As Misións Pedagóxicas permitíronlles ós intelectuais da Segunda República decatarse do valor da cultura secular que gardaban as aldeas
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
A Casa das Asociacións de Cornes, en Compostela, acolleu ata hai pouco unha mostra sobre as Misións Pedagóxicas da Segunda República, comisariada por Eugenio Otero Urtaza. Este experto, profesor de Historia da Educación na Universidade de Santiago ofrecerá o vindeiro día 23 un relatorio sobre o tema no seo da Bienal de Pontevedra. Será ás 20.00 horas no Museo da cidade. Aquela exposición amosaba documentos de Rafael Dieste, figura clave das Misións Pedagóxicas en Galicia, que mesmo coñeceu a súa muller, Carmen Muñoz, -que inspirou o personaxe do mesmo nome da novela Sol de Inverno, de Rosa Aneiros- no seu traballo nas Misións.
O nivel de analfabetismo era moi grande antes do comezo das misións, sobre todo no rural. E o primeiro Ministerio dedicado á educación non chegou moi cedo...
O Ministerio de Instrución Pública creouse no 1900. Houbera un intento no 1886, co goberno de Sagasta, que non chegou a realizarse. O primeiro que se fixo foi centralizar os pagamentos ós mestres, que antes estaban nas mans dos concellos, polo que era posible que estivesen varios meses sen cobrar por non gustarlle ao cura, ao cacique...
Como comezaron as Misións?
As Misións Pedagóxicas creáronse no ano 1931, no comezo da Segunda República. Xa antes, no 1881, Francisco Giner de los Ríos tentara facelas, porque os mestres estaban illados nas aldeas: tiñan que ir a pé, moitas veces varios quilómetros, e cando chegaban non só non había nada para dar as clases senón que se atopaban coa oposición do cura, o cacique local... Ademais, no rural cobraban menos. Cando se crean as Misións Pedagóxicas, o obxectivo era, fundamentalmente, animar culturalmente as aldeas, amparar eses mestres rurais e mellorar a educación da cidadanía. O Goberno republicano quería que nas aldeas, a xente tamén se identificase coas ideas de liberdade, democracia..., que os labregos entendesen o cambio político.
Había unha Comisión Central, xuntas locais... Como se organizaron as Misións?
Creouse un Padroado, e o seu primeiro presidente foi Manuel Bartolomé Cossío. Na Comisión Central estiveron figuras como Antonio Machado ou Luis Álvarez Santullano. O traballo das Misións consistía en que un grupo de persoas ía unha semana ou quince días a unha comarca, da que visitaban varias aldeas, para levar a modernidade da cidade: o cine, o gramófono e, sobre todo, libros. Entre o 32 e o 26 desen- volveuse a campaña de lectura máis grande que houbo en España: creáronse 5522 bibliotecas. Cada Misión levaba un lote de cen libros, que normalmente quedaba na aldea. Así, distribuíronse 600.000 libros. Tamén levaban ás aldeas teatro -Alejandro Casona dirixía o grupo-, un coro.... A maior parte dos misioneiros eran mestres, pero tamén había rapaces daquela novos que despois serían dos mellores intelectuais da época: Luis Cernuda, María Zambrano, Rafael Dieste, Miguel Hernández...
Como foron as Misións Pedagóxicas en Galicia?
A Galicia non chegou o grupo de teatro, que se moveu máis ben por máis preto de Madrid. As primeiras Misións galegas creounas, por iniciativa propia, Rodríguez Cadarso, o reitor da Universidade de Santiago. Recibiu felicitacións do propio Padroado por isto. As Misións xa organizadas desde o Padroado tróuxoas Rafael Dieste, e desenvolvéronse entre agosto e decembro do 1933. Coas Misións veu o museo ambulante de pintura, que eran copias de cadros do Museo do Prado. Para moitos labregos, era a primeira vez que vían cine, e tamén a luz eléctrica..., ou o gramófono. As Misións foron polas catro provincias galegas, e nelas ían oito persoas: os galegos Rafael Dieste, Xosé Otero Espasandín, Cándido Fernández Mazas e Antonio Ramos Varela; e de fóra viñeron Ramón Gaya, Antonio Sánchez Barbado, José Valdelomar e Arturo Serrano Plaja. A Dieste encargoulle Cossío que creasen marionetas, e primeira actuación desas marionetas tivo lugar en Malpica, en outubro do 1933. De feito, a obra Quebranto de doña Luparia y otras faras de Dieste está baseada nas marionetas das Misións Pedagóxicas. Rafael Dieste fixo despois outras Misións fóra de Galicia.
Alcanzaron os seus obxectivos?
As Misións ían levar ás aldeas a cultura que se estaba a desenvolver nas cidades, o cine por exemplo. Poñían películas documentais e cómicas. Kodak agasallara un paquete de 500 documentais, deste xeito a xente das aldeas podía ver cousas como os edificios de Manhattan ou unha tribu do Pacífico. Para moita xente foi a primeira vez que vían algo así. Pero tamén é moi importante o feito de que aqueles intelectuais se decataron de que eles tamén tiñan moito que aprender da cultura secular dos labregos, e que isto era importante para os cambios que se estaban dando na Segunda República.
DATOS
"Agora non se ven a ilusión e máis o optimismo que tiña aquela xente"
Ademais da dimensión cultural, foi importante a da renovación pedagóxica que achegaron as Misións, non?
Era un movemento educativo que viña de máis atrás. No 1907 creárase a Junta de Amplicación de Estudios, que no 1911 comezou a enviar mestres por Europa... Así se chegou aos anos 20. Igual que houbo unha idade de prata literaria -a da Xeración do 27-, científica, artística... tamén houbo unha pedagóxica. Todo isto desembocou na República.
Co franquismo acabáronse as Misións. Que quedou delas?
Foron pechadas no 37. Despois houbo outras misións, como as da Sección Femenina, pero non tiñan nada que ver. O que si hai é antecedentes como as Misións Culturais de México, do 23 ao 38, ou despois da guerra civil e da Segunda Guerra Mundial, as Misións SocioPedagóxicas de Uruguai. Sobre o que quedou, son bastante escéptico. Hoxe non se ve a ilusión daquela xente naqueles tempos. Tampouco é comparable: foi algo irrepetible, singular... Eu creo que non se pode educar sen optimismo, ilusión... e se cadra agora aquí a parte da xente que se dedica a ensinar non lle gusta o ensino...
Ningún comentario:
Publicar un comentario