Vivir no armario segue a ser opción elixida por
moitos e moitas homosexuais tanto nas capitais da costa coma no interior
galego, mais este fenómeno rexistra moita máis intensidade nos núcleos rurais e
nas vilas medias. No tempo no que a homosexualidade
se normaliza na elites culturais, políticas e mediáticas, o pasar desapercibido
e non sinalado por ter unha determinada opción sexual segue a preocupar a
moitos homes e mulleres que non queren ser recoñecidos ou incluídos en certos
grupos sociais.
Dende a aprobación da lei que permite o matrimonio
homosexual e que establece equiparación de dereitos entre todas as persas
téñense dado algunhas iniciativas para que o que a lei permite se normalice e
forme parte da cotidianidade. De feito, hai dous anos promoveuse un encontro en
Castrelo de Miño para visibilizar a homosexualidade no rural. Porén os avances
son escasos e aínda queda camiño por percorrer.
O activista homosexual e militante de Xuventudes
Socialistas, José Manuel Montero, mantén unha particular loita neste sentido e
traballa por abrir espazos de identidade e expresión na propia capital ourensá:
“Aínda hai moita xente no armario, cómpre facer un esforzo para garantir os
dereitos de todos e sobre todo para producir un cambio na mentalidade da xente
e traballar na pedagoxía social”. Montero, que reside en Ourense cidade,
asegura que “este proceso é aínda moito máis lento nas vilas ourensás”. En
ocasións non dubida en asegurar que “a propia actitude dos gais favorece que
teñamos que permanecer agochados. Son partidario dun activismo que non
necesariamente ten que ir parello ás estridencias pero si facer participes ao
resto da cidadanía da nosa maneira de vivir”.
Pola contra, hai quen ve neste tempo un cambio
profundo da xente e da mentalidade. Alfredo Domínguez, xerente do Trampitán, un
bar de ambiente gai no corazón de Ourense, establece unha diferenza entre “os
gais de vila e os capitalinos”. Matiza que non se pode xeneralizar pero “normalmente
nas contornas urbanas todo se asume de distinta maneira porque nos pobos segue
a ser todo máis escondido”. Tamén distingue entre os mozos maiores ou
menores de 30 anos, xa que segundo explica “os menores de 30 anos son máis
abertos e van en parella pola rúa e dando mostras de afecto, aos maiores de 30
cústalles máis”.
O xerente do Trampitán rexeita pola contra a
dicotomía costa ou interior e non cre que exista unha resistencia da maioría
social das cidades de Lugo ou Ourense a aceptar a homosexualidade. Domínguez,
natural de Vigo e vivindo na cidade das Burgas, explica: “Ser homosexual en
Ourense encántame, podería ser perfectamente un paraíso gai”.
Esta naturalidade e normalidade presenta
claroescuros cando se entra nos casos concretos. Un mozo de 34 anos, natural de
Verín e residente en Vigo, deixa claro a Praza que “a pesar de que dei o
paso de dicirllelo aos meus pais, a propia resistencia familiar impide que cando
vou á miña vila visitar a miña familia actúe con naturalidade”. A confesión
provocou no caso deste verinense unha reacción de alerta na súa familia que
“implica que vixíen todos os meus movementos cando vou á casa por temor á
repercusión que poida ter na vila ou os comentarios que se poidan facer sobre
unha ou outra actitude”.
En parecidos termos falan Jorge e Manuel, residentes
en Monforte de Lemos. Manuel di que “aprendeu a vivir na clandestinidade e a
relacionarse ás agachadas”. Recoñece abertamente que utiliza “a mentira” e
lexitima esta opción fraudulenta “a falta de valor ou a comodidade”. Pola
contra Jorge mantén unha actitude máis aberta e di: “Eu nunca digo que son
gai e non vou coa miña parella pola rúa pero non me escondo”. Jorge asegura
que “enfrontarse a normalización supón unha progresivo empoderamento que ten
que conducir a liberación”.
A pesar destas dificultades, tanto Manuel como Jorge
aseguran que “un sempre se habitúa a circunstancias difíciles e hostis”. “Agora
coas novas tecnoloxías hai maneira de establecer contactos con outros gais
anónimos e concertar citas. E se non, como a fame agudiza o maxín temos
maneiras de atoparnos, coma no cruissing ou en escapadas de fin de semana á
cidade galega máis próxima”, apuntan.
Moi lonxe destas posturas están os británicos John
e Michael, un matrimonio de 60 anos cada un que casaron en Ferreira de Pantón
(Lugo) e que aseguran “vivir a súa sexualidade con toda naturalidade e sen
percibir ningún tipo de discriminación”. Incluso na súa propia casa teñen
unha litografía cunha serie de monarcas ingleses “presuntamente homosexuais”.
Recorren tamén a ironía para dicir que “o marido da raíña Isabel II ten un
punto gai”.
O activista homosexual José Manuel
Montero recoñece que “queda moito camiño por facer" pero a pesar de que as
organizacións políticas ou sociais dean pasos cara adiante “deben acompañarse
da intención dos interesados e interesadas de facerse visibles”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario