luns, 14 de maio de 2012

"A dereita autoritaria prefire a ignorancia"


Categoría: Primeira Plana Publicado o Xoves, 03 May 2012 08:00 Escrito por Montse Dopico
A dereita autoritaria é antidemocrática, e prefire e ignorancia sobre cuestións como a memoria histórica. Non só porque tente evitar os temas conflitivos. Senón porque os beneficiarios do franquismo non queren que se recorde cando se forxou o seu poder. Así o afirmou onte o historiador Ramón López Facal na presentación do proxecto ‘Donde habita el recuerdo’ de Clemente Bernad: un documental e un libro de fotografías sobre os traballos de exhumación das fosas do franquismo.
“Os máis perigosos non son os revisionistas, como Pío Moa e César Vidal, que teñen o seu público, mais minoritario”, senón “os que fixeron carreira no franquismo e na transición”, asegurou. “Políticos coma Martín Villa, que ordenou a destrución de arquivos na transición. Xornalistas coma Fernando Ónega, que foi xefe de prensa da Guardia de Franco. Ou Juan Luís Cebrián, que con 19 anos foi redactor xefe de ‘Pueblo’, o diario vespertino do 'Movimiento”, apuntou. A xudicatura é outro exemplo disto, pois “dos membros do TOP, case todos acabaron no Tribunal Supremo ou na Audiencia Nacional”, lembrou.
E, as persoas que non queren que a represión da ditadura se recorde, “non teñen dereito á placidez” á que se se referiu Rajoy. Por iso son tan importantes traballos como o de Clemente Bernad, en si mesmos “unha acusación” contra os que se opoñen ao coñecemento.
Clemente Bernad explicou que, tras saber polos medios de comunicación dos primeiros traballos de exhumación de restos dunha fosa común en Priaranza do Bierzo, no ano 2000, no que foi o xermolo da fundación da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica, “sentinme interpelado”, e alí foi. “Nos anos 70 fixéranse algunhas exhumacións, pero dun xeito primitivo, sen recursos, e en segredo. Non se conseguira pasar do privado ao público. Cando Emilio Silva promoveu a exhumación dos restos do seu avó na fosa común do Bierzo, xunto co doutros 12 asasinados no 36, iso comezou a mudar. Foi cun equipo de científicos...”, sinalou.
O fotógrafo e documentalista decidiu tentar retratar o horror en toda a súa crueza, ás veces rozando a “obscenidade visual”. Pero tamén quixo facer un traballo polifónico, con diferentes perspectivas sobre o tema, e así naceu o libro ‘Desvelados’. Complementou o proxecto o documental ‘Morir de sueños’, cuxo fío condutor é a historia de María Alonso, unha moza republicana de 32 anos asasinada polo franquismo polas súas ideas. O autor agarda, ademais, que o seu traballo contribúa a distinguir o proxecto “democrático, plural e de liberdades da Segunda República do proxecto criminal e contrario ás liberdades do franquismo”.
A profesora e cineasta Margarita Ledo recoñeceu a dificultade de “representar o horror” a través da imaxe, e o profesor Xosé Ramón Pousa subliñou o poder da fotografía non para mudar a realidade, pero si para cambiar a nosa percepción das cousas e, neste caso, lembrar os milleiros de seres anónimos que acabaron enterrados nas gavias. El mesmo soubo -contou na presentación- hai pouco de dous tíos avós seus represaliados que foran esquecidos, como tantas outras persoas das que non se falou máis nas familias porque, sobre todo nos primeiros anos despois da guerra, a supervivencia foi a prioridade.

A profesora e membro da ARMH Carmen García salientou como foron os “fillos os netos” os que comezaron a investigar e interesarse polo que pasou coa represión franquista. A ARMH leva xa dez anos de traballo, e decatouse de que “os mortos falan, e as súas familias tamén comezan a falar nas exhumacións, e a xente comeza a escoitar”. No documental, que puidemos ver onte, escoitamos en voces en off a testemuña dos familiares, con reflexións como “estas cousas non poden quedar impunes”. 
Foto: Clemente Bernad. No Alto do Acebo (A Fonsagrada) foron asasinados por falanxistas locais un grupo de milicianos do Batallón Galicia. Na foto poden verse as ruínas da casa onde foi torturado e asasinado o comandante anarquista José Moreno, cuxos restos foron exhumados, cos dos seus compañeiros, entre 2007 e 2008.

Ningún comentario:

Publicar un comentario