domingo, 6 de xuño de 2010

Emilio González: “Só quero enterrar a meu irmán”


A Comisión pola Memoria Histórica pide abrir a fosa de Aranga, a maior de Galicia

DANIEL PRIETO Actualizado 04/06/2010 - 04:14 h


Emilio González tiña nove anos cando o seu irmán José Luis desapareceu para sempre. “Era o ano 1936, el estaba tomando un café na cafetería Méndez Núñez na Rúa Real botando a partida e alí o colleron. Desde aquela non soubemos nada máis del. Debeu de ser porque era republicano, ou porque eramos veciños do xeneral republicano Caridad Pita”, lembra. A familia só recibiu unha sucinta noticia sobre a morte de José Luis o mesmo día en que foi raptado. Un garda civil do cuartel da Coruña, amigo íntimo de José Luis, xogouse a súa propia integridade ao comunicarlles que estaba morto. “Ía de paisano e pediunos que o sacáramos de alí, pero ao día seguinte xa non o atopamos”, di Emilio, o pequeno de cinco irmáns.

A partir de entón, a familia emprendeu unha busca sen descanso para descubrir o paradoiro de José Luis, asasinado con 27 anos. Unha vez falecidos os seus irmáns, Emilio continuou coas indagacións en solitario. “Un día soubemos duns informes que dicían que estaba soterrado no cemiterio de Vilarraso”, unha das zonas que compoñen a fosa de Aranga, a maior de Galicia, onde os historiadores aseguran que xacen ata 80 corpos de represaliados, a maioría sen identificar. “Antes non se podía investigar nada, e agora que podo só quero enterrar a meu irmán”, asevera Emilio aos seus 85 anos. O seu irmán Euloxio decidiu incluso combater contra os nazis “ao saber que a José Luis o fusilaran”, engade.

O desexo de Emilio exemplifica á perfección a iniciativa que presentou onte a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), que continúa reunindo datos para conseguir a apertura da fosa de Aranga e o próximo día 12 organizará unha ruta polo lugar. Antes, esta fin de semana, a entidade organiza senllos coloquios en Betanzos e Guitiriz sobre a represión franquista en 1936. Historiadores como Eliseo Fernández, Emilio Grandío ou Santiago Fernández disertarán sobre o tema. “Moita xente coñece a historia de Hitler e descoñece o que pasou en Aranga. Necesitamos que os testemuños falen, pero aínda teñen medo a vellas pantasmas e ás represalias”, sinalou este último.

Ningún comentario:

Publicar un comentario