luns, 21 de xuño de 2010

O rendible Korda


A casa de poxas Dominic Winter descubriu nas imaxes de Alberto Korda a galiña dos ovos de ouro. O tirón de figuras como o Che ou Fidel Castro está detrás dunha nova poxa –unha anterior chegou a pagarse por 36.000 euros– con instantáneas dos líderes xogando ó golf, pescando ou charlando con Hemingway, Sartre ou Simone de Beauvoir

EFE

O vindeiro día17, a casa de poxas londinense Dominic Winter porá á venda 68 lotes de instantáneas dos que trece levan o selo do fotógrafo cubano Alberto Korda. Entre as imaxes figuran tres do Che, unha delas cunha inscrición de Korda e outra na que aparece unha anotación do fillo menor do médico e revolucionario arxentino, chamado tamén Ernesto, anunciou onte a casa de poxas, con sede no condado inglés de Gloucestershire.

Algunhas das imaxes mostran o Che e a Fidel Castro xogando ó golf, dedicados á pesca en mar aberto ou en compañía do novelista estadounidense e grande admirador de Cuba Ernest Hemingway. Tamén hai instantáneas do Che charlando coa parella de filósofos franceses Jean Paul Sartre e Simone de Beauvoir e unha do líder cubano en presenza dun tigre no zoo de Nova York. Na anterior poxa de marzo, un grupo de sete fotografías asinadas por Korda (1928-2001) vendéronse polo cuádruplo do prezo estimado de 1.000 libras (1.200 euros), e pola colección completa chegou a pagarse o equivalente de 36.000 euros. Ademais das fotografías de Korda ofrécense outras de compatriotas seus como Raúl Corrales, Perfecto Romero, Venancio Díaz, René Burri e Osvaldo Salas. Na mesma poxa inclúense fotografías do Che, de Fidel Castro e da Cuba revolucionaria que fixo para a revista estadounidense Life o británico Alan Oxley. Tamén saen a poxa imaxes de teatro, entre elas unha da coñecida actriz británica Glenda Jackson interpretando a Charlotte Corday en Marat/Sade, de Peter Brook (1966).

Ningún comentario:

Publicar un comentario