mércores, 30 de xuño de 2010

O outro expolio de Meirás


A revolta labrega que entre 1933 e 1936 enfrontou os veciños de Meirás coas autoridades civís e relixiosas supuxo o preludio do expolio.

DANIEL PRIETO 20/06/2010

A represión nos anos posteriores á revolta

Ahistoria de como o pazo máis famoso de Galicia se converteu nunha icona do franquismo é episodio ben coñecido. Aínda hoxe, as Torres de Meirás, situadas no municipio coruñés de Sada, continúan sendo un símbolo do antigo réxime. As súas portas, pechadas á cidadanía a pesar de que o inmoble foi declarado Ben de Interese Cultural, exemplifican á perfección esa situación. O que non é tan coñecido é o feito de que, nos anos 30, unha desputa polas terras da antiga propiedade de Emilia Pardo Bazán rematou nunha revolta labrega que enfrontou os campesiños desa parroquia coas autoridades civís e relixiosas. O episodio está directamente vencellado co suceso que virá despois, co expolio das terras dos labregos para duplicar a contorna do recinto, que sentenzou os seus actores a un castigo brutal. A alta burguesía coruñesa afín ao réxime empregou o eufemismo de “doazón” para cualificar o roubo.

A revolta labrega de 1933-1936 saldouse con 50 procesados, tres asasinatos e numerosos represaliados, e acadou unha notabe repercusión mediática en todo o Estado. O historiador local Manuel Pérez Lorenzo, que estaba realizando unha investigación sobre os irmáns Picallo, quedou fascinado coa revolta de Meirás e encontrouse con que o seu propio bisavó, José Monzo Ríos, participara na mesma. Outro dos dirixentes máis destacados da mobilización foi Francisco Babío Portela, o avó de Carlos Babío, edil do BNG en Sada, que leva anos recabando información sobre todo o relativo a Meirás. Tanto Babío como Manuel representan o espírito dos seus antecesores. Ambos os dous levan loitando toda a súa vida por recuperar a memoria silenciada de Meirás.

Todo comezou cando José Gayoso Barral regresou de América, onde amasara unha gran fortuna. Mercoulle as terras á última propietaria do pazo, Blanca Quiroga Pardo Bazán. Os 22 ferrados de extensión estaban subarrenadados á súa vez a dúas familias de campesiños, as de Juan Carballeira e Eduardo López Barral. En 1933, o emigrante retornado decidiu dobrar a renda que debían pagar os usufructuarios: un ferrado de trigo por cada un de extensión. “Abonar esa nova tarifa era algo inasumible para os agricultores daquela”, explica Manuel Pérez. Gayoso negouse a calquera negociación malia a insistencia dos labregos, que decidiron acudir á Xustiza para denunciar o abuso que se estaba a cometer con eles. Moitos tiñan en arrendo as terras desde había máis de 200 anos, segundo Xoán Antón Suárez Picallo.

Ao principio o xulgado de Sada deulle a razón aos campesiños. Pero Gayoso mantivo unha reunión co maxistrado, José Pérez Pazos, e este cambiou de opinión ao pouco. Os veciños presentáronse entón no Xulgado de Betanzos, que tamén fallou a prol do propietario. As dúas familias labregas foron expulsadas das terras acusadas de impago. Pero Carballeira e Barral estaban afiliados ao Sindicato de Profesións Varias de Meirás –adscrito á CNT– e existía unha gran solidariedade entre os labregos da zona, que mantiñan contactos cos anarquistas da bisbarra. O sindicato apoiou os afectados desde o comezo, e aconselloulles volver ás terras.

O propio Gayoso acudiu entón a Meirás acompañado do xuíz de Sada e unha parella da Garda Civil, que entrou nas casas dos veciños para requisar e destruir os apeiros de labranza. A reacción dos veciños foi inmediata. O 23 de abril de 1933, un cento deles tentaron tomar as terras. A Benemérita freou en seco a súa tentativa arrestando a varias persoas, que foron postas en liberdade tras escoitar as argumentacións dos sindicalistas. A partires deste momento, as principais cabeceiras españolas da época fanse eco dos sucesos que estaban a acontecer en Meirás. O periódico da CNT de Madrid mesmo resposta ás virulentas críticas cara os campesiños dos medios máis conservadores, como El Ideal Gallego ou ABC.

A situación de tensión era tal que os gardas decidiron acampar en torno ás parcelas para manter alonxados os labregos. O día en que os axentes ían ser relevados, as mulleres aproveitaron para acudir ás terras e sementalas acompañadas dos seus fillos, para evitar recibir danos físicos. Pouco despois, uns cincuenta campesiños volven ao ataque e tentan recuperar de novo as terras. Prodúcese entón a detención doutros cinco campesiños, que son trasladados á cadea de Betanzos.

Nese momento acontece un dos capítulos máis incribles desta historia, xa que numerosos veciños de Meirás e das parroquias colindantes realizan unha manifestación que transcorre desde Sada a Betanzos. Portan unha pancarta co lema Queremos a liberdade dos nosos presos. As forzas da orde interveñen e, nesta ocasión, son arrestadas 50 persoas, entre elas varios anciáns e unha nena de once anos que foi absolta. As demais debían presentarse no xulgado cada quince días, e cinco foron encarceradas durante varios días. Dos 50 procesados, 27 eran mulleres. “Isto dá boa mostra da relevancia da participación feminina nos acontecementos”, indica Manuel Pérez.

O sindicato de Meirás imprimirá un manifesto no que salienta que a loita de Meirás “contra o ricacho Gayoso” é a loita “contra todos os explotadores dos labregos, contra todos os que rouban o produto do noso traballo”. Ademais, o manifesto reflicte que “os xuíces e as súas leis, os gobernadores e os seus alcaldes, a Garda Civil e os seus fusís, os curas e os seus sermóns, todos están interesados en someter aos pobres en beneficio dos ricos”. “Non retrocederemos. A axuda que nos prestáchedes, labregos da comarca, faille tremer ata os ósos aos nosos explotadores”, prosegue o texto, que alenta os veciños. “A potente enteireza das mulleres de Meirás e Mondego ao sementar as terras, a brutal acometida dos negros tricornios lanzándose á carga sobre as nosas compañeiras, todo esto servirá para estreitar máis as nosas filas, lanzándonos ao ataque ata vencer”.

“O cura pretende queimar a igrexa para despois arrincarvos as pesetas coas que facela de novo. Nada de queimar igrexas, queimade os curas ladróns. Colonos do cura de Meirás, ese porco con sotana davos o ceo a cambio do que vos rouba, non lle paguedes nin un céntimo a ese ladrón”, conclúe o texto.

E é que o conflito recruécese tras o trunfo da dereita nas eleccións xerais de 1933, desta vez a causa da Igrexa. Tras a aprobación da Lei de Arrendamentos Rústicos, o crego de Meirás, Benigno Mayo, aproveita para adoptar unha estrataxema semellante á do arribista Gayoso. O cura pretende sacar máis rendementos das terras, pero os campesiños de Meirás mantéñense unidos. A finais do período republicano, os labregos toman a casa reitoral, da que expulsan ao cura e penduran unha bandeira republicana. Convírtena no seu cuartel xeral durante varios meses, e incluso empregan a porta principal como taboleiro de anuncios.

Tras o golpe de Estado de 1936, as persoas que participaron nestes feitos quedarán marcadas para sempre, ao igual que as súas familias, e serán obxecto dunha dura represión.

Algunhas fontes orais recollidas por Manuel Pérez sinalan que o ilustre sindicalista e xornalista Xohán Antón Suárez Picallo foi un dos líderes da revolta, que participou nas reunións que os labregos de Meirás mantiñan no domicilio de Francisco Babío Portela. Ademais, Picallo publicou en 1935 en A Nosa Terra un artigo sobre o tema e solicitiu no Goberno Civil unha copia dos estatutos do sindicato de Meirás, o que fai pensar que participou na revolta. .

Ningún comentario:

Publicar un comentario