Redacción | @prazapublica
O xornalismo en lingua galega pasou por épocas boas,
malas e peores, pero en calquera caso ten unha traxectoria longa, de dous
séculos exactamente, que se cumprirán esta semana. O 5 de febreiro de 1812
publicouse na Gazeta de Santiago o primeiro texto xornalístico na nosa
lingua, un artigo de opinión en forma de carta, e defensor da ideoloxía liberal
fronte ás ideas absolutistas e do dereito dos cidadáns a elixir
democraticamente os xuíces. 200 anos máis tarde, Praza Pública e outros medios,
continuamos o ronsel aberto por este texto.
O texto, asinado por Ramón González Senra
-probablemente un pseudónimo- e datado en Combarro, comeza dicindo: Señor
Emprantador da Gazeta de Santiago: Eu quixera espricarlle ben craramente
canto se folga ó meu corazon co á millor das novidades que teño visto na
miña acordanza: falo da orde que veu para que as aldeas escollan Jueces á
seu gusto, é para botar por terra todas esas gavelas con que nos esmagaban
desde hay tanto tempo un fato de señores que eran mais ríspitos para nos,
que os mesmos reis. Eu non sei falar con retrónicas, porque non andiben na
escola dos jasuitas
O texto foi recuperado na obra Papés d'Imprenta
Condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846, editado polo profesor Ramón
Mariño e coordinado pola xornalista Rosa Aneiros, coa colaboración de Xosé
Ramón Barreiro. O volume, publicado polo Consello da Cultura Galega, terá unha
segunda parte, que se presentará nas vindeiras semanas. Ramón Mariño explica
que "na época das Cortes de Cádiz está sobre a mesa un debate moi vivo
entre os partidarios de que as cousas seguisen estando como estaban,
partidarios da monarquía absoluta, e os que apostaban por que as cousas
empezasen a cambiar, pelexando por sistemas constitucionais. E en Galicia
comezan a xurdir cabeceiras que defenden unha ou outra postura, aínda que a
meirande parte das cabeceiras que aparecen aquí son de orientación
liberal".
Non é o primeiro texto en galego publicado nun medio
xornalístico, pois uns anos antes Manuel Pardo de Andrade xa publicara un
nun xornal de Madrid, en forma de poema e fóra dos cánones xornalíticos. Hai
outros exemplos, publicados entre 1808 e 1812, pero tamén teñen unha forma
lírica, coma unha chamada ao pobo a alzarse contra os franceses, que ademais se
distribuíu en follas voandeiras e non nun xornal. A particularidade do texto de
González Senra é a súa construción puramente xornalítica, como texto de opinión
argumentativo.
Son escasos os exemplos de textos publicados en
galego nas cabeceiras xornalísticas galegas que en gran número naceron nas dúas
primeiras décadas do século XIX, sobre todo durante a invasión napoleónica.
Porén, supuxeron un florecemento da lingua en relación co final do século
anterior. Hai que ter en conta que a nivel de monolingüísmo en galego na
Galicia de comezos do XIX roldaba o 90%. Tamén había un elevado nivel de
analfabetismo, pero naquel momento tamén estaba moi estendido o hábito da
lectura en público.
O uso do galego permitía chegar
máis directamente a esta maioría de galegofalantes, e tamén chegar a un nivel
máis afectivo. Avanzado o século, unha vez que se supera a efervescencia
da Guerra da Independencia e a restauración absolutisma de Fernando VII, e xa
ao abeiro do nacente provincialismo e protogaeguismo, os textos en galego van
gañando en frecuencia e variedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario