venres, 24 de setembro de 2010

O país dos puticlubs


Galiza conta cuns 8.000 clubs de alterne ·· Traficar con persoas, principalmente mulleres, para explotalas sexualmente constitúe o terceiro negocio máis lucrativo do mundo, detrás do de drogas e armas
MARGA TOJO . SANTIAGO
Galiza conta cunha das maiores paisaxes prostibulares do Estado. O feísmo do neon de alterne contabilízase nuns 8.000 locais. Outras 543 persoas exercen a prostitución na rúa. Uns datos que colocan a comunidade na quinta do Estado español por diante doutras como Cataluña, cunha poboación moi superior. De acordo coas contas da asociación de propietarios de clubs de alterne, o negocio da prostitución move cada ano 18.000 millóns de euros, pero tamén os medios de comunicación obteñen millonarios beneficios grazas aos anuncios de contactos (na sección Comunicación hai unha reportaxe sobre o tema) e son sostén dun sistema de explotación secular. As mafias que trafican con persoas -a inmensa maioría mulleres- para explotalas, vendelas, ou excravizalas sexualmente atopan o seu sentido dentro dunha engranaxe social, que está marcada pola desigualdade e que está pensado para satisfacer as necesidades dos homes, tal como sostiña o delegado do Goberno contra a Violencia de Xénero, Miguel Lorente, nunha recente entrevista con este xornal.
Galiza converteuse nun dos múltiples destinos do negocio global do tráfico de seres humanos. Entre os anos 2005 e 2008 a Policía desartellou na comunidade cincuenta e nove redes dedicadas ao contrabando de persoas con fins de explotación e detectou 1.847 mulleres susceptíbeis de seren vítimas destas mafias. No 2009 foron máis de 160, a maioría brasileiras ou romanesas, que adoitan introducirse a través do aeroporto de Vigo procedentes de París, Madrid ou Lisboa.
A ONG internacional Save the Children (STC) denuncia con motivo da celebración, hoxe, do Día Internacional contra a Explotación Sexual e o tráfico de seres humanos, que España é Estado de "tránsito e destino" de nenas, nenos, e adolescentes vítima do comercio de persoas pero o seu sistema de protección á infancia "non está preparado" para abordar as súas necesidades específicas, afirma a responsábel de Incidencia Política de Save the Children, Yolanda Román. A organización afirma que "actualmente o sistema de protección á infancia non está preparado para identificar os casos, nin abordar as necesidades específicas das vítimas de trata con fins de explotación sexual menores de idade". Na súa opinión, estes recursos deberían contar con persoal cualificado e ofrecer asistencia de tipo psicolóxico, xurídico e social incluíndo medidas educativas e de inserción laboral, co fin de "reparar os dereitos das vítimas". A organización calcula que a trata afecta a 2,5 millóns de persoas no mundo, a maioría mulleres e nenas, polo que considera necesario que institucións públicas e sociedade civil traballen coordinadamente para lograr coa maior eficacia protexerlles. A pesar de que os perfís das vítimas poden variar en función das dinámicas das redes de explotación e das demandas dos clientes, adoitan ser menores ao redor dos 16 anos, de orixe comunitaria aínda que, en menor medida, se atoparon vítimas menores de idade de orixe africana.
Pola súa parte, o Goberno central publica un manifesto co que quere activar a particulares e entidades a "achegar o seu gran de area" para acabar co terceiro negocio máis lucrativo do mundo só por detrás do tráfico de drogas e armas. "A trata de seres humanos con fins de explotación sexual é unha forma moderna de escravitude en pleno século XXI. É unha vulneración dos dereitos humanos que atenta contra a dignidade das persoas e ten un claro compoñente de xénero, ao ser as súas vítimas maioritariamente mulleres", sinala o manifesto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario