xoves, 3 de xuño de 2010

Viaxe histórica por Galicia a través do retrato


A exposición de Caixanova revela a diferencia de clases ou a emigración na sociedade do país entre 1880 e 1960

PAULA BOUZAS Actualizado 02/06/2010 - 18:41 h.

Imaxes desde a emigración en América, retratos nas escolas franquistas ou mesmo fotomontaxes con vivos e falecidos forman Pano de fondo, a exposición que desde o 2 de xuño e ata o 31 de agosto acolle o Centro Social Caixanova de Santiago. A mostra abarca coleccións de toda Galicia desde o ano 1880 ata 1960, nunha reflexión sobre o apoxeo da fotografía de estudio .

“A partir dos sesenta entran os electrodomésticos nas casas e, con eles, a cámara fotográfica”, sinala como causa do declive desta etapa Manuel Sendón que, xunto a Xosé Luís Suárez Canal, é o comisario da mostra. Pano de Fondo conta con varios autores e seccións, como Fotomontaxes onde se observa un retrato familiar no que se introduciu a imaxe do avó, falecido tempo atrás. Tamén o posado dun matrimonio separado a milleiros de quilómetros pola emigración, unindo dúas imaxes individuais. Sendón sinala que estas fotografías funcionaban “como elemento de cohesión familiar na diáspora, algo que aínda non se estudou o suficiente”. Indianos ostentando co seu reloxo de ouro, militares, deportistas ou vodas –nas que, co paso dos anos, pode apreciarse a evolución dos traxes escuros cara ao branco– compoñen Pano de Fondo.

“Tratamos as fotografías dixitalmente, algunhas estaban moi estragadas, pero sempre mantivemos o seu significado”, explica Suárez Canal. Sendón indica como, ao ampliar varios retratos femininos do coruñés José Samaniego, apreciábase como “foran operadas”, por exemplo, afinando a cintura. O comisario sinala que aplicaron varios retoques para ocultalo “e non desviar a función inicial da imaxe”.

O pano de fondo é o fío condutor da mostra. Nuns casos oculta a horta que se empregaba a modo de estudio e noutros non é suficiente para abarcar a familias de ata trece fillos. Tamén forma parte dos retratos escolares do franquismo ou inclúe as recreacións máis luxosas para os burgueses de principios de século. No último caso, adoitaban posar mostrando unha falsa espontaneidade que chocaba coa rixidez dos retratos dos labregos.

Pano de fondo reúne traballos de autores e estudos como José Domínguez, de Gondomar; Foto Chao, de Ribadavia; o afeccionado Pedro Brey, do Val do Ulla; José Vidal, de Laxe; José Pacheco, de Ourense, ou Jaime Pacheco, de Vigo. As imaxes da mostra foron cedidas por 70 institucións e particulares, como o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o CGAI ou o Museo de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario