martes, 28 de setembro de 2010

O sindicalista que salvou a Catedral


Marcial Villamor, represaliado en 1937, formou unha das mellores bibliotecas de Santiago
DANIEL PRIETO 24/09/2010
O próximo día 28 cúmprense 73 anos do asasinato de Marcial Villamor Varela, un dos máis destacados dirixentes galegos da CNT e do Partido Sindicalista. Ebanista de profesión, formou no seu domicilio de Santiago unha das mellores bibliotecas da cidade, que espertou a envexa de personalidades da talla de Luis Seoane. A pesar de ser totalmente analfabeto nun inicio, formouse de xeito autodidacta e converteuse nun destacado intelectual, nun adiantado ao seu tempo. Pioneiro do vexetarianismo en Galicia, evitou que a Catedral fora dinamitada en 1936 por parte dalgúns compañeiros máis radicais. Ademais, foi un dos principais promotores do Ateneo Libertario compostelán e un gran defensor dos dereitos dos traballadores. Executado dun tiro na caluga en 1937, o franquismo disfrazou a súa morte de “derrame cerebral”.
Nado en 1889 na parroquia de Vilouriz, no municipio coruñés de Toques, Villamor marchou de quinto destinado a África, onde chegou ás súas mans un panfleto en contra da presencia militar española na colonia. Avergoñado, decidiu aprender a ler e a escribir a partir de entón. De extracción humilde, trasladouse sendo moi novo á capital galega. Alí exerceu como carpinteiro e entrou en contacto co movemento obreiro e co ambiente cultural da cidade. O seu taller, situado no número oito da rúa Olvido, converteuse en improvisada sede do Ateneo Libertario de Santiago. Así, non é de estrañar que o escritor Manuel Rivas evocara a súa figura na popular novela O lápis do carpinteiro.
ACTO DE HOMENAXE EN TOQUES
Por elo, o Concello de Toques bríndalle mañá unha homenaxe a Villamor ás 17.30 horas no campo da Feira. Despois, ás 19.30 horas, terá lugar no Colexio Vello dese municipio coruñés unha conferencia sobre a súa figura a cargo do historiador Dionisio Pereira, coordinador do proxecto Nomes e Voces, que promove o evento xunto ao Concello de Toques e a familia do sindicalista ilustrado. “A miña avoa Josefina nunca falaba del, e durante moitos anos foi como un desaparecido”, sinala Manuel, o seu neto, que considera que a homenaxe “é un acto de recoñecemento necesario cara unha persoa extraordinaria”, que xa conta cunha praza en Santiago co seu nome.
E é que son moitos os episodios fóra do común que protagonizou Marcial Villamor ao longo da súa vida. Era un habitual da famosa librería Nike compostelá, onde os clientes pagaban o que consideraban polos libros. Nunha ocasión en que Ortega y Gasset visitou o local, a comezos dos anos 30, o seu propietario, Arturo Cuadrado Moure – membro da comisión que presentou o Estatuto de Autonomía do 36 nas Cortes– comentoulle ao filósofo que un dos seus lectores pagara dez céntimos por un libro seu e volvera o día seguinte a pagar outros dez, porque lle entusiasmara. O autor de A rebelión das masas visitou o domicilio daquel carpinteiro apaixonado pola lectura, cuxa biblioteca gozaba de gran sona.
“Tiña unha habitación chea de libros”, sinala o seu neto. Aínda que a versión oficial di que todos aqueles volumes foron queimados polos falanxistas, “o certo é que os roubaron”, engade. Os seus parentes non conservan ningún exemplar daquel tesouro.
Ademais, Villamor permaneceu seis meses en prisión, xa que en 1934 foi detido por repartir follas de propaganda a favor da amnistía dos presos políticos, nas que criticaba a liberación dos xenerais que se alzaran contra a Segunda República. Foi procesado por “excitación á rebelión militar en grao de tentativa”. Nun informe da Dirección General de Seguridad, é cualificado “como un dos principais dirixentes das masas obreiras” e como “un dos líderes organizadores” dese movemento. “A miña nai, Concepción, de nena, acompañábao ao cárcere, onde o chamaban cada vez que había algún conato de revolta. Nunha ocasión, os carcereiros ata lle regalaron unha boneca”, asegura Manuel.
Tras o golpe militar, Villamor, que formara parte do Comité de Defensa que se enfrontou ás forzas franquistas, refuxiouse no fogar dun compañeiro de sindicato, primeiro, e na casa dos seus curmáns en Vilouriz, logo. A súa muller, os seus cinco fillos e o seu sogro foron obxecto de vexacións. Foi asasinado en 1937 “farto de permanecer agochado”, indica Manuel. “Mantívose fiel aos seus ideais, con tolerancia, e sempre se opuxo á violencia”. Sirva como exemplo o catolicismo da súa familia, o pensamento conservador do seu sogro e o feito de que a súa filla pequena ía a un colexio de curas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario