De xaneiro a marzo, Médicos do Mundo recolleu até 30 vulneracións do
dereito de acceso á sanidade pública galega relacionados con persoas
inmigrantes. Xunto co Foro Galego de Inmigración, Esculca e a Asociación sen
Papeis, esta organización chama a cidadanía a facer parte dunha mobilización
convocada para o domingo 27 na Coruña baixo unha proclama rotunda: 'É racismo,
non é austeridade'
B.V. Sermos Galiza
De xaneiro a marzo e nunha investigación informal feita en colaboración
cunha rede de organizacións con que traballan a miúdo, Médicos do Mundo recibiu
até 30 casos documentados de vulneración do dereito á Sanidade relacionados con
persoas inmigrantes.
Tal e como confirmou Ana Mateo, activista desta ONGD, a
meirande parte das negativas á atención médica afectaron a mulleres en
situación de prostitución. Explicou que "foi unha campaña pequena"
para tentear como estaba a aplicarse a norma en Galiza, e os resultados
"son significativos, mais non un reflexo da realidade, que será moito máis
grave aínda".
Dereitos restrinxidos
Os dous decretos que regulan o acceso ao
sistema sanitario na Galiza --un aprobado pola Xunta vixente desde setembro de
2011 e outro redactado en Madrid que será efectivo a partir de setembro deste
ano-- "restrinxen" este dereito "a moitas persoas e colectivos,
mais de xeito especial @s inmigrantes en situación irregular". Informar
sobre estas dúas normas e denunciar "o claro compoñente racista"
agochado 'na letra pequena' será unha das liñas de debate en que se centrará a
VII asemblea xeral galega de inmigración, de que farán parte, ademais de
Médicos do Mundo, o Foro Galego de Inmigración --FGI--, Esculca e a Asociación
sen Papeis.
As denuncias que chegaron até Médicos do Mundo, referidas sempre ao decreto
galego, único en vigor arestora, refírense a tres supostos. Así, alén da falta
de accesibilidade por criterios administrativos, as persoas inmigrantes que se
achegaron até centros do Sergas atoparon a porta fechada tamén ante a
"negación" do dereito á información, facilitando "unha
información incompleta, cando non incorrecta", segundo constata a
documentación que folleou Mateo nunha rolda de prensa conxunta en que foi
presentada a asemblea, baixo o lema É racismo, non é austeridade.
"Traballamos cunha liña de atención a prostitutas, e moitas das
alertas chegaron precisamente delas", contou Ana Mateo. E o problema con
que se atoparon estas traballadoras nos centros de saúde galegos foi "a
negación da profilaxe" despois da rotura do preservativo durante unha
relación sexual. Médicos do Mundo deu conta tamén de supostos en que as persoas
enfermas non foron atendidas "porque lles dixeron que despois terían que
pagar pola consulta, para que a rexeitasen, ou porque @ médic@ considerou que
tiñan bo aspecto".
O terceiro dos blocos que agrupa casos denunciados de vulneración do dereito
á atención médica pasa por alto a propia redacción do decreto galego, que
contempla a exixencia de 183 días de empadroamento para as persoas que queiran
dispor de cartón sanitario, a excepción das mulleres embarazadas e d@s menores.
Pois ben, até catro das persoas que non foron atendidas eran mulleres
embarazadas "ás que se reclamou a documentación, cando non é
necesaria", aclarou Miguel Fernández, voceiro do FGI, quen falou de
"discriminación cun contido xenófobo que é moi difícil de demostrar".
As mulleres teñen máis dificultades para regularizar a súa situación
A
poboación inmigrante, que na Galiza representa ao redor do 3% ao sumar un total
de 111.600 persoas --e perto de 30.000 chegaron desde Portugal-- poden
regularizar a súa situación polo vieiro do arraigamento despois de tres anos no
país e coa condición de dispor dun emprego remunerado. Esta posibilidade deixa
fóra de maneira especial ás mulleres, ao traballar moitas delas como empregadas
do fogar, na economía somerxida.
Ademais das embarazadas e d@s menores, a lexislación vixente contempla
tamén como excepción os casos de urxencia, que deberán ser atendidos sempre.
Mais non de balde. "Por cada consulta en urxencias o Sergas emite unha factura",
explicou Miguel Fernández. Se a persoa non pode pagar o servizo acumulará unha
débeda co Instituto español da Seguridade Social "que pode impedir a
regularización", aínda que @ paciente non teña recursos. "El@s
sábeno, por iso teñen moito coidado de ir a urxencias", queixouse o
voceiro do FGI.
O decreto que regula o acceso ao sistema sanitario na Galiza deixa outro
panorama "grave e perigosísimo" en que as persoas inmigrantes son
tamén protagonistas: o uso do cartón doutr@ paciente. Perante esta situación,
"@ titular pode acumular pagos por consultas de varias persoas, que serán
diagnosticadas en base a un historial médico alleo". Para evitar esta e o
resto de situacións expostas, as catro organizacións --Médicos do Mundo, FGI,
Esculca e a Asociación sen Papeis-- chaman á obxección o persoal sanitario e
administrativo, e lembran que "curar non é unha obriga, é un dereito"
que non pode estar cinguido a persoas con emprego remunerado.
Máis tres mesas de debate: reparto de alimentos, persecución policial e
emprego no fogar
Ademais da cuestión sanitaria, hai outras tres mesas de
diálogo en que se tratarán o cambio de lexislación para as empregadas do fogar
--que representa "unha mellora moi insuficiente" na liña de que
depende da persoa empregadora a potestade de dar de alta a traballadora na
Seguridade Social ou non--; o reparto de alimentos --que supón a día de hoxe
"un problema de xestión importante" para as ONGD, que reclaman que
esta "necesidade evidente" sexa asumida polas administracións
públicas--; e a política de persecución policial.
Sobre esta última cuestión falou Rosa Verdugo en representación de Esculca.
E sinalou que tal política obedece a unha campaña "de criminalización da
migración" que ten na Coruña o punto máis álxido de toda Galiza. Alí
desenvolve a súa actividade a Asociación sen Papeis, encamiñada a evitar os
controis "intolerábeis e baseados en criterios raciais" que a Policía
española chamou a "limitar" recentemente nunha circular que, a xuízo
de Verdugo "é a mellor proba de que, efectivamente, eses controis que nós
denunciamos estaban a se facer".
Convencidas de que "a solidaridade meirande é a
loita contra a discriminación", as catro organizacións chaman a cidadanía
galega a facer parte da mobilización convocada para o vindeiro domingo, 27 de
Maio, na Coruña, cun percorrido que irá do Campo de Marte até o Obelisco e
baixo unha proclama rotunda: É racismo, non é austeridade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario