Medio cento de actores e profesionais do teatro israelí néganse a actuar nunha colonia xudía en territorio palestino
EFE . XERUSALÉN
Medio cento de actores e profesionais do teatro israelí negáronse a actuar nunha colonia xudía en territorio palestino, reabrindo o debate sobre a lexitimidade do boicot interno á política de ocupación. O anuncio a pasada semana de que as principais compañías de teatro nacionais farán representacións no novo centro cultural do asentamento de Ariel, no norte de Cisxordania, foi seguido case de inmediato pola declaración de varios actores de que non actuarían alí por motivos ideolóxicos.
"Os colonos e os asentamentos non é algo que me divirta e eu non quero divertirlos a eles", declarou Yusef Sweid, membro do cadro de persoal dunha obra que se representa no Teatro Nacional Habima de Tel Aviv. Ás primeiras negativas sumáronse outras e xa son 53 os directores, guionistas e cómicos que asinaron un texto rexeitando traballar na colonia, o que lles xerou un conflito ás súas compañías, que comprometeran representacións na nova sala, e levaron o xefe do Goberno, Benjamín Netanyahu, a ameazar con retirar o financiamento ós teatros con actores díscolos.
O centro cultural de Ariel, con capacidade para 540 persoas e que ten previsto inaugurarse o próximo 8 de novembro, xa comezou a vender entradas e anunciado un programa con oito representacións das compañías do Habima e o HaCameri, en Tel Aviv; o Teatro de Beer Sheva e o Jan de Xerusalén.
O Goberno israelí tratou de atallar o incipiente boicot cunha tallante declaración por parte da ministra de Cultura e Deporte, Limor Livnat, que acusou os opositores de "dividir a sociedade israelí", pediu separar política e arte, e asegurou que "todo israelí ten dereito a gozar da cultura en calquera lugar".
Os asinantes da misiva, entre eles varias estrelas como o director, guionista e escritor Yehoshua Sobol ou o actor Yossi Pollak, non cuestionan o dereito dos colonos a gozar do teatro, pero defenden o seu dereito a oporse á colonización. Outros artistas, como Gila Almagor, gañadora do Premio Israel de teatro, non refrendaron a misiva pero aseguran que, igualmente, non actuarán nos asentamentos en territorio palestino.
"Sempre me opuxen á ocupación e negueime a actuar máis aló da liña verde (divisoria establecida tras o cesamento do fogo da guerra de 1948). Non irei a lugares opostos á miña visión do mundo", declarou ó diario Haaretz a veterana actriz, que agregou que "non pediría ós actores relixiosos que traballasen na xornada do shabat", día semanal sagrado no xudaísmo.
O boicot foi onte obxecto de debate no consello de ministros e levantou bochas entre os membros do Gabinete. Netanyahu ameazou con retirar o financiamento ós teatros cuxo persoal boicotee o centro de Ariel e sinalou que, ó ser Israel "obxecto dun ataque de deslexitimación por parte de distintos elementos na esfera internacional (...) o último que necesita é un intento de boicot desde dentro".
O ministro de Finanzas, Yuval Steinitz, dixo que "Ariel é unha comunidade en Israel" como calquera outra e pediu que se despida os que incumpran os seus contratos e non actúen alí.
REACCIÓN
Os colonos esixen que se despida os que se están a rebelar
O mesmo esixen os representantes dos colonos, que aseguran que os "rebeldes deben ser despedidos de inmediato porque as súas compañías son financiadas con impostos que tamén pagan os cidadáns de Xudea e Samaria (nomes bíblicos para Cisxordania)", dixo a Efe Aliza Herbst, voceira do Consello colono (Yesha).
Os intérpretes, engadiu, "teñen que dedicarse a actuar e manterse lonxe da política".
O consello de asentamentos instou ó público israelí a cancelar as súas subscricións ós teatros e boicotear as obras en que traballen quen se nege a actuar en Ariel. No lado contrario atópase o xornalista israelí Gideon Levy, quen sinalaba hoxe en Haaretz que o debate demostrará se no seu país hai "un teatro xenuíno ou simplemente un teatro de marionetas". "Hai unha diferenza moral entre o Israel soberano e lexítimo e as áreas baixo a súa ocupación. Entre actuar aquí ou alí, no corazón dun asentamento ilegal, construído nunha terra roubada, nunha representación deseñada para axudar os colonos a pasar un tempo agradable, mentres están rodeados de persoas ás que se desposuíu de todos os seus dereitos", argumenta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario