Human Rights tamén prové información doutras 57 vítimas que resultaron feridas ou lisiadas na carga
EFE . PEQUÍN
Mentres o réxime chinés segue sen ofrecer unha lista de mortos na matanza de estudantes de Tiananmen, da que onte se cumpriron 21 anos, unha ONG publicou unha investigación independente que recolle os nomes e apelidos de 195 falecidos.
A organización Human Rights in China (HRIC) enviou onte a tradución da investigación realizada polo disidente Jiang Qisheng, chamado Informe independente da situación das vítimas do masacre do 4 de xuño, como se coñece en China.
O informe cita nomes, apelidos e idade de 195 destes mortos, e prové información doutras 57 vítimas que resultaron feridas ou lisiadas na carga do Exército contra estudantes e obreiros a noite do 3 e a madrugada do 4 de xuño de 1989.
A vítima máis nova chamábase Lu Peng e tiña nove anos: as tropas do exército disparáronlle no peito ao redor da media noite e morreu no acto; a máis maior era Zhang Fuyuan, asistente hospitalario retirado de 66 anos e membro do Partido Comunista, que estaba vixiando un centro académico. Zhang foi un dos residentes que faleceu na noite do 3 de xuño, na zona próxima á ponte de Muxidi, cando fuxían do tiroteo intentando refuxiarse nunha ruela. Outra vítima, Zhang Jian, de 17 anos, foi disparada no peito cando se dirixía a visitar ós seus tíos o 4 de xuño; a Dai Wei, un cociñeiro de 20 anos do restaurante Pato Laqueado de Pequín, disparáronlle por detrás cando se dirixía ó seu traballo.
Jiang finalizou a súa compilación o ano pasado, a partir da base de datos do grupo Nais de Tiananmen, que reúne máis dun centenar de familiares de mortos, feridos e desaparecidos, e que segundo elas supón unha pequena parte da cifra total de mortos, que podería roldar entre os 2.000 e 3.000.
Ademais, o autor incluíu os máis de 800 manifestantes que foron enviados a "campos de reeducación laboral" (laogai) pola súa participación nunhas protestas nas que se pedían reformas democráticas e a fin da corrupción dos funcionarios.
EMBAIXADA DE TOKIO IO
Deteñen un líder das protestas
Wuer Kaixi, un dos máis prominentes líderes das protestas pro democracia de 1989 na Praza de Tianamen de Pequín, foi detido onte en Tokio acusado de traspasar o recinto da Embaixada de China, informou a axencia Kyodo. Fontes policiais confirmaron a detención de Wuer o día que se conmemora o 21 aniversario da matanza de estudantes pro democráticos en Tiananmen, que causou entre 400 e 3.000 mortos, unha cifra nunca esclarecida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario