En 1926
conseguiu facer un voo entre Madrid e Manila, case 19.000 quilómetros; en 1927
unha multitude de veciños recibírono no lugar de Toxo, onde aterrou
MARCOS
SUEIRO 26/09/2010

Si en tempos
pretéritos as expedicións organizábanse para establecer vínculos comerciais,
descubrir novas terras e probar novos medios de transporte, os contemporáneos
de Lóriga xa sabían dos novos mundos pero querían chegar aínda máis rápido e
desafiarse así mesmos. Quedaba por probar o avión, e Loriga foi un piloto, de
condición militar, que aos mandos do aparato ideado por La Cierva conseguiu
facer un vo entre Madrid e Manila no ano 1926. Se a capital do Estado foi o
lugar elixido polo aviador galego para o despegue, a praia de Panxón, nas Rías
Baixas, foi a elixida para aterrar despois de demostrarse así mesmo e ao mundo
que un galego era capaz de chegar dende o vello continente a oriente.
A teima de
Loriga por situar a Galicia no mapa dos fitos da aviación non quedou satisfeita
coa súa chegada a Panxón, senón que o seu Lalín natal sería outro dos seus
destinos. O 23 de xuño de 1927 sobrevoou Lalín e apareceu no lugar do Toxo, na
parroquia de Sello, onde foi recibido por unha multitude de veciños e veciñas
que o esperaban como un heroe.
A relación
de Loriga coa súa vila ven de lonxe porque os seus antepasados eran unha das
familias nobres galegas. A familia de caseiros que serviu no pazo de Liñares,
residencia da familia, é depositaria de documentos e historias orais que
acreditan o parentesco cos condes do Grove. O último caseiro do pazo, Jesús
Vidal, morreu pero seu neto é portavoz da tradición familiar e anticipase para
anunciar: “Con todos estes documentos que teño vaise facer un libro para
desmentir moitas das cousas que se din por aí”. Os antigos empregados negan que
Joaquín Loriga nacese no pazo como está escrito en moitas publicacións pero
“iso non ten que ver para que el se sentise de Lalín, porque de feito foi
bautizado na capela da casa”. Confirman que pasaba temporadas na aldea e que se
sentía moi a gusto. As puntualización do fillo do caseiro van máis aló: “Eran
boa xente, iso que eran ricos” e xustifican a afirmación contando que no ano
1880 un raio desfixo a igrexa de Prado pero “Don Carlos Taboada, tío de Loriga,
traballaba no ministerio en Madrid e axudou a restaurar o templo”.
A afección
do piloto pola aviación ten que ver coa súa vocación militar. Segundo relata o
fillo do caseiro de Liñares, o avó de Loriga pola parte da súa nai fóra Tenente
Xeral do Exército: “Chegou a militar de alto rango, tiña as cruces de San
Hermenexildo e a laureada de San Fernando, como din estes papeis que teño
aquí”. A conclusión dos veciños é que Loriga, como pasaba cos herdeiros das
“familias ben”, tocáballe ingresar no exército.
O militar
Lóriga fixo unha fulgurante carreira castrense. No seu curriculum figura a súa
participación na guerra do Rif, onde en 1921 se incorporou ao servizo de
aviación. O seu destino a Melilla posibilitou o contacto e posterior
coñecemento de Eduardo González Gallarza, que anos despois o acompañaría na
viaxe Madrid-Manila. A súa carreira no exército español estivo moi vinculada ao
aire porque tralo seu trasladado a capital española probou o autoxiro de Juan
de la Cierva.
O ano 1926
sería un ano determinante na vida do militar aviador. Xunto con Gallarza e tres
mecánicos emprenderon unha viaxe entre dúas cidades que distan 18.900
quilómetros, Madrid-Manila, con aterraxes de emerxencia incluídas e finalmente
chegaron a Manila, onde lles tributaron unha calorosa homenaxe pola xesta
realizada e os recompensaron co título de fillos adoptivos.
As noticias
sobre a súa aventura percorreron máis rápido o espazo que o aeroplano que
pilotaba e a veciñanza de Lalín sentíase moi honrada de ter un veciño capaz de
emular as fazañas dos conquistadores. A sona traspasou as xeracións e dende o
concello de Lalín, aínda hoxe, comprácense ao dicir “é un dos nosos fillos máis
ilustres”.
Joaquín
Loriga respondeu a este recoñecemento das xentes de Lalín e para mostrar o seu
agradecemento aterrou o 23 de xuño de 1927 co seu avión, no Toxo, onde din as
crónicas unha multitude de xente acudiu a recibilo. Pouco tempo despois o 18 de
xullo de 1927 atopou a morte ao estrelarse co avión que pilotaba no aeródromo
de Catrovientos. A súa morte inesperada imposibilitou que vise cumprido o
desexo dos cidadáns e cidadás de Lalín que comezaran unha suscripción popular
para obsequialo cun aeroplano. As doazóns populares reorientáronse e levantouse
un monumento obra do escultor Francisco Asorey inaugurado o 27 de agosto de
1933. A obra reproduce un avión cravado na terra que simboliza unha cruz que
preside o aviador. Xunto ao conxunto escultórico a vila de Lalín ten outros
recantos que recordan as fazañas do aviador, porque o que hoxe é unha leira en
Toxo, foi un improvisado aeroporto e alí está un monolito para recordalo.
Recentemente
o concello de Lalín adquiriu o pazo de Liñares para convertelo nun gran espazo
cultural. Nese museo, aínda se determinar totalmente a súa finalidade, haberá
un lugar para Joaquin Loriga. No financiamento participará o ministerio de
Fomento, que destinará o 1% da inversión do AVE, a rehabilitación dunha
edificación do século XVII .
Con esta decisión da administración local o pazo, onde algúns
din naceu e outros se bautizou Loriga, volverá a ter coa familia orixinaria
porque o inmoble foi embargado polo Banco da Coruña e comprado por Rafael Otero
Ramos ata que recaeu no concello de Lalín. Os seus paisanos e paisanas, o
vellos caseiros e o propio Concello de Lalín non van permitir que a memoria dun
pioneiro forme parte do esquecemento e son moitos os que se lamentan que se
tardara tanto pero consólanse en que a escusa dos noventa anos servirá para
recuperar e activar a memoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario