xoves, 17 de maio de 2012

Europa fronte ao grillón da fe


As bolsas científicas fixeron posíbel a modernización dos saberes en Galicia dende o século XIX
IAGO MARTÍNEZ Santiago de Compostela 3 MAY 2012 - 18:47 CET
Universidade de verán en Santiago, 1933
O antagonismo entre ciencia e dogmas de fe na Península Ibérica do século XVIII describiuno con claridade ilustrada o Padre Feixóo nas súas Cartas eruditas y curiosasde 1750: “Mentres no estranxeiro progresan a física, a anatomía, a botánica, a xeografía, a historia natural, nós rompemos a cabeza e afundimos con berros as aulas sobre se o Ente é unívoco ou análogo”. Era aínda a España herdada dos Austrias, sometida a unha blindaxe que a privaba da transferencia de coñecemento e a arredaba da revolución que fóra das súas fronteiras cimentaba a ciencia moderna.
Sen a viaxe, explica o historiador Ricardo Gurriarán, non se podería contar a historia da loita pola modernización dos saberes iniciada na contorna ilustrada da monarquía borbónica e cen veces interrompida até a actualidade. É o relato que vai dos primeiros bolseiros galegos, como o pontevedrés José Rodríguez González, formado en Francia, Londres e Göttingen na primeira década do XIX, até a idade dourada da Universidade de Santiago na II República, con docentes como Fernando Calvet, Juan Martín Sauras ou Isidro Parga Pondal. Os tres estudaran fóra grazas ao “importantísimo” labor da Junta de Ampliación de Estudios (JAE).
A achega de Gurriarán ao libro colectivo Viaxes e construción do pensamento contribúe a corrixir un defecto de óptica “demasiado habitual”. “Moito se ten escrito sobre os intelectuais, adscritos ao campo das letras e as ciencias sociais, como principais axentes na construción do pensamento”, explica. “Polo seu papel na incorporación dos paradigmas científicos que estaban a mudar o mundo, trato de incluír tamén investigadores das ciencias experimentais en Galicia. As súas viaxes foron un elo máis”.
Residencia de Señoritas
A rede da Junta de Ampliación de Estudios enriqueceuse en 1915 coa creación da Residencia de Señoritas, dirixida dende o inicio por María de Maeztu seguindo o modelo da que se puxera en marcha cinco anos antes para os estudantes. A institución, explica Gurriarán, permitiu que as primeiras universitarias da periferia completasen formación, tamén no estranxeiro, e fixesen carreira. Foi o caso da ourensá Olimpia Valencia López, presa durante a Guerra Civil, e outras galegas como Ángela Pardo Celada, Paz Parada Pumar ou Marina Peña-Rey.
Fóra deste marco institucional, o historiador destaca tamén científicas viaxeiras como as xemelgas Fernández de la Vega Lombán, Jimena e Elisa, primeiras licenciadas en Medicina na Universidade de Santiago en 1919. Iniciadas na investigación con Nóvoa Santos, fixeron a tese de doutoramento en Madrid e completaron currículo en Berlín, Hamburgo, Múnic, Viena e Xénova antes de regresar a España para desenvolver a súa traxectoria profesional.
Dende o século XIX e até o golpe militar de 1936, “que supuxo unha volta á Inquisición e o dogma do imperio cara a deus da que Galicia non se recuperou até ben entrados os sesenta”, fóronse construíndo pouco e pouco redes e políticas de investigación. Sen elas, argumenta o historiador, non se tería producido nunca o salto cuantitativo e cualitativo dos anos trinta, cando o número de artigos publicados por persoal da Universidade de Santiago na revista Chemical Abstracts se multiplicou tamén por trinta. Dos tres que apareceran nas dúas primeiras décadas de vida da publicación, dous deles asinados por Roberto Nóvoa Santos, aos 86 rexistrados durante o sexenio 1930-1936.
O historiador coloca en 1886 o primeiro gran marco no desafío, a través do contacto co estranxeiro, ao poder dos dogmas católicos na Universidade de Santiago, na que o reitor Antonio Casares viña de expulsar e enviar ao cárcere coruñés de Santo Antón dous catedráticos rebeldes. Nesa data, aínda non transcorrera un ano da descuberta da vacina contra a rabia, prodúcese a primeira viaxe oficial dun grupo de profesores da facultade de Medicina ao Instituto Pasteur de París. Durante dous meses, liderados polo monfortino Maximino Teijeiro, catedrático de Anatomía Cirúrxica, puideron estudar os procedementos e as técnicas que logo aplicarían de volta en Galicia.
Nesta “fronte antiescolástica” de científicos viaxeiros e ligados ao krausismo e o institucionismo en Compostela, Gurriarán sitúa tamén a Ramón Varela de la Iglesia, ateo convicto que creou un laboratorio á marxe da universidade e unha escola para aprender alemán e francés con orientación científica. Serían os seus discípulos, de feito, quen logo romperían o cordón umbilical da ciencia subsididada á Igrexa: xentes como o seu sobriño Varela Radío, o seu fillo Juan Varela Gil, Nóvoa Santos, Alejandro Otero, Miguel Gil Casares, Baltar Cortés ou Santiago Carro.
O labor da contorna de Francisco Giner de los Ríos vai provocar un punto de inflexión coa creación en 1907 da Junta de Ampliación de Estudios e unha rede de centros e residencias, masculinas e femininas, pensadas para formar os aspirantes antes de facer as maletas e darlle acubillo ao regreso. Á cabeza da JAE, presidida por Ramón y Cajal, había tres galegos: Eduardo Vincenti, Rodríguez Carracido e José Casares Gil. Iso axuda a explicar que parte dos 2.000 bolseiros —de 9.000 aspirantes— que superaron as probas procedesen tamén de Galicia.
Andado o tempo, será a incorporación deses bolseiros ao profesorado, ademais do acceso ao reitorado de Rodríguez Cadarso, a creación da facultade de Ciencias e o impulso ao ensino da II República, a que marque a definitiva modernización da Universidade de Santiago. Por desgraza, recoñece Gurriarán ao cabo, as viaxes científicas en Galicia coñeceron a partir do golpe de 1936 o seu reverso amargo: o exilio. “Nunca saberemos”, lamenta, “que tería sido da investigación se persoas como Ernesto Seijo Espiñeira puidesen ter regresado ao país”. Bolseiro en Oxford a carón de Robert Robinson, logo Nobel de Química, Seijo Espiñeira consolidou a súa carreira no Reino Unido. Aquí había ben pouco que facer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario