venres, 24 de setembro de 2010

Os británicos non querían un estado xudeu en Palestina

Os servizos de espionaxe tentaron sabotar a súa chegada masiva tras o Holocausto
EFE
Nos anos inmediatamente posteriores á Segunda Guerra Mundial, a espionaxe británica preparou e executou un plan destinado a impedir mediante accións de sabotaxe a chegada masiva a Palestina de xudeus europeos que sobreviviran ó Holocausto.
Iso é o que conta a primeira historia autorizada do MI6 -servizo de espionaxe británica-, da que é autor Keith Jeffery e que comezou a publicar por entregas o diario británico The Times.
Cara a finais de 1946, o Goberno británico solicitou o consello do Secret Intelligence Service (SIS) sobre como disuadir os patróns e as tripulacións dos barcos de transportar ilegalmente a xudeus a Oriente Medio. Entre as opcións consideradas estaban as de sabotar os barcos ou as súas reservas de alimentos ou auga potable e ata incendiar os barcos no porto para culpar logo desas accións a unha organización árabe creada especialmente para tal fin.
Tras unha reunión celebrada en febreiro de 1947 entre os SIS e representantes das Forzas Armadas, a Oficina Colonial e o Foreign Office, o xefe do departamento de enlace deste último ministerio deulle luz verde ó plan de sabotaxe "a condición de que non houbese mortes".
Segundo o libro que agora se publica, durante o verán de 1947 e a comezos do ano seguinte leváronse a cabo sabotaxes contra cinco barcos en portos italianos: un dos buques deuse por perdido mentres que outros dous sufriron graves danos.
Nos dous restantes, os mergulladores descubriron a tempo as minas magnéticas utilizadas.
Para desviar a atención inventouse unha organización á que bautizaron Defensores da Palestina Árabe, que foi a que se atribuíu a responsabilidade desas sabotaxes en cartas enviadas desde París ó primeiro ministro, ó titular do Foreign Office (Ministerio de Exteriores) e a varios xornais, nas que se implicaba ós soviéticos na inmigración xudía.
A espionaxe británica considerou un éxito toda aquela operación, bautizada "Embarrass" (Embarazo), porque en ningún momento espertou sospeitas sobre a súa orixe e serviu ademais para disuadir os organizadores xudeus da inmigración ilegal, que deixaron de confiar nos barcos italianos para o transporte.
POLÍTICA
Sucesores do imperio otomán
Tras a Primeira Guerra Mundial, a Sociedade de Nacións encargoulle ó Reino Unido a administración de Palestina, que antes pertencía ó imperio otomán. Os británicos estiveron alí ata maio do 1948.

Ningún comentario:

Publicar un comentario