A crise financeira suma 400.000 falecementos infantís máis ao ano ·· Co ritmo actual, o obxectivo de reducilos en dous terzos non se acadará no 2015, senón no 2045
REDACCIÓN . SANTIAGO
Fracaso. É o único cualificativo posible ante o incumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) asinados polos líderes mundiais no ano 2000.
Polo menos no que se refire ao número catro: reducir en dous terzos a mortalidade dos menores de cinco anos. Un obxectivo que, co ritmo actual, non se acadará antes do 2045, tres décadas por riba do prazo establecido nos ODM e que se traduce en 12 millóns de nenos mortos só en África, segundo alerta a ONG Save the Children.
Na actualidade, case nove millóns de cativos falecen antes de cumprir un lustro de vida. A metade deles, arredor dos catro millóns e medio, no continente africano.
A situación vese agora agravada co efecto da crise financieira e económica global que, segundo as estimacións do Banco Mundial (BM) para o período 2009-2015, suma entre 200.000 e 400.000 mortes infantís máis á lista de cada ano.
Así o advirte Save the Children no informe "A Seguinte Revolución: Déamoslle a cada neno e nena a oportunidade de sobrevivir", no que se denuncia que malia existir un "amplo consenso" respecto das accións necesarias para reducir os niveis de mortalidade nenonatal e infantil a escala masiva, "os gobernos e outras instancias influentes fracasaron en prover o liderado, os recursos e o sentido de urxencia que se requiren para facer que estas accións" se materialicen.
Neste contexto, hoxe, Día mundial do Neno Africano, iníciase un período de cen días para impulsar o esforzo necesario de cara a acadar o citado cuarto ODM.
Neste prazo, no caso de África, os doadores internacionais e os países máis ricos deberían comprometerse, cando menos, a duplicar a axuda bilateral destinada á atención sanitaria materno-infantil: dos 31.000 millóns de dólares americanos de 2008 ata os 67.000-76.000 millóns en 2015 se queren ver realizado ese obxectivo. Ademais, os gobernos africanos deben destinar polo menos un 15% do seu orzamento a gastos sanitarios.
Tres citas esenciais durante os cen días de traballo
Durante eses cen días, os líderes mundiais reuniranse en tres citas: o G8 en xuño; a Unión Africana en xullo; e o cumio de Nacións Unidas, no que se revisarán os Obxectivos do Milenio, en setembro.
Eses tres encontros teñen, por separado, a posibilidade de alcanzar acordos concretos para previr a mortalidade infantil de nenos e nenas, pero "xuntos presentan unha oportunidade única para a acción global", sinalou a ONG de defensa dos dereitos de infancia.
Segundo o informe publicado por Save the Children, son tres as causas principais dos altos niveis de mortalidade infantil no mundo: un reducido número de doenzas que concentran o 90% dos falecementos de menores de cinco anos - pneumonía, xarampón, diarrea, malaria e sida, así como afeccións neonatais-; a carencia dunha necesaria infraestrutura sanitaria, a "non atención" por parte das nais e a desnutrición, factores que expoñen os cativos a caer enfermos; así como a falta de gobernabilidade e o efecto dos conflitos violentos.
EN CIFRAS
6 países suman a metade das mortes infantís: India, Nixeria, República Democrática do Congo, Etiopía, Paquistán e China
15 veces menos probabilidades ten un bebé de falecer de pneumonía se é aleitado de forma exclusiva os seis primeiros meses
57 países acusan unha "escaseza crítica" de traballadores da saúde, 36 deles en África
28% das mortes de nenos están vinculadas á falta dun saneamento axeitado e ao consumo de auga insalubre
8,8 millóns de nenos e nenas morreron antes de cumprir os cinco anos no 2008
45.000 millóns de dólares se precisan para acadar o obxectivo do milenio de mortalidade infantil e materna
Datos do informe "A Seguinte Revolución: Déamoslle a cada neno e nena a oportunidade de sobrevivir"
Ningún comentario:
Publicar un comentario