sábado, 3 de outubro de 2009

A guerra escapa aos autores españois


Natalia Arias- Xornal, 3-10-09

Setenta anos despois do inicio do conflito bélico que máis mortes xerou, a Segunda Guerra Mundial, as editorias abarrotan as librarías con máis dunha vintena de títulos, que asinan, sobre todo, autores británicos.

Espías, estrategas militares, heroes bélicos, soldados rasos, grandes líderes e xentes do común coas súas historias. A II Guerra Mundial é un dos episodios históricos que máis páxinas deu á literatura e minutos de película ao cine. Setenta anos despois da fin da contenda que rematou coa vida do 2% da poboación mundial, o filón non se esgotou.
As editoriais botaron man para o aniversario das figuras da casa. David Solar (El último día de Adolf Hitler, 2002) retoma para Esfera o ditador nazi e aborda en 1939. La venganza de Hitler a súa obsesión por resarcirse da derrota sufrida por Alemaña no 1918.
Tamén Crítica aposta por un autor consagrado, Antony Beevor, que despois de títulos como Stalingrado (2004) ou Un escritor en guerra: Vasily Grossman en el Ejército Rojo, 1941-1945 (2006) volve ás librarías con El Día D. Cartas privadas, diarios de soldados e antigas entrevistas permítenlle reconstruír, cun realismo estremecedor, o horror vivido por miles de soldados e civís durante o Desambarco de Normandía, un episodio que o coñecido autor británico de best-sellers quere desmitificar, xa que considera que foi aproveitado polos vencedores para convertelo en “propaganda comercial”.
A firma edita tamén La Segunda Guerra Mundial, descrición feita polo propio Winston Churchill, con prólogo de Pedro J. Ramírez, e Hitler. Los alemanes y la solución final, de Ian Kershaw.
Edhasa, en cambio, opta pola novela con títulos como Luz de Vísperas, de Mauricio Wiesenthal, ou Viaje a ninguna parte, de Eva Figes. Porén, quizais o título máis novidoso do catálogo deste ano sexa Brohers in Arms. Autopista al infierno, de John Antal. Trátase da novelización dun videoxogo, que publica a través do selo Marlow.
(...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario