Que facer se quedas sen traballo e sen unha fonte de
ingresos mensuais? Se a hipoteca e as débedas te afogan? Se buscar emprego é
como clamar por auga no deserto? Se, ademais, tes unha familia á que alimentar?
Cada vez máis mulleres en apuros económicos procuran saídas no mercado do sexo.
Entre elas, inmigrantes que deixaran a prostitución e que teñen que volver a
ela para poder seguir adiante. Mais tamén galegas e españolas, fabas moi
contadas até hai un par de anos nos prostíbulos.
Atópanse, porén, cun negocio á baixa, que acrecenta
sobre elas o poder dos clientes e dos proxenetas. Baixan os prezos, diminúe a
demanda, acéptanse con máis facilidade prácticas de risco... E, mentres tanto,
a administración non só mira para outro lado senón que empeora a situación: a
retirada da tarxeta sanitaria á poboación inmigrante sen regularizar afectará
de maneira directa a moitas mulleres que exercen a prostitución, un sector da
poboación especialmente exposto a enfermidades de transmisión sexual.
Chicas viciosas desde 20 euros, 15 euros. Supercariñosa. Chica 22 años, 50. 2
veces, veinteañera estudiantil viciosísima, 20 euros. 18 años. Gallega
no profesional... Estes e outros anuncios da mesma masa pululan nas páxinas
de contactos dos xornais. O negocio da prostitución, como calquera outro,
está suxeito ás leis da oferta e da demanda e, en tempos de crise, tirar os
prezos e procurar incentivos ao consumo (bonos, copas gratis, packs de
desconto, sexo sen protección,...) son, tamén aquí, as vías máis socorridas.
En internet, a publicidade é aínda máis explícita e agresiva. Hai mesmo webs
onde os clientes comentan as súas experiencias con prostitutas e mesmo se
sortean scorts, previa selección da máis votada do mes polos foreiros.
"Caeron os prezos en picado, porque caeu a
demanda" ─afirma Montse Neira, prostituta e autora do libro Una mala
mujer (Plataforma, 2012) ─. "Levamos xa dous anos así, pero sobre
todo neste último os prezos baixaron moitísimo e en todos os niveis: rúa, piso,
autónomas...". No único sector onde non se nota, indica, é naquel
que se move en máis altas esferas, porque a crise (falemos de roupa de marca,
coches de alta gama ou, tamén, sexo de pago) pasa desapercibida precisamente
para quen máis ten. A outra cara da moeda cómpre buscala naqueles
escenarios onde as persoas que exercen son máis vulnerables. Na prostitución de
rúa, a que se desenvolve en condicións máis precarias e marxinais, os prezos
poden baixar até os 5 ou 10 euros por servizo.
A corda, sabido é, ténsase sempre pola parte máis
feble. Se baixan os prezos das copas que o cliente consume, o club probablemente
quedará co mesmo diñeiro mais será a muller quen verá reducida a súa marxe de
beneficio. A situación ─explícannos dende o centro ferrolán O Mencer─
incrementa o poder de clientes e proxenetas. Dos clientes, porque contan con
máis marxe para o regateo e poden conseguir con máis facilidade sexo sen
protección. Dos proxenetas, porque as prostitutas téñeno máis difícil para
saldar a débeda contraída con eles nun continuo suma e segue. Dende a cantidade
que han de aboar as que chegan a España tratadas ou mediante unha rede de
tráfico, até o lucrativo comercio que se xera ao redor dos prostíbulos
aproveitando o illamento e a desinformación das mulleres para cobrarlles máis
do habitual por calquera servizo (médicos de pago, servizos legais,
indumentaria...). Ao que hai que engadir as multas abusivas que se lles impoñen
pola mínima, dende entrar tarde ao local ou pasar máis tempo do acordado fóra
do mesmo até incluso cando non poden exercer cando se encontran enfermas.
Mais a crise tamén pode traer consecuencias para a
propia estrutura do sector. En Galicia, o mapa do negocio do negocio foi até o
de agora minifundista: moitos locais e de pequeno tamaño. Mentres en Barcelona
chega a haber pisos de até 50 mulleres, nos galegos como máximo poden
encontrarse 20 ou 25 persoas exercendo ao mesmo tempo, e seguen a ser
excepcións, xa que o habitual é que sexan de pequeno tamaño. Tamén os
macroclubs son aquí escasos. Mais esta realidade pode estar a mudar. Os
locais pequenos son precisamente os que se encontran en maiores dificultades e
algúns están xa a pechar, ou son traspasados a clubs de dimensións maiores. Unha
tendencia que, de algún modo, xa se podía albiscar con anterioridade á crise,
co auxe de hoteis de prazas (onde as mulleres pagan unha cantidade por poder
permanecer e exercer durante un tempo determinado) e clubs de dimensións
maiores e especializados na oferta de servizos diversos de ocio.
Non só inmigrantes
Se até hai dous ou tres anos era pouco habitual
encontrar rapazas galegas e españolas nos pisos e clubs, agora a súa presenza
comeza a ser familiar. En épocas de vacas gordas, e coincidindo coa maior
incorporación das mulleres españolas ao mercado laboral, aqueles sectores máis
desprestixiados e tamén precarizados quedaron en mans das mozas inmigrantes que
procuraron en territorio peninsular un futuro mellor. A Garda Civil estimaba
en 2008 que eran estranxeiras o 95% das mulleres que se prostituían nos 138
clubs que tiña entón localizados no seu ámbito de actuación. As mulleres
galegas estaban por aquel entón confinadas fundamentalmente á prostitución de
barrio e a perfís moi marxinais: pouca formación, idade avanzada, anos de
exercicio ás costas, estratos socioeconómicos baixos e, en ocasións, problemas
de drogadicción. Mais o perfil das que agora se incorporan mudou. Non está
lastrado pola marxinalidade mais si polas dificultades económicas.
Son, pois, mulleres de vida normalizada mais que,
ante a crise, se ven abocadas á prostitución. Para salvagardar a intimidade,
chegan a exercer en cidades distintas daquelas nas que viven e mesmo lles
ocultan ao seu entorno próximo o que están a facer. En moitos casos, fano por
situacións económicas desesperadas: perda de traballo, dificultades para pagar
a hipoteca, familia a cargo, ou condicións de explotación en sectores moi
precarios como o doméstico que as levan a completar ingresos no mercado do
sexo. Mais tamén, sinala Montse Neira, existe o outro extremo: mulleres acostumadas
a un tren de vida acomodado que non están dispostas a perder o poder
adquisitivo do que viñan gozando.
A crise fai que, ademais, retornen á prostitución
inmigrantes que a deixaran hai tempo. "Mulleres ás que levabamos anos sen
ver volveron outra vez", constata a presidenta da asociación Faraxa, Carmen
Lago. Abandonar a prostitución é adoito difícil, entre outros motivos, polas
dificultades para a inserción das mulleres inmigrantes noutros sectores. Cando
o deixan, é con frecuencia ou para traballar en ámbitos mal pagados e onde a
explotación está á orde do día, como a limpeza e coidado de crianzas e persoas
maiores, ou porque iniciaron unha relación sentimental estable. No primeiro dos
casos, a perda de poder adquisitivo das familias e a obriga, dende inicios
deste ano, de regularizar a situación laboral das persoas que traballan no
servizo doméstico, fai que cada vez máis se estea a prescindir delas. E, no
segundo, o feito de que o home adoito queira seguir a perpetuar a relación de
poder cliente-prostituta na convivencia diaria, o que non é senón terreo
estercado para o maltrato, aboca con frecuencia ás parellas ao fracaso.
Ante a falta de perspectivas na actual situación de
crise hai mesmo mulleres que deciden volver aos seus países de orixe. Incluso,
no caso daquelas en situación irregular, presentándose ante a Policía para
forzar unha expulsión. Con toda a carga emocional que iso poida supor: regresar
ante a súa xente deportadas e arrastrando na maleta a derrota dos soños de
prosperidade que un día tempo atrás colocaron alén o océano.
Sanidade de beneficencia
Non só os ingresos diminúen. Xa o pasado setembro, o
goberno galego estableceu a esixencia dun mínimo de seis meses de empadroamento
para poder acceder á tarxeta sanitaria. Dende entón, indícannos dende O Mencer,
entre as persoas en situación administrativa irregular que exercen a
prostitución aumentou a demanda de atención médica privada. Hai unhas semanas,
o Ministerio de Sanidade decidía retirarlle a tarxeta sanitaria, a partir do
vindeiro setembro, a todas e todos aqueles inmigrantes sen regularizar. O que suporía
que revisións xinecolóxicas, análises, tratamentos profilácticos que actúen
como barreira ás ETS tras relacións de risco, píldoras poscoitais,
interrupcións voluntarias do embarazo, o tratamento hormonal das mulleres
transxénero... virarían de pago para as prostitutas que por aquel entón non
conseguiran os papeis.
Hai uns días, a ministra Ana Mato, tentaba poñer
panos quentes ás protestas xeradas dende profesionais sanitarios e tecido
cívico e anunciaba que a asistencia das e dos inmigrantes irregulares
quedaría garantida mediante convenios entre as comunidades autónomas e
organizacións gobernamentais. A volta, segundo sinala Nieves Turienza,
presidenta en Galicia de Médicos del Mundo, a un sistema de beneficencia
"Ningunha ONG en España ─sinala Turienza─ ten
recursos suficientes, nin monetarios nin de estrutura, para iso". Máis
cando dende a Administración se está a recortar o diñeiro destinado á
intervención en sectores da poboación como as mulleres en situación de
prostitución ou persoas en risco de contraer VIH. A cantidade que Médicos del
Mundo viña recibindo para tal fin nos últimos anos, mediante convenio coa
Consellería de Sanidade, caeu de 40.000 euros en 2010 a 0 en 2011. "Non
somos irmás da caridade. As ONGs non temos que cubrir as obrigas do Estado, que
está a facer abandono de funcións", engade a presidenta de Médicos del
Mundo.
O problema éo tamén de saúde pública. Máis nun
contexto no que estamos a asistir a un incremento das enfermidades de
transmisión sexual debido ao relaxamento entre a poboación das actitudes
preventivas. As persoas que exercen a
prostitución están especialmente expostas a enfermidades transmisión sexual:
VIH, hepatite B, hepatite, C, sífile, gonorrea... E aínda que nos prostíbulos
as revisións son impostas polos donos dos locais (e pagadas do propio peto das
mulleres), e malia a que elas mesmas adoitan ser as primeiras interesadas en
coidarse, porén ninguén lle obriga aos clientes, que son os que demandan
prácticas de risco, a controlar a súa saúde e a do seu contorno. "Elas van
ser as primeiras e as máis afectadas pero a todos os que contribuímos ao
sostemento do sistema vainos saír isto máis caro que atendelas. Non é o
mesmo tratar un caso que unha ducia", engade Turienza.
As políticas que se adoptan dende os despachos teñen
efectos en historias de vida concretas. Como nos sentiriamos se, estando
doentes en Urxencias, nos intentaran disuadir de ser atendidas pola sanidade
pública? Isto foi o que lle aconteceu a unha muller transexual, sen tarxeta
sanitaria, con VIH e enferma de pneumonía, segundo nos relata unha das ONGs que
a atenderon. Na sala de espera insistíanlle en que lle ía resultar máis barata
a atención pola privada, que ía ter que pagarlle á sanidade pública máis de
5.000 euros. Ao fin ingresou e foi atendida, mais os problemas non finalizaron
aí. Cando saíu, houbo de procurar un lugar onde poder aloxarse mentres remataba
de recuperarse. E, pola súa condición de transexual, nin foi aceptada nos
centros destinados a homes nin nos de mulleres. Conseguiu eludir o pago da
factura que lle remitiron polo ingreso hospitalario declarándose insolvente,
mais esa mesma falta de recursos é a que hoxe en día a obriga a seguir
prostituíndose na rúa.
"Pasamos as mañás e as tardes acompañando ás
mulleres a Urxencias. Hai quen, debido aos prexuízos, nin as atende",
sinala Carmen Lago, de Faraxa.
E é que, se es inmigrante e, ademais exerces a prostitución, os receos na túa
contra dóbranse. Xa non é cuestión do que diga ou non a lei, do que estea
escrito sobre o papel. En ocasións o propio persoal dos centros sanitarios, ás
veces movido polos preconceptos, outras pola desinformación, pode chegar a ser
máis papista que o papa. De modo especial, quen as atende no primeiro momento,
quen ten a chave do acceso.
As mulleres que exercen a prostitución figuran en
varios dos casos de vulneracións dos dereitos sanitarios que Médicos del Mundo veu recollendo nos
últimos meses. A maioría delas contan con tarxeta sanitaria, mais aínda así
foilles negada a asistencia ou déuselles unha información errónea. A
protagonista dunha destas historias pasou horas en urxencias sen que ninguén
lle dixera que facer nin a onde ir tras a rotura dun preservativo no servizo a
un cliente a noite anterior, sen que se informara da píldora poscoital ou dos
tratamentos profilácticos. Foi grazas a unha chamada á ONG que soubo que
debería acudir á unidade de VIH do hospital. A outra muller, tamén tras a
rotura dun condón, o médico de atención primaria negóuselle a facer as probas
pertinentes. Xa sabes a que te expós..., di que foi a súa respostas tras terlle
indicado ela que traballaba en prostitución. A súa negativa obrigouna a pagar
un médico privado.
Médicos del Mundo tamén ten compilado varios casos
nas que a atención sanitaria pública lles é negada a persoas en exercicio da
prostitución con tarxeta sanitaria doutra comunidade. Como aconteceu cunha
muller ucraniana á que, no Centro de Orientación Familiar de Vigo, lle
indicaron que non lle podían realizar un aborto porque a súa tarxeta sanitaria
era de Castela A Mancha e non viguesa. Ou o caso doutra muller, de
nacionalidade romanesa e con tarxeta sanitaria de Barcelona, á que se negaron a
atender na sanidade pública, malia a que, segundo a ONG, tiña dereito a ser
asistida como desprazada.
O problema está non poucas veces na información que
se lles transmite á poboación inmigrante, por insuficiente ou por errónea. A
Marta, unha moza orixinaria da República Dominicana que traballa dende hai un
tempo nun club dunha cidade galega, denegáronlle, tres meses despois de que a
solicitara, a tarxeta que estaba a tramitar como persoa sen recursos. Cando
iniciou os papeis, ninguén lle informou de que, a partir de setembro do pasado
ano, xa non abonda cos datos persoais (empadroamento e declaración de ingresos
individuais) senón que é preciso entregar os datos das persoas coas que se
convive (certificado de convivencia e a declaración de ingresos da unidade
familiar).
Para Bea que chegou en 2008 a España coa esperanza,
hoxe en día frustrada, de vivir nunha sociedade con menos prexuízos para coas
persoas transexuais, existe un claro e interesado problema de información. Ela
exerce a prostitución nunha localidade galega e, malia a que non ten papeis,
dispón de asistencia sanitaria polo convenio bilateral existente entre o estado
español e o brasileiro para tal fin: "O goberno informa do que quere. Pon
os problemas nos inmigrantes cando a verdade é que moitos países
latinoamericanos teñen convenios bilaterais con España".
Das políticas que quebran dereitos
aos prexuízos de quen os fai efectivos no día a día, a desatención ás persoas
que se prostitúen é unha fenda que se agranda cada vez máis, un problema non só
para elas, senón tamén de medicina preventiva e de saúde pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario