luns, 3 de maio de 2010

"Memoria do nacionalismo galego" percorre os seus últimos 170 anos de historia


VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO

O Teatro Principal acolle mañá, ás 20:30 horas, a estrea do documental Memoria do nacionalismo galego, un percorrido polos 170 últimos anos da historia política, social e cultural de Galicia a través das ideas e das organizacións políticas que crearon o nacionalismo galego. Dende o Rexionalismo do século XIX, ata Castelao e o Estatuto do ano 1936, dende a Transición ata a actualidade, o filme reúne 27 testemuñas, entre historiadores -como Xusto Beramendi ou Xosé Ramón Barreiro- e protagonistas -como Xosé Manuel Beiras, Isaac Díaz Pardo, X.L. Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez ou Anxo Quintana- que percorren o galeguismo político dende mediados do século XIX aos nosos días. A Fundación Galiza Sempre e IB Cinema producen esta cinta dirixida por Xabier Macías, Comba Campoy e Xosé Zapata coa que pretenden achegar a idea de que "a pluralidade do nacionalismo é unha virtude, non un defecto". Falamos con Xabier Macías, director da Fundación Galiza Sempre e coa xornalista e actriz Comba Campoy sobre este filme, no que comezaron a traballar hai tres anos e que se emitirá pola TVG.

A que responde a idea do documental?

Macías: Un dos obxectivos é facer un traballo de divulgación da memoria histórica e do nacionalismo galego. A consecuencia lóxica do noso traballo ao longo de dez anos foi facer un formato ambicioso que permitira iso.

Que retos lles supuxo reconstruír 170 anos de nacionalismo?

Campoy: É complexo porque queriamos chegar ás raíces do protonacionalismo, o movemento provincialista, o levantamento de Carral. O propósito era vincular esas orixes do nacionalismo co momento actual. Para levalo á linguaxe audiovisual que require ser máis sintético que un volume escrito, obrigounos a ser sintéticos e a destacar só os elementos máis fundamentais. Foi un traballo de tres anos dos cales unha boa parte adicamos á montaxe porque, unha vez recolleitas as testemuñas, o proceso de montaxe foi longo e traballoso e obrigounos a ser moi selectivos.

Por iso optaron por dividir en dúas partes a produción?

Campoy: Si, iso tiñámolo claro dende o comezo. A primeira abranguía os anos antes da morte de Castelao, na que tivemos que recorrer a historiadores e a documentos e fotografías e arquivos fílmicos. É a parte máis de arqueoloxía. E a segunda parte arrinca no tardofranquismo, moito máis viva e dinámica.

Macías: Foron trinta horas de entrevistas que quedaron resumidas en hora e media. Houbo un traballo previo moi importante de facer unha síntese dos temas fundamentais e despois, procuramos respectar que foran as propias persoas entrevistadas as que foran referíndose aos distintos sucesos que están recoñecidos como importantes.

Resumir os distintos puntos de vista debeu ser un dos retos.

Macías: Quixemos reflectir a pluralidade que caracteriza o nacionalismo galego e, no conxunto, como unha virtude, non como un defecto.

Campoy: A proposta estética de que sexa un documental contado dende as persoas que interveñen é unha forma de expresar que o nacionalismo é tamén unha construción colectiva.

Entre as testemuñas figura Antón Moreda, que faleceu a comezos deste ano.

Campoy: Foi unha alegría ter pensado nel e ter feito esa entrevista, que foi bastante especial no sanatorio de Castro. Era unha persoa que empezou a ser recoñecida hai moi pouco e que xogou un papel importante na historia do nacionalismo. O feito de moitas das testemuñas do documental é relevante e vai a ter unha pegada futura. O documental non só está pensado para o presente senón tamén para os espectadores do futuro. Macías: A nosa intención foi recorrer a fontes directas que tiveron unha relevancia histórica pero, co paso do tempo, foron inxustamente esquecidas. Conseguimos xuntar non a todo o mundo pero si un elenco relevante. A intención tamén era documentar a historia do nacionalismo galego como algo para o futuro, coas persoas que o protagonizaron.

REPRESENTATIVIDADE SOCIAL

"Nunca como agora tantos cidadáns se definiron como nacionalistas galegos"

Xusto Beramendi, Xosé Manuel Beiras, Francisco Fernández del Riego, Camilo Nogueira, Manuel Mera, Margarita Ledo, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Manolo Caamaño, Pilar García Negro, X.L. Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Elvira Souto, Lois Diéguez, Encarna Otero, Bautista Álvarez, Lidia Senra, Xesús Veiga, Alfredo Suárez Canal, Anxela Bugallo, Anxo Quintana, Fernando Acuña, Ana Pontón, Antón Moreda, X. Manuel Nuñez Seixas, Carlos Velasco e Xose Ramón Barreiro participan no documental.

Enfocades positivamente o nacionalismo galego, xa que contades como actuou o galeguismo político a prol da democracia e do progreso.

Macías: Esa valoración do nacionalismo galego é de Beramendi, un dos mellores especialistas na historia do nacionalismo galego, que nós compartimos. Seguramente non está suficientemente valorado o papel positivo que o nacionalismo xogou para o avance das liberdades e do progreso do país. Un papel moi relevante e imprescindible. Tamén é certo que, lamentablemente, no nacionalismo se enfoca máis as desavinzas ou os desacordos que poida haber que o papel positivo que xogou e xoga. Incluso ás veces, enténdese mal a pluralidade. A xente favorable ó recoñecemento dos dereitos nacionais de Galicia vén de moi distintos aspectros ideolóxicos.

Cal é a sensación que quedou do bipartito? Campoy: Cando fixemos as entrevistas, aínda estaban o BNG e o PSOE no goberno, de maneira que intentamos que as testemuñas de cargos no poder como o de Ánxela Bugallo ou Suárez Canal non quedara nese momento senón pola súa traxectoria na fundación do BNG. Intentamos que a presenza do nacionalismo no poder tivera o menor peso posible no relato.

Macías: Ao facelo así, cremos que as reflexións serven para o futuro. O BNG foi o que permitiu as maiores cotas de interacción social e representatividade política do nacionalismo político.

Cal foi o momento histórico no que o nacionalismo galego tivo maior auxe?

Campoy: Quizais o teña algo idealizado, pero para min foi o momento das Irmandades da Fala e cando o Partido Galeguista conseguiu mobilizar a sociedade para a aprobación do Estatuto.

Macías: Eu creo que a experiencia do Partido Galeguista foi moi interesante porque, como se di no documental, estaba medrando nos tempos da República. Nas eleccións do 33, sacou máis votos que o PSOE en Galicia. Pero aínda así, eu creo que o mellor momento do nacionalismo galego é hoxe, no sentido amplo, é dicir, nos últimos vinte anos. Nunca como agora houbo un nivel de representatividade social e de cidadáns que se definan como nacionalistas galegos, non só no sentido político senón tamén cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario