xoves, 24 de maio de 2012

Os Balcáns, 20 anos despois: Kosovo


Vinte anos despois do inicio da guerra dos Balcáns, Kosovo é a rexión onde o conflito continúa máis vivo. A historia de Kosova é tan complexa coma o seu propio presente. Javier López Prol amósanos a ségunda parte da súa reportaxe a vida actual da rexión, que se pode ver online e que terá unha edición física nos vindeiros meses.
Kosovo (serbio) / Kosova (albanés) é cecais sexa a rexión balcánica onde o conflito continúa máis presente. A historia de Kosova é tan complexa coma o seu propio presente. Como rexión intermedia entre Serbia e Albania, ambas nacións reivindican o seu dereito sobre este territorio, e ambas historiografías atribúen á súa etnia as primeiras poboacións sobre a rexión. Alí atópanse multitude de igrexas e conventos ortodoxos declarados Patrimonio da Humanidade en perigo, un dos argumentos dos serbios para consideralo como berce da súa identidade cultural e relixiosa. Aínda que por outra banda a maioría da poboación kosovar hoxe en día é albanesa.
Para o Estado Federativo Iugoslavo, Kosova era unha rexión autónoma dentro do Estado serbio. O xurdimento e auxe do nacionalismo en Serbia supuxo a limitación de dereitos progresiva á maioría albanesa en beneficio da minoría serbia. E esta limitación progresiva de dereitos foi respostada cunha cada vez maior contestación social pola maioría albanesa. A represión é especialmente cruenta nos anos 1988-1999 e a espiral de violencia vai en aumento coa creación do UÇK: Exército de Liberación de Kosovo, liderado por Hashim Thaçi, actual presidente da República de Kosova.
Tralo fracaso das negociacións de Rambouillet (sobre as que existe unha grande controversia) a OTAN bombardeou Serbia e invadiu Kosova en 1999 que dende entón ostentou un status provisional baixo control internacional até que en 2008 declarou a súa independencia de xeito unilateral.
Alén de culpabilidades e responsabilidades, o resultado deste conflito foron violacións masivas de dereitos humanos a cidadáns de ambas etnias e doutras minorías presentes en Kosova (montenegrinos, macedonios, xitanos, turcos, etc). Milleiros de albaneses foron deportados ou convertéronse en refuxiados perante a primeira parte do conflito, e este fluxo invertiuse en perxuízo da minoría serbia após da independencia.
Hoxe en día  Kosova trata de consolidar a súa independencia construíndo o Estado de Dereito co apoio das Nacións Unidas e da Unión Europea mediante as misións da UNMIK e EULEX respectivamente. Militarmente a misión KFOR da OTAN trata de mitigar as eventuais explosións violentas que se producen entre serbios e albaneses sobre todo na zona norte onde se atopan as maiores poboacións de maioría serbia.
Mitrovica
Mitrovica/Mitrovicë é unha cidade ao norte de Kosovo dividida polo río Íbar. Ao norte serbokosovares rezan nunha igrexa ortodoxa, pagan en dinares, falan serbio e escriben en alfabeto cirílico, boicotean as eleccións e ondean a bandeira serbia. Ao sur do río albanokosovares rezan en mezquitas, pagan en euros, falan albanés e escriben en alfabeto latino, votan nas eleccións e ondean bandeiras kosovares e albanesas. No medio unha ponte que non une unha cidade senon que separa dous mundos. A ambos lados hai moito movemento mais a ponte sobor do Íbar permanece baleira.
As feridas da guerra non son difíciles de atopar nos edificios destruídos e advertencias de minas, mais cecais o máis cruel sexa a insistente permanencia das bandeiras que se empeñan en perpetuar a ruptura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario