luns, 13 de setembro de 2010

Historia do baile agarrado



XOSÉ MANUEL PEREIRO
EL PAÍS - 10-09-2010

Se a cultura é, por non ir máis lonxe que o dicionario, o conxunto de modos de vida e costumes, coñecementos e desenvolvemento artístico dunha época ou grupo social, a verbena parece que o é. Mesmo cultura popular. A asistencia a concertos das orquestras nas verbenas é a actividade cultural, deportiva ou de lecer máis practicada en Galicia, e a única que ten máis porcentaxe de participantes (o 63,6% da poboación asiste algunha vez ao ano) que de non participantes.

En Galicia, o que hoxe é a meirande expresión do baile outdoor naceu, segundo o especialista en orquestras Xurxo Souto -neto e sobriño de fundadores de Los Satélites) da conversión a comezos do século XX do gaiteiro solitario en dúo (gaita e tamboril). 20 anos despois, Os Gaiteiros de Soutelo e os Trinta de Trives (porque eran catro, pero tocaban coma trinta) inventaron o cuarteto de gaita. Unha deriva imparable cando se xuntou con outra revolución: o agarrado. O baile, que ata entón -polo menos en Galicia- era unha danza colectiva, empezou a ser un pasatempo de contacto pese -ou por- á oposición dos curas. Segundo conta Souto, os cuartetos de gaitas reforzáronse co metal, saxofóns ou clarinetes, e apareceron as músicas. Tamén as incursións das orquestras das cidades no campo. Da rivalidade entre unhas e outras saíron híbridos, como a Orquestra Spallant (antes Os Espallantes).

A música era daquela unha oportunidade de promoción para os rapaces máis inquedos. O malo era o custe dos instrumentos. Os pais de Marcial, un dos ventos clásicos de Los Satélites, venderon unha vaca para comprarlle ao cativo o clarinete. Manuel Eiroa foi un dos fundadores, conta seu neto, porque cando tiña 15 e traballaba cargando area para as obras, un irmán emigrado en Nova York mandoulle os cartos para mercar un saxofón. A conquista dos medios de transporte foi outro paso no proceso de extensión do fenómeno. Os primeiros motorizados parece ser que foron Os Gaiteiros de Soutelo, aos que un fan con posibles lles regalou en 1920 un Ford, pero durante moitos anos as orquestras viaxaban como o público, en coche de liña, ou mesmo en bicicleta. E os pioneiros nunca son comprendidos de todo. O estudio feito polo neto de Manuel Eiroa conta que a Antonio, da orquestra Los Mallos da parroquia coruñesa de Feáns, un amigo mecánico ofreceulle un Hispano-Suiza no que cabían todos. En canto o aparcou na eira da casa, saíu o pai e mandouno fóra porque un coche era cousa de ricos, "e ti es un obreiro, un labrador".

A guerra supuxo, coma en todo, un parón, pero a posguerra non matou as orquestras. Determinou que os músicos, igual que os demais traballadores, emigraran, pero neste caso para ben. "Os invernos son duros e cómpre buscar novos escenarios. O acordeón de Diosiño chega a Finlandia, Los Españoles trunfan en Xapón. Nos seus retornos enchen as verbenas de vangarda e modernidade, como a música tropical, moito antes de que en Nova York se inventara a palabra 'salsa", relata Xurxo Souto. Cando, despois da música, a economía deixou a autarquía a mediados dos 60, foi a (primeira) época dourada das orquestras, e dos seus vocalistas, desde Álvaro Pita a Finita Gay -a primeira muller nos palcos- e sobre todo, Pucho Boedo, o animador que compartiu escenario en París con Jacques Brel. Ou Ana Kiro, a raíña indiscutible do fenómeno de difusión previo a internet: as casetes nas gasolineiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario