xoves, 23 de setembro de 2010

A dobre desaparición de Roberto Blanco Torres



CRISTINA HUETE
EL PAÍS - 17-09-2010

O restos mortais de Roberto Blanco Torres -o político, periodista e poeta galego asasinado dun tiro no peito e rematado con outros tres, na madrugada do 2 de outubro de 1936- ficarán para a eternidade espallados nalgún osario do entorno do camposanto de Galez, en Entrimo (Ourense). Son irrecuperables. Xa non poderán recibir sepultura. A historia deu un xiro inesperado para investigadores e familiares. Tiñan a seguridade do lugar concreto onde se atopaban os restos de Blanco Torres. Pero 64 anos despois do crime político, os seus descendentes terán que continuar a vivir na incerteza, nunha espiral que non se pechará.

A documentación recuperada por Santiago Macías inclúe a autopsia realizada polo forense de Bande, Ildefonso Santalices.Nos cartafois, que constitúen a causa 251 de Ourense aberta pola Asociación da Memoria Histórica, constan con todo detalle as causas da morte dos tres homes. A autopsia é clara. Dá conta de que o cadáver de Roberto Blanco Torres era o dun home "cuxa idade oscila entre os 40 e os 44 años, de complexión robusta e talla regular". E indica que presentaba na "parte media do arco superciliar do lado esquerdo" unha ferida de arma de fogo curta e outras dúas "na zona subauricular do lado dereito". O forense explica no seu informe que apreciou un "gran contido de sangue e perforación de meninxes con destrozo en masa encefálica na parte percorrido polo proxectil". Non foron os únicos disparos que recibiu o poeta galego. O parte da autopsia indica ademais a perforación do pulmón dereito na parte superior "de certa cantidade de sangue contido nesta cavidade".


O descanso imposíbel

Un dos sobriños do poeta, Juan Luis Blanco Valdés, narra no seu blog Fragmentos da galaxia o desencanto que invadiu os familiares que o día 10 asistiron emocionados no cemiterio de San Fíz de Galez á que ía ser a exhumación dos restos mortais do seu devanceiro. Os descendentes do poeta pensaban dar repouso aos ósos do seu tío xunto os da súa muller, Julia, falecida en 1966 e soterrada no cemiterio da Peroxa, tamén en Ourense.

A familia planificara celebrar un acto íntimo no camposanto da Peroxa, "no que a través dalgúns poemas queriamos transmitir aos moitos nenos e mozos actuais da nosa prole o sentido da integridade e rigor que guiaron a vida de Roberto, o seu devanceiro". Blanco Valdés conta como na viaxe de volta dende a fracasada exhumación cismaba "en que son momentos como os vividos esta tarde os que se acubillan nos recantos máis túzaros da lembranza para se reiterar, consorte pasa o tempo, coa luz máis intensa da vida, a mesma vida que a Roberto lle furtaron". "Non poido ser", láiase. "Saiba Deus onde foron parar os seus maltreitos ósos", pregúntase Blanco Valdés no post titulado O humus inmóbil tanto tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario