Ex soldados israelís mostran, a través de cen imaxes, o que ocorre cando un Exército ocupa unha sociedade civil, como é o día a día e quen é a vítima real
EFE . MADRID 11.06.2010
Soldados riseiros apuntando coas súas armas ó corpo sen vida dun palestino semiespido, nenos xogando a cachear sospeitosos ou arrestados cos ollos vendados en espera de ser interrogados son algunhas das escenas captadas por ex soldados israelís que fixeron a mili" nos territorios ocupados palestinos, que se expoñen desde onte en Madrid.
Máis dun centenar de fotografías, un libro con outros tantos testemuños e un vídeo forman parte da exposición Rompendo o silencio, na que soldados israelís veteranos dan a coñecer "a realidade" que hai detrás das "prácticas" do exército israelí nos territorios ocupados palestinos por Israel como Gaza, Hebrón ou Belén.
Simcha Levental e Itamar Shaphira, dous dos ex militares que fixeron o servizo militar obrigatorio no Exército israelí e foron destinados ós territorios conflitivos, coincidiron en afirmar que a sociedade debe coñecer e non ignorar a realidade. Ambos os ex militares revelaron que non recibiron ameazas das autoridades israelís por pór "os trapos sucios fóra de Israel".
"Mentres nos defendemos do perigo, creamos outro desastre", segundo os voceiros da organización Breaking The Silence, creada en 2004 para difundir polo mundo, con testemuños, as accións das unidades de combate israelís nos últimos anos e especialmente durante a "ofensiva chumbo fundido" entre 2005 e 2007, un período no que decrecera a segunda Intifada.
A exposición exhibe a "porta traseira" e os "trapos sucios" da actuación militar israelí e entre os máis de cen fotogramas expostos, debaixa calidade fotográfica pero con valor testemuñal, hai escenas de detencións, redadas e controis nas rúas de Hebrón ou Gaza.
Na exposición tamén se exhibe un panel con medio centenar de chaves de vehículos confiscados por circular por estradas prohibidas ou negarse a obedecer ordes nos puntos de control.
Levental, de 28 anos, estivo destinado nas zonas ocupadas cando comezou a segunda Intifada e "cría que iría protexer ó meu país". Con todo, tras abandonar as filas do exército e reflexionar deuse conta de que "a sociedade debe ver a realidade", segundo confesou.
Estase creando unha xeración de terroristas
Pola súa banda, Saphira, de 30 anos, mostrouse máis contundente ó afirmar ós xornalistas que coas súas accións o Exército israelí está creando unha xeración de terroristas entre os nenos palestinos. A exposición, engadiu, achega unha visión da ocupación militar que debe servir para entender de onde sae a violencia e o terrorismo.
Tras pedir unha investigación internacional, independente e pública sobre o recente ataque á flotilla humanitaria, esixiron investigar "o cotián. O que pasa cada día. Que resultados hai cando o Exército israelí invade á poboación civil", a "verdadeira vítima" da presenza militar e do bloqueo a Gaza.
España vendeulle a Israel armas por 800 millóns
Durante a presentación da exposición, que permanecerá aberta no Círculo de Belas Artes ata ó 20 de xuño, o director de Amnistía Internacional en España, Esteban Beltrán, aproveitou para denunciar a violación dos dereitos humanos en Israel e nos territorios ocupados.
Tras denunciar o excesivo uso da forza e os malos tratos contra a poboación palestina, esixiu o fin do bloqueo a Gaza, que mantén encarcerados 1,5 millóns de persoas e unha situación de crise humanitaria.
Así mesmo reclamou unha investigación internacional sobre o ataque á flotilla humanitaria e esixiu a paralización da venda de armas a Israel. Neste sentido afirmou que o ano pasado España vendeu a Israel armas por valor de 800 millóns de euros, dos que a cuarta parte incluía bombas, torpedos e mísiles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario