martes, 7 de setembro de 2010

O xermolo galego da Cuba de Fidel


Lois Pérez presenta hoxe un documental en Ribadavia sobre a familia Santamaría

DANIEL PRIETO 03/09/2010

Benigno Santamaría naceu na parroquia de Prexigueiro, no concello ourensán de Ribadavia, a finais do século XIX. Emigrou a Cuba onde casou con Joaquina Cuadrado, con quen tivo catro fillos. O que nunca imaxinara este carpinteiro da comarca do Riveiro era que dous deles, Haydée e Abel, acabarían converténdose en dúas figuras clave da revolución cubana. A primeira, por ser a nai da Nova Trova Cubana e polo seu destacado papel á fronte das guerrilleiras. O segundo, que foi torturado e asasinado polo réxime de Batista, foi a man dereita de Fidel Castro e o segundo xefe do exército revolucionario. Así o recolle o documental Os Santamaría, de Prexigueiro a Cuba, do investigador Lois Pérez Leira, que se estrea hoxe ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Ribadavia.

O documental, filmado en Cuba e Galicia, froito de máis de dous anos de investigacións, realiza un percorrido polas orixes da familia galega e conta cos testemuños de, entre outros, os cantautores Vicente Feliu e Silvio Rodríguez, que lle dedicou La canción del elegido a Abel Santamaría. Pérez Leira entrevistouse persoalmente coa filla de Haydée Santamaría, a intelectual Celia Hart, poucos días antes de que falecera nun accidente de tráfico na Habana. “Xunto a Fidel, é a persoa máis lida de Cuba por internet”, sinala o investigador, que chegou a trabar “unha gran amizade con ela”.

Tras realizar unha exhaustiva tarefa de documentación e entrevistar a máis de 30 persoas, Pérez Leira rematou o traballo hai un ano e prevé que se estree en Cuba proximamente. “Intentei poñer de manifesto a gran influencia galega na revolución cubana, que é crucial, porque no grupo inicial dos moncadistas había moitos galegos como Xulio Trigo, Xosé Luis Tasende, Xildo Freitas ou o propio Santamaría”, sinala Lois Pérez, en alusión ao asalto ao cuartel da Moncada, en Santiago de Cuba, realizado o 26 de xullo de 1953 por 131 revolucionarios que intentaron derrocar a Fulgencio Batista.

Un ano antes, pouco despois do golpe militar do ditador, foi cando Abel Santamaría coñeceu a Fidel Castro. Ambos os dous coincidiran nun acto en memoria do obreiro asasinado Carlos Rodríguez. Desde entón fixéronse inseparables. Pensaban que había que actuar contra a ditadura. Abel traballaba nun taller de reparación de coches e era un estudoso de José Martí. Participou nas primeiras manifestacións contra o réxime que se produciron en Cuba. A casa do seu pai, Benigno Santamaría “converteuse nun lugar de conspiración onde se xuntaban para xantar ata 20 persoas, unha especie de pequeno templo patriótico, cuartel xeral dos martianos, onde se xestou a revolución cubana”, explica Leira. Os moncadistas divertíanse con Fidel, dicíndolle que a maioría deles eran descendentes de galegos.

Cando se produciu o episodio da Moncada, un grupo, con Fidel á fronte, asaltou o cuartel. Abel Santamaría dirixiu outra facción que se encamiñou ao Hospital Civil. Unha terceira fronte, mandada por Raúl Castro, atacou o Palacio de Xustiza. Os guerrilleiros, en clara inferioridade, loitaron e resistiron ata que Fidel decretou a retirada. O Manifesto do Moncada, lido antes do ataque, plasma os principios revolucionarios e cualifica o asalto como a continuidade pola independencia de Cuba.

A REPRESIÓN

A ditadura reaccionou con brutal represión. Batista decretou o estado de sitio e ordenou asasinar a 55 revolucionarios apresados. A brutalidade do réxime foi denunciada por Fidel Castro na súa coñecida proclama de defensa La historia me absolverá, onde relata un dos episodios máis truculentos, cando un sarxento lle ensinou a Haydée o ollo do seu irmán Abel e lle dixo: “Se ti non dis o que el non quixo dicir arrincámoslle o outro”. Haydée negouse a darlles información. Os dous foron torturados e Abel foi asasinado, xunto ao mozo de Haydée. “Nunca foi posto nun lugar tan alto de heroísmo e dignidade o nome da muller cubana”, asegura o investigador Lois Pérez Leira.

Tras saír do cárcere, Haydée participou na organización do alzamento do 30 de novembro de 1956 en Santiago de Cuba en apoio ao desembarco do Granma. Xunto a Celia Sánchez e Melba Fernández, foi unha das máis destacadas guerrilleiras do exército rebelde e formou parte do pelotón Marina Grajales, formado só por mulleres. Tras o triunfo da revolución cubana fundou a emblemática institución cultural Casa das Américas, en 1959, e está considerada a nai da Nova Trova Cubana. “Sempre apoiou aos músicos e aos artistas cubanos; Silvio Rodríguez compúxolle a canción a Abel cando pasou uns días na súa casa”. Haydée suicidouse en 1980 “por motivos que ninguén coñece, nin a súa propia filla Celia”, conclúe Leira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario