mércores, 8 de setembro de 2010

O loitador da utopía


A editorial galega Ediciones del Viento recupera o informe que Casement realizou sobre o réxime colonial do Congo ·· O autor foi aforcado en Londres por reclamar a independencia de Irlanda
MARÉ. SANTIAGO
O seu informe sobre o Congo foi estarrecedor e convulsionou Europa a inicios do século XX. Nel, Roger Casement, un diplomático irlandés ao servizo da coroa británica, reflectía o terror co que o rei Leopoldo II de Bélxica controlaba e explotaba a súa colonia. Malia as presións do monarca belga, o informe publicouse no 1904 e estes días volve ás librerías da man da editorial galega Ediciones del Viento, que se adianta uns meses á aparición de El sueño de un celta, a novela na que Vargas Llosa recrea a vida deste utópico loitador.
O libro de Ediciones del Viento inclúe, ademais do informe de Casement, un conxunto de textos relativos ao Congo, que este verán celebrou os cincuenta anos da súa independencia en lapelada contenda bélica. Son xa miles de mortos e desprazados, vítimas da ambición das multinacionais, que se disputan -en alianzas con milicias locais- as riquezas da súa selva, sobre todo o coltrán, un mineral imprescindible para as novas tecnoloxías. O 80% das reservas do coltrán mundial están no Congo.
Con tradución ao castelán de Susana Carral e Lorenzo F. Díaz, La tragedia del Congo -título da publicación- reproduce a carta aberta que un clérigo afroamericano combativo -George Aashington Williams- lle escribiu a Leopoldo II no 1890, poñendo en evidencia as súas falcatruadas. Foi un dos primeiros documentos que sacaban á luz aquel estado de crueldade institucionalizada.
Completa o volume El crimen del Congo, de Arthur Conan Doyle, membro da Asociación para a Reforma do Congo, publicado no 1909. Conan Doyle lembraba que o monarca belga, "un autócrata absoluto" en África, se presentou ante as grandes potencias cun "feixe de tratados", obtidos mediante enganos con pagos tan ridículos como "un abrigo de tea vermella con adornos dourados, unha gorra vermella, unha túnica branca (...), catro garrafóns de ron, dez caixas de xenebra".
Por último, en El soliloquio del rey Leopolodo, do ano 1905, Mark Twain acomete o retrato caricaturesco do rei con tinguiduras despóticas e tiránicas. Non en balde, o monarca belga representa, en palabras do director de Ediciones del Viento, Eduardo Riestra, "un dos personaxes máis funestos da colonización africana".
Roger Casement (Dublín, 1864-Londres, 1916) é un dos personaxes europeos máis fascinantes do século XX. Chegou por primeira vez ao Congo aos 19 anos e traballou para varias empresas. Nesa primeira etapa, coñeceu o explorador Henry Morton Stanley e o escritor Jospeh Conrad. Volveu á colonia no 1900 tras traballar para o goberno británico en Nixeria e Mozambique. Cónsul en Matadi, non dubidou en revelar o sometemento dos nativos e os descalabros do sistema de traballos forzados.
Posteriormente, en 1906, os Asuntos Exteriores de Londres destinárono a Santos, no Brasil, para realizar un informe semellante ao que fixera en África, neste caso para verificar as denuncias contra unha compañía caucheira de bandeira inglesa, aínda que estivese dirixida por un peruano.
Uns anos despois é cando abadona o servizo á coroa británica e se embarca na loita pola independencia de Irlanda. Nese tempo, cumpriu un papel semellante ao de Plácido Castro nos tempos previos á guerra civil: serviu dunha especie de embaixador que, metido no seu papel, buscou o apoio da Alemaña para os seus fins independentistas.
No Levantamento de Pascua -o máis célebre inetnto dos rebeldes irlandeses para sacodirse de enriba o peso británico- Casement foi detido e encarcerado baixo a acusación de traizón, sabotaxe e espionaxe contra a Coroa. O xuíz condenouno a morte e a campaña en contra da súa execución -na que participaron Doyle, Yeats ou Bernard Show- non impediron que o aforcaran no 1916. No proceso xudicial, saíron á luz os seus diarios, usados polos detractores para acentuar os trazos dun terrorista depravado.
Nos diarios, Casement deixaba clara a súa homosexualidade e un inesgotable desexo sexual que Vargas Llosa cualifica de "tecnicamente imposibles". Durante moito tempo, considerouse que estaban falsificados, aínda que investigacións recente consideran que, efectivamente, os escribiu el.

Ningún comentario:

Publicar un comentario