O presidente do Consello da
Cultura Galega, Ramón Villares, e o Secretario Xeral de Emigración da Xunta,
Santiago Camba, asinaron onte un convenio para a elaboración dunha exposición
sobre as construcións escolares promovidas en Galicia polas Sociedades de
Emigrantes, a edición facsimilar do Almanaque Gallego, a recuperación de
documentación sobre a emigración galega no Brasil e un proxecto expositivo
sobre a historia da emigración galega. O convenio supón un investimento de
oitenta mil euros e os traballos, que coordinará o Arquivo da Emigración
Galega, deberán concluír a finais de 2010. Santiago Camba agradeceu a
colaboración do CCG e apostou por manter unha liña de acción e cooperación que
considerou prioritaria.
Un avance do contido da
exposición monográfica e itinerante Luces de alén mar sobre as
construcións escolares en Galicia financiadas desde as asociacións de
emigrantes pode verse xa na web consellodacultura.org/escolas/ e máis adiante tamén
na web www.galiciaaberta.com
da Secretaría Xeral de Emigración. A web As Escolas da Emigración. Os
americanos e o seu legado educativo, presentada onte por Teresa García, do
Arquivo da Emigración Galega, agrupa toda a información documental e gráfica
nun catálogo coas construcións e os programas docentes recollidos e
inventariados nas provincias de Lugo e Ourense. Un proxecto levado a cabo
grazas a un convenio asinado en 2008 polo CCG e a Secretaría Xeral de
Emigración e dirixido polo profesor Vicente Peña Saavedra, para quen esa
iniciativa dos nosos emigrantes "constitúe o proxecto de escolarización
máis importante realizado en Galicia". O catálogo completarase coa
documentación correspondente ás construcións escolares nas provincias de
Pontevedra e Coruña.
Ramón Villares agradeceu a colaboración ofrecida pola Secretaría Xeral
de Emigración e subliñou a necesidade e a importancia da recuperación do legado
documental e o patrimonio dos emigrantes galegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario