mércores, 2 de xuño de 2010

A maioría dos presos de Guantánamo eran "combatentes rasos"


Só un 10% dos capturados desenvolveu algún papel destacado na "conxura" americana e un 20% tiña un papel revelante en Al Qaeda

EFE

A gran maioría dos prisioneiros que se atopaban na base de Guantánamo (Cuba) en xaneiro de 2009 eran "combatentes rasos" antes de ser capturados, mentres que só un 10% tivo algún papel destacado en "conxuras contra Estados Unidos", segundo sinala un informe oficial. Outro 20% desempeñou "algún papel relevante en Al Qaeda ou grupos afíns", afirma o informe, terminado en xaneiro pasado e cuxas conclusións apareceron onte publicadas no xornal The Wáshington Post.

O informe recomendou que 48 dos reclusos que aínda permanecían entre reixas na base estadounidense en Guantánamo en xaneiro pasado seguisen encarcerados indefinidamente. Outros 126 prisioneiros deberían ser repatriados ou enviados a algún terceiro país, e 36 deberían ser xulgados ante tribunais federais ou marciais, indica o informe, que non fai recomendación ningunha sobre os reclusos restantes.

A administración do presidente de EEUU encargou o informe para apoiar a súa proposta ó Congreso para o peche do penal de Guantánamo. A súa entrega ás comisións correspondentes do Senado e da cámara de representantes aprazouse tras o intento de detonar unha bomba a bordo dun voo que se dirixía á cidade estadounidense de Detroit o pasado Nadal, sinala o diario, xa que a alarma social xerada polo incidente fixo inoportuna a apertura dun debate sobre o peche da prisión de Guantánamo. The Washington Post di tamén que Obama terá que superar a resistencia de moitos senadores e representantes se espera a aprobación do seu plan para a compra dun penal no estado de Illinois que albergue os 181 prisioneiros que aínda quedan en Guantánamo, para permitir así o peche definitivo desta instalación.

Unicef rexeita o proceso militar a un ex neno soldado

O Fondo de Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) expresou o seu rexeitamento ó procesamento nun tribunal militar da prisión de Guantánamo do mozo canadense Omar Khadr, que foi detido en Afganistán e trasladado a esa base estadounidense en Cuba cando tiña 15 anos. Para Unicef, o caso pode establecer "un precedente internacional perigoso para outros menores que son vítimas de recrutamento en conflitos armados".

Ningún comentario:

Publicar un comentario