poboación emigrante moi grande dos Balcáns, de Iugoslavia, Croacia, Turquía..., e claro, os suízos cando comparan esta poboación e incluso moita de orixe musulmá, é lóxico que prefiran ós galegos, que pasaban máis desapercibidos, pero é simplemente por iso, non é porque sexan mellores.

Os emigrantes galegos sempre intentaron conservar a súa identidade...
Hai moita xente que mantén a súa identidade porque non lle queda máis remedio. Se ti vas da Costa da Morte a Alemaña, ou falas alemán ou falas galego, non é un acto consciente.

Pero si que é certo que os emigrantes se asociaron moito nos países de destino...
Si, e iso é unha herdanza dos galegos de Latinoamérica. Hoxe, o centro galego máis importantes de Europa é o de Xenebra, A nosa Galiza. Aí hai un compoñente identitario e cultural moi importante, pero en Latinoamerica, cando nacen os centros galegos fano pola febleza dos estados que acollían a todos estes inmigrantes. Era unha maneira de darse sanidade, ensino, etc. É por iso que aquí, en Galiza, ou no Estado español, as asociacións de inmigrantes non teñen razón de ser, porque o Estado fornece todo o que ti precisas, desde ensino a asistencia sanitaria, e facer unha asociación para montar catro mesas e falar, pois tamén poden facelo nun bar. Pero iso non acontecía en Latinoamerica, por iso cando se ve nas noticias que todos os centros galegos teñen servizos médicos, escola, etc, non é un capricho, senón que eles estaban autodotándose de algo que os propios estados que os acollían non os podían dotar.
Agora, no caso de Suíza, si é importante, porque nun principio tamén os centros galegos servían, sobre todo en comunidades onde a lingua é distinta, como forma tamén de manter determinadas actividades, de axudarse mutuamente na procura de traballos, na regularización... Os suízos foron moi estritos, xa que por exemplo os galegos podían emigrar pero non podían levar a familia nin a muller. Serviu para que os primeiros que chegaban foran ensinando ós que viñan detrás.

Tivo e ten algo de positivo a emigración galega?
Eu considero que ningunha emigración ten nada de positivo. Nin a dos latinoamericanos aquí nin a dos turcos en Alemaña. É unha pobreza para o país. Ninguén emigra de países ricos. Todos eses discursos de ONG e de congresos de chichinabo que falan de multiculturalidade, de riqueza, son mentira. Sempre as culturas dos países que reciben ós inmigrantes anulan completamente a cultura do que chega. A segunda xeración perde os seus sinais de identidade e non quedan máis que cuestións folclóricas que desvirtúan o que é unha identidade cultural. A emigración é empobrecedora tanto para os que emigran como para os países que teñen que deixar que as súas sociedades marchen a facer a vida a outras partes. Por poñer un caso: En Galiza, que foi un país emigrante, aínda está por analizarse que se fixo con todos eses millóns de remesas que chegaron aquí, que serviron, basicamente, para engordar bancos e para industrializar outras zonas do Estado. Unha das críticas que se fai, por exemplo, ás remesas que os latinoamericanos mandan hoxe ós seus países é que serven simplemente para mercar bens de consumo que se producen no primeiro mundo e en ningún caso van eses capitais nin para crear industrias nin para dar traballo a xente que está en Ecuador nin en Perú nin en ningún destes sitios, servirán para mercar discos de Jana Montana e para aforrar para ir a Disney World. É dicir, o balance final da emigración é malo para os que se van e malo para os que quedan. Que os fillos aprenderon a falar alemán? Pois si, pero ti non podes facer unha sangría dunha sociedade para que 5.000 rapaces aprendan a falar alemán. Iso non é un balance positivo. E depois vén o problema identitario. Ti podes falar cun fillo de galego nacido en Suíza, de 40 anos, que sente que non é suízo. Falan moi ben alemán, pero non son suízos....

Porque alí non teñen dereitos a votar os inmigrantes nin a moitas outras cousas...
A votar si teñen dereito nas municipais, pero non teñen un pasaporte suízo. Aí fixéronse varias leis, déronlle unha oportunidade, na que tiñan que pagar, e eles dixeron que a ver por que tiñan que pagar se viven alí, naceron alí,... Aí vén esa ambivalencia, porque veñen aquí e resulta que si que son de aquí, pero despois de vivir 40 anos nun sitio, ti daste conta de que non es de aquí nin de alí. Hai moita xente, moito pijotero, artistas, que cando os entrevistan din que é mellor ser así, un pouquiño de cada sitio, pero non. A xente necesita bases sólidas firmes, unha identidade. Isto non é un menú de casamento, a xente non se fai de anacos, non poden facerse persoas nin culturas á carta. Cando a xente di que a emigración é un enriquecemento é mentira, falso, patético. É máis, no caso da emigración suíza, moitos, como non puideron levar os fillos, deixáronos criándose cos avós aquí e cando se xubilaron e retornaron tiveron problemas con eles porque non os recoñecían como pais. Polo tanto, o diñeiro, os pisos que compraron aquí grazas a estar en Suíza, non valen para nada. A emigración é un drama humano, non trae ningún enriquecemento nin é ningunha cuestión multicultural nin restaurantes turcos, é empobrecer para as sociedades e para as persoas, outra cousa é que vaias de viaxe, pero do resto, balance negativo.

Estades traballando xa nun próximo libro futuro?
Pensabamos facer un sobre Andorra, onde hai 10.000 galegos, pero parece que o Ministerio non está moito polo labor. O que si imos quitar este xuño é un libro con A Nosa Terra, dun fillo dun exiliado galego que naceu en Francia. Hoxe ten 70 anos e é un dos principais fotógrafos vivos de Latinoamérica, premio nacional de fotografía en Venezuela. O libro recollerá o seu traballo e tamén incidirá na vida do pai, o comandante Soutomaior. O libro estará en francés, español e galego e é interesante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario