xoves, 2 de setembro de 2010

A Coruña revisa a historia do cómic na prensa americana


Unha mostra no Palexco recolle as historietas publicadas polos diarios estounidenses no último século

HÉCTOR J. PEÑA 11/08/2010

Entre a enorme oferta de exposicións que ofrece Viñetas desde o Atlántico este ano, unha das máis destacadas é a que acolle o Palexco, dedicada ás tiras de prensa en Estados Unidos ao longo do século XX. A mostra recolle orixinais publicados entre 1907 e 1999, ofrecendo aos visitantes a posibilidade de observar a evolución deste xénero e como se modificou a relación entre a linguaxe do cómic e a dos xornais.

A primeira parte da exposición é a dedicada aos pioneiros do xénero, que “ao contrario da concepción xeral, non son americanos”, como sinalou o coleccionista e comisario da exposición Jaume Vaquer. O cómic nace en Europa, pero debido ao éxito da tira cómica americana do Yellow Kid, considérase que é un invento estadounidense. A transcendencia desta historieta é tal que ao seu nome se debe a que certos diarios sexan coñecidos como prensa amarela, xa que os xornais nos que se publicaba eran o New York World, de Pulitzer, e o Morning Journal, de William Randolph Hearst.

Pero esta historieta publicouse de 1895 a 1898, e a exposición comeza co que para os organizadores son os personaxes e os autores primixénios do comic, Little Nemo e Krazy Kat, de McCay e de Herriman respectivamente. Nesta primeira parte da mostra, ademas dos “pais fundadores”, en palabras do comisario, destacan recortes de artistas como Mutt & Jeff, de Bud Fisher. Esta historieta marca o nacemento da tira diaria de luns a sábado e a páxina dominical para os suplementos. Ademais, o debuxante norteamericano foi o primeiro que rexistrou os personaxes ao seu nome, dándolle a posibilidade de ir cambiando os personaxes de diario sen problema.

Con este tipo de medidas, o debuxante Bud Fisher evitaría moitos problemas legais, como os que sufriron a maioría dos seus compañeiros de xeración e converteuse no primeiro debuxante de cómic millonario. Outro dos autores destacados que se poden contemplar na primeira sección é George McManus, que realizou a primeira serie que foi un gran éxito a nivel mundial: Bringing up father (Educando papá). Esta peza foi unha gran influencia para Hergé, creador de Tintín.

Jaume Vaquer quixo facer fincapé en que “a exposición tamén nos dá a posibilidade de contemplar que o cómic non é un medio hermético, illado da sociedade, senón que se enchoupa do seu ámbito e reflicte a historia dos Estados Unidos dende o seu particular punto de vista”. Este aspecto reflícteo o cambio dende a viñeta humorística, característica dos vinte, ata a tira de aventuras. Mentres que durante a primeira etapa o máis destacado foi o Popeye de Elzie Sagar, a partir dos anos 30 –e influenciados pola Gran Depresión–, o humor deixou paso á novela de aventuras. “Esta tendencia empeza co Tarzán de Hal Foster, do que temos unha tira do ano 31 na exposición”, sinalou Vaquer. Na liña de Tarzán xurdirían varios dos personaxes máis carismáticos da historia da viñeta, como The Phantom ou Flash Gordon. Pero non só triunfaban as aventuras fantásticas, pois o western ou as historias policíacas viviron unha idade de ouro ata a II Guerra Mundial.

A última parte da exposición é a máis variada. Comezan a xurdir historietas de ciencia ficción e extraterrestres, vinculado á paranoia comunista da época. Psicose que foi a responsable de que o xénero bélico non decaese despois da II Guerra Mundial. A este respecto, a guerra de Vietnam, curiosamente, foi a responsable da introdución do erotismo nas tiras de prensa. Nun xornal editado para as tropas americanas destacadas no estranxeiro incluíase unha tira de Wally Wood chea de desnudos femininos. Todo sexa por levantar a moral das tropas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario