É a primeira vez que un álbum de banda deseñada editado en Galiza consegue este galardón.
Vieiros - 17:35 05/11/2009
O álbum As serpes cegas, editado polo colectivo BD Banda, é o novo Premio Nacional de Cómic. O Ministerio de Cultura outorgou por primeira vez este recoñecemento a unha obra editada en Galiza. O guionista madrileño Felipe Hernández Cava e o debuxante mallorquino Bartolomé Segui recibirán o galardón, dotado con 20 mil euros.
BD Banda confirma así a súa entrada con bo pé na edición de álbums de banda deseñada. Logo de ser publicada como serie por entregas na revista BD Banda, As serpes cegas converteuse en 2008 no primeiro álbum do colectivo, cunha tiraxe de 1.500 exemplares en galego e dous mil en castelán. Desde entón xa acumulou un bo feixe de recoñecementos. O do Ministerio de Cultura súmase a outros conseguidos anteriormente, como o Premio da Crítica, o Premio do Saló del Còmic de Barcelona á Mellor Obra e ao Mellor Guión ou o Premio Diario de Avisos ao Mellor Guión. Críticos especializados de medios galegos, estatais e franceses estimaron neste tempo a calidade do debuxo e do guión. A obra foi agora publicada en Francia pola prestixiosa editora Dargaud.
As serpes cegas narra a historia dun emigrante que chega a Nova York no ano 1939 na procura de Ben Koch, un home que incumpriu un pacto. De xeito paralelo vemos como en España, a Guerra Civil está xa perdida para os republicanos, que se ven impotentes para prolongala ata o estalido dunha conflagración europea que modificará o mundo. Todo o universo dos protagonistas está presidido pola urxencia en axustar, durante eses días de abafante verán, as súas contas persoais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario