Un grupo de 26 asociacións exixe á Xunta que a que foi unha das colonias penitenciarias do Franquismo recorde aos seus visitantes “a barbarie do fascismo”.
Vieiros - 10:30 30/05/2010
Despois de que o conselleiro de Cultura anunciase o “cambio de usos” da Illa de San Simón (Ría de Vigo) para convertela “nun centro cultural de calidade e con proxección internacional, con capacidade para atraer artistas, persoeiros e institucións con relevancia internacional, que permitan espallar a cultura de Galiza”, os colectivos que reivindican a Memoria Histórica desconfían das intencións da Xunta.
Un grupo de 26 asociacións asinaron un comunicado no que solicitan unha xuntanza urxente co Director-Xerente da Fundación da Illa de San Simón, Francisco Xabier Alonso González, para coñecer de primeira man cales son os obxectivos deste novo “plan de usos” e para demandarlle que continúe a ser un “Lugar da Memoria”, no que se desenvolvan actos de “recoñecemento, homenaxe a difusión da memoria de todas aquelas persoas que sufriron a perda da vida e da liberdade por ser demócratas”.
No seu manifesto, estes colectivos exixen que o Goberno “non eluda o recordo ás vítimas e á barbarie do fascismo” e que “siga sendo un referente da nosa memoria histórica” Entenden que no novo plano de usos da Xunta “as actividades obvian totalmente os actos relacionados coa memoria dos vencidos” e defenden que na programación de actos desta Illa, que acolleu a máis de dous milleiros de prisioneiros do Franquismo, deben cumprirse catro premisas. Piden: respecto á musealización xa acometida na Illa en lembranza da Colonia Penitenciaria que foi; o apoio ás visitas de grupos promovidas polas asociacións memorialísticas; que se poña en marcha o Centro Documental sobre a Memoria da Colonia Penitenciaria da Illa de San Simón nun prazo razoábel de tempo; e que se siga realizando o acto que, dende o ano 2006, se ven celebrando o día 18 de xullo na Illa como homenaxe nacional ás vítimas galegas do Franquismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario