Redacción | @prazapublica
O especial A Vixilancia e a
represión en Galicia tras o golpe de Estado de 1936 continúa
afondando no estudo que o grupo de investigación da USC Nomes e Voces
realiza sobre a represión franquista, neste caso anlizando a maneira en que esa
represión durante a guerra civil e nos anos seguintes converteu os cidadáns
"en potenciais espías e en potenciais delincuentes".
O profesor Emilio Grandío salienta que "a
captura e recollida de información tivo un papel determinante na construción do
réxime franquista. Toda a sociedade tiña que estar baixo sospeita",
Grandío afirma que "o obxectivo dos sublevados era dar a sensación de que
o Estado era unha especie de ‘gran hermano’ vixiante. Non se admitía o debate,
nin a discrepancia, nin a controversia". Segundo o proxecto de
investigación, Galicia, onde os sublevados fascistas tomaron o control nuns
poucos días, converteuse no laboratorio onde probar o desenvolvemento dunha
nova realidade institucional que se creaba practicamente da nada. Dende ese
intre o conxunto da sociedade colocouse baixo sospeita e abríronse os procesos
de investigación, delación e depuración.
Toda sociedade atopábase suxeita a
vixilancia. Neste contexto é evidente que a rutina das delacións e o apoio de
boa parte da sociedade civil a estas medidas e actitudes é fundamental. A
sensación de normalidade era, tan só, aparente. Unha situación anormal que se
converte de xeito forzado en cotián. Como escribe Javier Rodríguez González,
profesor da Universidade de León, e Investigador Principal do proxecto, xunto
con Grandío, "a implicación activa da gran parte da sociedade civil, a que
se sentía vencedora, no perverso plan de amedrentamento, terror e marxinación
social da ditadura franquista colocou os vencidos nunha situación de permanente
sometemento moral, chantaxe emocional, desprezo e humillación". Como
destaca a investigación, "os cidadáns perden os seus dereitos e serán
clasificados en afectos, desafectos e indiferentes. Estes últimos tamén
contribuían á continuidade do sistema".
Ningún comentario:
Publicar un comentario