xoves, 2 de setembro de 2010

Atopan os restos dun zoqueiro represaliado en Portomarín


DANIEL PRIETO 28/08/2010

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) atopou onte na parroquia de San Mamede, no municipio lucense de Portomarín, os primeiros restos de Xosé Antonio Rivas Carballés, asasinado o 2 de agosto de 1936 por un grupo de falanxistas. Os membros da entidade atoparon inicialmente as botas do represaliado cara abaixo e, cando avanzaron coa exhumación, comprobaron que presentaba signos de violencia. “Tiña un impacto de bala na zona occipital, e estaba boca abaixo, o que evidencia unha morte violenta”, explicou Santiago Macías, vicepresidente da ARMH.

Xosé Antonio Rivas era un zoqueiro da parroquia de Fraialde, pertencente ao municipio de Pol, en Lugo, que foi secuestrado no seu domicilio, asasinado e soterrado nas inmediacións da igrexa parroquial de San Mamede. Casado e con catro fillos, tiña 39 anos cando foi represaliado. “Eu tiña catro anos cando o viñeron buscar unha noite. Mataran un soldado da Falanxe na fronte e sempre escoitei a miña nai dicir que o cura fora o culpable de que a meu pai o quitaran do medio. Era unha persoa moi intelixente que lía moito. El non era ningún político, só tiña simpatía pola República”, explicou o seu fillo, Ramiro Rivas, de 73 anos, residente en Arxentina, que se desprazou a Galicia co obxectivo de asistir ás tarefas de busca.“Na familia levamos moitos anos agardando por este día, sinto que cumprín co meu deber”, engadiu.

Os traballos de exhumación, que a ARMH pensou en suspender inicialmente tras realizar varias sondaxes infrutuosas, estiveron dirixidos polo arqueólogo René Pacheco. Os familiares de Xosé Antonio Rivas manifestaron a súa intención de trasladar os seus restos ao panteón familiar de Fraialde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario