EL PAÍS - 10-09-2010
Hai pouco máis de mes e medio que se apagou definitivamente unha das voces máis importantes para a historia da emigración galega na Arxentina. O 26 de xullo faleceu en Buenos Aires a locutora e actriz Maruxa Boga, unha muller que contribuíu a difundir e manter viva a cultura galega na Arxentina nuns tempos en que as circunstancias políticas facían deste labor case unha heroicidade. Boga, que morreu cando contaba 95 anos, só coñeceu persoalmente Galicia cando xa con idade avanzada, pero iso non lle impediu construír na cabeza unha terra que se parecía moito a aquela da que os seus país lle falaban dende nena. A lingua galega que escoitaba na casa foi para ela un ben valioso que sempre coidou.
A figura de Maruxa Boga non se pode entender sen ter en conta o compromiso político. O ideario republicano tamén o herdou dos seus pais. O programa Recordando a Galicia, en antena ao longo de 40 anos en distintas emisoras de Buenos Aires, converteuse nun punto de encontro de grandes personalidades da política e a cultura. Castelao, Blanco Amor, Suárez Picallo ou Maruxa Villanueva foron algúns dos persoeiros entrevistados por Boga. O programa naceu en 1945 e nos primeiros anos de emisión Boga traballaba co actor Fernando Iglesias, Tacholas, co que tamén compartía escenario nunha compañía teatral. O seu obxectivo era manter vivo o teatro galego, ameazado polo triunfo do franquismo en España. A parella Boga-Tacholas representou moitas obras de temática e autores galegos, pero a máis coñecida foi Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.
Ningún comentario:
Publicar un comentario