sábado, 5 de maio de 2012

O surrealista caribeño que pariu Galicia


A celebración do centenario do nacemento de Eugenio Granell é unha ocasión para afondar na obra dun artista fundamental na cultura latinoamericana
Elegía por Andreu Nin, 1992
Ao longo da historia pódense atopar moitos pequenos acontecementos que se converten en fitos para que un artista decida emprender determinado camiño. Pero en poucas ocasións un encontro entre dúas persoas, coma o que tivo lugar na República Dominicana en maio de 1941 entre André Breton e Eugenio Fernández Granell, marcou dun xeito tan importante a traxectoria vital dun creador. Naquel momento Granell era un escritor e xornalista que tivera que fuxir da España franquista e que a partir daquel encontro co gran inspirador do movemento surrealista acabaría por converterse nun dos pintores fundamentais para entender o surrealismo latinoamericano. A vida errante de Granell fixo que aquilo do cidadán do mundosexa máis axeitado ca nunca no seu caso, malia que sempre tivo presente a Galicia na súa longa peregrinaxe polo continente americano. De feito, ao final da súa vida elixiu a Santiago, a cidade na que pasou os seus primeiros anos, para abeirar a sede da fundación que hoxe leva o seu nome.
Granell coñeceu a Breton durante unha entrevista que lle realizou ao escritor francés na escala que este fixo en Ciudad Trujillo, cando vai camiño do exilio en Nueva York. Dende ese momento Granell mergúllase no ideario surrealista e animado tamén pola amizade co pintor cubano Wilfredo Lam compaxina as súas múltiples actividades coa pintura baseada nos postulados do surrealismo. En 1942 participará na súa primeira exposición colectiva en Ciudad Trujillo e un ano máis tarde realizará a súa estrea cunha mostra individual. En 1946 Breton e Granell volven verse en Ciudad Trujillo e dende ese momento ata a morte do poeta surrealista francés en 1966 xa non se interrompería o contacto entre ambos os dous a través de cartas. Trala morte de Breton, Granell escribe á súa viuda, Elisa, unha carta na que lle confesa: “La dicha de haber conocido a André Breton fue el acontecimiento moral más extraordinario de mi vida y nada me ha causado más honda satisfacción que la amistad que tuvo la bondad de dispensarme”. Na ampla colección de obras de arte reunidas por Breton ao longo da súa vida atópanse medio cento de pinturas do propio Eugenio Granell.
O pintor galego foi, sen dúbida, un dos membros senlleiros da segunda xeración do surrealismo español. A súa obra é única xa que Granell reflectiu nas súas pinturas as diversas influencias que foi recibindo das culturas dos países nos que viviu: República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico e Estados Unidos. Nos seus últimos anos volve a España e falece en Madrid no ano 2001. O galerista madrileño Guillermo de Osma, que estudou fondamente a traxectoria de Granell e adquiriu varias obras súas, explica que unha das características fundamentais para entender o pintor galego e a súa independencia, tamén no mundo da arte, o que o levou a se manter afastado dos circuítos comerciais e expoñer as súas obras cos seus amigos. De aí que participase en numerosas mostras co colectivo surrealista que se agrupaba en torno ao propio Breton. Na súa etapa en Nova York si que xa tivo o recoñecemento dalgunha importante galería americana, coma a Bodley, que programou a outros grandes artistas surrealistas coma Max Ernst ou René Magritte.
Outra das cousas que fan de Granell unha figura única no mundo da arte e da cultura é o seu interese por diversas disciplinas. Coma indica a catedrática de Historia da Arte Lucía García Carpi, Granell foi pintor, escultor, músico, escritor, cineasta. No que se refire á pintura, García Carpi sinala que unha vez que Granell elabora o seu estilo xa é imposible confundilo co doutros pintores. “Responde aos principios de metamorfose e cambio do surrealismo pero é un surrealismo diúrno, non mergulla nos sonos coma fan outros artistas. A súa obra é dunha riqueza extraordinaria e creo que a súa importancia vai recoñecerse máis no futuro”, indica a catedrática, quen destaca especialmente da traxectoria de Granell as paisaxes máxicas que pintou nos seus primeiros anos de estadía en Nueva York, a finais dos anos cincuenta. García Carpi considera que a figura de Granell tivo un certo recoñecemento despois da súa volta a España a mediados dos oitenta, malia que o seu traballo foi menos coñecido que o doutros surrealistas españois coma Miró, Dalí ou Oscar Domínguez. “Xunto a Wilfredo Lam, Granell é un dos grandes pintores do surrealismo caribeño”, conclúe a catedrática.
Guillermo de Osma coincide en cualificar a Granell coma unha figura do surrealismo cunhas características moi peculiares. O galerista explica que a súa pintura evolucionou dende os riscos primitivistas da época de Guatemala ata á abstracción de finais da década dos cincuenta e a posterior volta á figuración. “É unha pintura que sempre está en continua evolución. A presencia da poesía e da literatura en xeral é unha constante na súa obra. Dáballe moita importancia ao título dos cadros e, de aí, que algúns deles teñan ata tres ou catro liñas”, indica De Osma, quen considera que a figura de Granell aínda non conta co recoñecemento que debería ter en España e pide un maior apoio para a fundación que leva o nome do pintor. “A súa traxectoria vén marcada por un surrealismo do humor e da fantasía”, engade o galerista madrileño.
O exalcalde de Santiago Xerardo Estévez, que coñeceu ben a Granell polos seus encontros para acordar a creación da fundación do artista, sinala que Granell mantivo unha relación con Santiago semellante a doutros creadores coma Valle-Inclán ou Rosalía de Castro: “Por un lado tiñan a necesidade de voltar a Santiago, pero por outra tamén procuran saír da cidade. Quizais o feito de ter recunchos tan belos faga necesario sair dela”. Coma cualidades do seu carácter, Estévez lembra a xenerosidade e a simpatía: “Á idade que tiña cando o coñecín xa perdera a inhibición e iso levabao a dicir sempre o que pensaba. Lembro un encontro que tivo con Manuel Fraga no Auditorio de Galicia. Eu tiña interese en xuntalos e, aínda que ao principio ambos os dous tiñan unha expresión moi seria, acabaron por manter unha animada charla. El sempre tivo un gran cariño pola cidade e acolleu con entusiasmo a idea de ubicar a fundación no Pazo de Bendaña”.
Precisamente este edificio será o epicentro das exposicións e outras actividades que a partires do mes de xuño servirán para celebrar o centenario do artista. É unha lástima que unha figura tan senlleira coma Granell vexa limitada a celebración dos cen anos do seu nacemento á cidade de Santiago. Non hai actividades previstas noutros lugares nos que Granell desenvolveu a súa actividade artística. Quizais o feito de seren case sempre un estranxeiro alí onde se atopou inflúe no feito de que os actos conmemorativos só teñan lugar en Galicia. Tampouco a crise axudou a contar con fondos suficientes para realizar un proxecto que permita dar a coñecer a súa obra nos diversos países nos que residiu. Sen dúbida que unha figura da cultura galega da súa importancia merece unha maior promoción exterior.
Na esquerda da esquerda
Granell contactou co surrealismo a través da súa militancia no POUM
DANIEL SALGADO Santiago de Compostela 19 ABR 2012 - 20:47 CET
En 1987, Eugenio Granell achegouse ao notario canda outros promotores da Fundación Andreu Nin. Ao ir estampar a súa sinatura no documento fundacional, o rexistrador Ramos Armero preguntou ao pintor pola súa profesión. “Antiestalinista”, respondeu. As feridas políticas non acabaran de cicatrizar no corpo e no pensamento dun home fiel ás históricas siglas do Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM), en cuxa constitución, un ano antes do golpe fascista de Franco, tamén estivera presente. “Bajo el impulso del partido comunista ruso, Lenin y Trotski, el lema de la revolución francesa, libertad, igualdad, fraternidad, aparecía al alcance de la mano”, escribía, aínda en 1990, nunha colección de historia repartida polo xornal El Mundo. Neste mesmo texto, El fantasma antitrotskista, engadía: “Velaí o estalinismo: un baleiro de ideas enchido co imperio do crime”.
Mais o activismo político non foi accidental na existencia de Granell. Con 19 anos participa no congreso fundacional de Izquierda Comunista e é nesas asembleas, convocadas na parte de atrás do réxime republicano, onde contacta cos materiais e as teses do surrealismo. Segundo o seu biógrafo Carlos Arias (Eugenio Granell, Xunta de Galicia, 2005), foi Cándido Fernández Mazas, pintor ourensán, quen o alertou das estratexias vangardistas e quen lle amosou a revista Minotaure, editada entre 1933 e 1939 por André Breton. Os lazos entre as correntes de esquerdas do comunismo internacional e as prácticas artísticas avanzadas, sintentizados en 1938 por León Trotsky, Diego Rivera e o propio Breton no célebre Manifesto por unha arte revolucionaria independente, aparecerónselle así a un mozo militante que só asumiría a ortodoxia surrealista anos logo, durante o seu exilio na República Dominicana.
“Atonía política”
Os incertos camiños do exilio non romperon a feble pero indestrutíbel rede de solidariedades epistolares entre os vellos militantes do Partido Obreiro de Unificación Marxista (POUM). Outro volume editado pola Fundación Granell recolle as cartas do pintor cos membros daquela formación que unira ás esquerdas do comunismo en vésperas da Guerra Civil. E abranxe o período que vai de 1936 a 1999.
Con Wilebaldo Solano, dirixente do POUM na clandestinidade, igual que con Juan Andrade, a correspondencia é profusa. Ao comezo da posguerra, con intención de reconstruír a organización e para consignar o estado das forzas e o destino dunha afiliación —45.000 en decembro de 1936— abaneada pola vitoria fascista. Pouco e pouco, o papel vaise despolitizando e convértese en cuestión central saber do outro, da súa peripecia, de como gaña a vida. O que non impide que, xa en 1972, Granell exprese o seu diagnóstico da actualidade: “Cando se refiren a España, ao franquismo opoñen o socialismo \[...\] non queren saber que a clase obreira de 1936 foi triturada e os seus cadros despezados; que a actual clase traballadora se formou ao longo de máis de 30 anos de baleiro político \[...\] e que a industrialización trae atonía política \[...\]”.
Porque na tensa década dos trinta, a Granell preocupábao, antes de máis, a política revolucionaria. “É preciso aniquilar a burocracia”, redactaba, desde a prisión celular de Madrid, no seu primeiro artigo, “e condenar para sempre a funesta política tan axiña menxevique como aventureira, que levou a cabo até agora”. O militante de preguerra cumpría coa teoría e a praxe trotskista, atacaba a disciplina segundo a entendían os partidos da III Internacional, criticaba con violencia as tácticas manadas de Moscova que esixían aos comunistas a ruptura total coa socialdemocracia e esixía unha alianza obreira para frear o fascismo. “Sinalar como única saída e fin un Goberno Azaña, apoiado na alianza permanente republicano-comunista, equivale a desprezar por completo a acción revolucionaria do proletariado”, imprimía en La Batalla, o órgano de comunicación do POUM, catro meses antes das eleccións gañadas pola Frente Popular co respaldo do partido de Granell.
Coa guerra, a súa escrita adénsase. Aborda temas de estratexia militar e pensa sobre a eficacia do exército revolucionario. Tamén, en Hora de España, traza algún relato literario da urxencia dos acontecementos. Ao tempo, contribúe á organización da Columna Motorizada do POUM. E á represión estalinista que sucede aos denominados feitos de maio, cando o Goberno republicano ilegaliza a formación de Granell a causa das presións soviéticas, sobrevive refuxiado na casa de Rafael Dieste. Reincorpórase nun batallón ao mando dun cenetista. A partir da derrota, o exilio en Francia, no Caribe, en Guatemala, nos Estados Unidos.
Na escolma Artigos políticos (1932-1990) (Fundación Granell, 2009), presentada polo historiador Pello Erdoziain e recollidos de Comunismo, do El combatiente rojo —que o pintor dirixiu durante a guerra—, do Boletín Interior de Izquierda Comunista, do xornal dominicano La Nación, da publicación confeccionada en Estados Unidos España Libre ou de Diario 16, a ollada no muda no substancial. Abandonada a militancia partidista, Granell reconduce o combate por outros medios: a prensa. En lembranza do deputado poumista Joaquín Maurín, contra o “gran porco Dalí” ou contra o silencio dos intelectuais do Partido Comunista ante a desaparición de Andreu Nin. Precisamente ao secretario xeral do seu partido, real e sentimental, dedicaría aínda un lenzo en 1992: Elegía por Andreu Nin.

Ningún comentario:

Publicar un comentario