xoves, 23 de febreiro de 2012

“Os máis vulnerables ante a crise son os e as inmigrantes”


Laura L. Ruiz | @lauralruiz
Moitas das persoas que quedan sen emprego atopan na familia unha vía de salvación. Unha rede de apoios coa que non contan milleiros de inmigrantes en desemprego, situación que empeora ao non ter papeis.
Todos os días oímos noticias nas que se fala da porcentaxe de mozos emancipados que tiveron que volver a casa ao non atopar emprego ou do número de familias que viven na casa da avoa por non poder pagar a hipoteca. A pesar de que a situación desas persoas dista moito de ser a desexada, contan cun recurso que ás veces non se valora: unha rede de apoios. A situación complícase cando se está nun país estranxeiro, a milleiros de quilómetros da túa familia, sen traballo e sen a posibilidade de axudas sociais ao estares en situación irregular. “Cando estás enfermo preocúpate quen te vai coidar, por iso temos que axudarnos entre nós se faltan cartos, un sitio onde durmir ou se te deteñen”, comenta Djiby Fall, presidente da Asociación sen Papeis, que presta axuda legal e social ás persoas inmigrantes. O seu compatriota senegalés Adama incide en que a situación empeorou na venda ambulante nos últimos tres anos, xa que cada vez é menos rendible e hai máis acoso policial. “Coa crise -continúa- os máis vulnerables son os inmigrantes e cada vez máis se xustifica que haxa asociacións para axudarnos entre nós”.
A comunidade senegalesa é un exemplo de solidariedade en tempos de crises. Non necesitan ser familia para acudiren ao rescate deles cando son detidos ou chegan a una nova cidade. Isto non ocorre con outras nacionalidades, o que lles obriga a recorrer a asociacións sen ánimo de lucro, como a Cruz Vermella ou Ecos do Sur. Alí ofrécenlles programas de formación, mediación laboral, acompañamento, axuda legal e outros servizos para poder cubrir as necesidades básicas. Contan desde o programa Teranga de atención ao inmigrante que cada vez son máis os usuarios que teñen. “Son moitas as persoas que tiñan en regra os seus papeis, pero ao renovalos quedaron sen emprego e volveron á ilegalidade”, explica María Garrido, coordinadora do programa. Atrás quedan anos de xenerosas remesas ao seu país de orixe e de reagrupación familiar. “Moitos africanos enviaron as súas esposas e fillos de volta porque saben que alí cando menos teñen para comer e aquí a situación é moi complicada”, completa Pina, compañeira de María en Teranga. 
Comezar de novo
Moitas das persoas inmigrantes que agora se atopan nunha situación complicada xa estaban integrados no país, con traballos estables e mesmo hipotecas. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, case  trinta mil inmigrantes que vivían en Galicia nos últimos tres anos decidiron comezar de novo noutra comunidade, noutro país e mesmo volver a casa. “Euskadi e Cataluña son os destinos de moitos que antes vivían en Galicia. Alí poden atopar servizos que aquí non hai e iso prexudícanos a todos”, comenta Nicanor Acosta, quen leva 20 anos axudando ao colectivo inmigrante e a outros tantos, cedéndolle un local nunha céntrica rúa coruñesa á Asociación sen Papeis, da que forma parte activa. A voz deste septuaxenario é a voz da memoria, xa que non entende como pode haber galegos que traten mal aos inmigrantes cando é a propia historia do seu pobo. “Teño gravada a imaxe de andaluces e estremeños amoreados en barracóns en Europa e agora estanse cometendo os mesmos erros”, conta.
Nico, como lle gusta que lle chamen, tamén loitou pola liberdade de reunión e de expresión, por iso non concibe como se pode chamar ilegal a ninguén. “Eu cedo o meu local á asociación e os colectivos que queiran, sen pedir DNI nin mirar ideoloxías”, insiste. “Nós dicimos que ningunha persoa é ilegal, pero eles non son recoñecidos como cidadáns pola lei”, apunta Nico, e isto tradúcese en acoso, falta de dereitos, de servizos e de axudas. “Para poder traballar hai que ter papeis e para poder ter papeis hai que traballar. É moi complicado”, explica Adama, que comenta que en moitas ocasións son os empresarios os que se aproveitan da necesidade de regular a súa situación para non pagar aos inmigrantes polo traballo feito. 
Acoso policial e denuncias
Unha situación de inxustiza que non adoita verse rexistrada nunha denuncia, xa que a policía non é considerada un aliado para este colectivo. “Se vas pola rúa cunha persoa branca, non pasa nada. Pero se te ven só rexístranche até a bolsa da compra”, critica Djiby. A propia Asociación sen Papeis denunciou o acoso policial ao que se ven expostos moitos vendedores ambulantes inmigrantes e até a agresión a un deles o pasado mes de agosto.
 “Tanto ten que leves anos no barrio, traballando; mírante como se acabaras de chegar. Non hai integración por parte das administracións, non vin nunca un senegalés traballando no concello”, comenta outro integrante da asociación. A sensación de aumento da xenofobia é compartida por inmigrantes e asociacións. “Mesmo entre españois en risco de exclusión social está calando o discurso erróneo de 'quítannos o traballo'”, indica María Garrido, que aprecia medo entre os usuarios da asociación sobre as medidas que poida tomar o novo Goberno de Mariano Rajoy. “A inmigración – reflexiona Adama- non é un problema, é unha situación puntual. Case calquera país emigrou. Onte foi Galicia, agora fomos nós, pero xa hai moitos españois emigrando para buscar un futuro mellor”.
A inmigración, tamén cuestión de xénero
Segundo varias asociacións, o perfil da persoa inmigrante que sobrevive de mellor xeito á crise é unha muller soa. “O traballo doméstico é o sector que mellor aguantou. Páganlles menos pero segue existindo, non como o da construción ou a pesca”, comenta María Garrido. Refírense a cando unha muller non ten cargas familiares no país de residencia, xa que se os ten úneselle a incapacidade de conciliación de calquera galega máis a imposibilidade de contar co apoio dos avós.
Ademais, está o problema de igualdade. Que nunha parella sexa a muller a única que traballe pode carrexar máis problemas dos que se aprecian nunha primeira ollada. Igual que ocorre con moitos galegos, algúns homes non aceptan que se teñan que facer co coidado da casa e os fillos ao non ter emprego, e aparece a pantasma dos malos tratos. “Ao investirse o rol de xénero -comenta a coordinadora de Teranga- moitas mulleres se senten inseguras e eles frustrados, o que desencadea moitas veces en violencia”. A situación afecta á autoestima e chega á desesperación. “Hai pouco un usuario suicidouse e non foi o primeiro caso”, asegura Garrido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario