luns, 20 de febreiro de 2012

“As guerrilleiras eran mulleres cun compromiso político inequívoco”


Clarisa Rodríguez, do Meiral (O Barco de Valdeorras), enlace da Federación
Montse Dopico | @montsedopico
“Os fascistas nunca nos poñerán no lugar que corresponde, sempre nos rebaixarán. As guerrilleiras eramos como todas as mulleres e nada tiñamos que ver coa imaxe que tiñan de nós. Sabiamos cal era a nosa loita. Eramos donas dos nosos actos e non tiñamos que darlle explicacións a ninguén". Quen fala así é Consuelo Rodríguez López, ‘Chelo’, unha das protagonistas do ensaio de Aurora Marco ’Mulleres na guerrilla antifranquista galega’ (Laiovento).
Os golpistas chamábanlles as ‘queridas’ dos ‘bandoleiros’. E exercían sobre elas unha sorte de represión que engadía á absoluta brutalidade empregada cos homes un elemento patriarcal, do que a máxima expresión era o abuso sexual. Querían escarmentar a unha caste de mulleres que desafiaban o réxime coa súa liberdade. Que transgredían o rol tradicional na que o franquismo quixera confinalas.
Chelo ía armada. Camiñaba durante horas cargada co macuto como os seus compañeiros en días de intensas nevadas
Chelo ía armada. Camiñaba durante horas cargada co macuto como os seus compañeiros en días de intensas nevadas. Vivía nos chozos da Cidade da Selva, en Casaio, no medio da precariedade. Ela e a súa irmá Antonia foran enlaces desde que os seus irmáns se botaran ao monte no 1939. E chegou un momento no que tivo que escoller entre subir ela tamén ou morrer. E historias como a de Chelo hai máis. Só que non foran contadas. A profesora Aurora Marco decidiu, entón, romper co silencio. Co esquecemento. E durante catro anos realizou unha investigación cuxos froitos recollen o libro ‘Mulleres na guerrilla antifranquista galega’ e o documental ‘As silenciadas’, dirixido por Pablo Ces.
A participación das mulleres na actividade da guerrilla, fose da natureza que fose, era un acto de resistencia política. Eran comunistas, anarquistas, socialistas, republicanas sen filiación política concreta, ou non definidas ideoloxicamente pero non dispostas a consentir coa inhumanidade que alicerzaba o réxime
Marco ten claro que a participación das mulleres na actividade da guerrilla, fose da natureza que fose, era un acto de resistencia política. Independentemente das relacións familiares e/ou sentimentais que puidesen unilas cos homes. Eran comunistas, anarquistas, socialistas, republicanas sen filiación política concreta, ou non definidas ideoloxicamente pero non dispostas a consentir coa inhumanidade que alicerzaba o réxime. O perigo que entrañaba calquera apoio á guerrilla -familias enteiras foron fusiladas por facelo- obriga a descartar, segundo a autora, a imaxe que delas quixo proxectar a ditadura, como “amantes” dos guerrilleiros. “Eran mulleres cun compromiso político, e público, inequívoco”, sinala.
“É tan importante ou máis a retagarda que a vangarda"
Por que o seu papel na guerrilla non foi, daquela, recoñecido como merecían?, pregúntase a investigadora. En realidade si se publicaran algúns libros, como ‘Letras armadas: as vidas de Enriqueta Otero Blanco’ do historiador Ángel Gallardo, ou ‘Testimonio de la guerra civil’ de Isabel Ríos, xunto con estudos sobre Josefina Gallego Abeledo, Manuela López ou a propia ‘Chelo’. Só que no relato que se foi construíndo sobre a guerrilla, a relevancia das mulleres foise recoñecendo de xeito máis tardío que a dos homes.
Aurora Marco formula varias hipóteses sobre os motivos. Un, a concepción militarista da guerrilla, que a define en termos de combates. “Nunha guerra de guerrillas, é tan importante ou máis a retagarda que a vangarda. As enlaces ou guerrilleiras da chaira non só se ocuparon da intendencia. Trasladaban cartas, avisaban da chegada da Garda Civil, abrían novas casas para refuxio dos guerrilleiros... ”, salientou.
Foron poucas, en termos estatísticos, as que subiron ao monte. E as que o fixeron participaron nos combates, nos golpes económicos, nas discusións políticas e nos órganos de propaganda... “Eu creo que houbo, en xeral, moito respeto por elas. Camilo de Dios, por exemplo, recoñeceu que a supervivencia da guerrilla foi posible grazas ás mulleres”, lembrou. Francisco Rey Balbís ‘Moncho’ amósase de acordo con esta percepción no testemuño que del recolleu Xosé Neira Vilas en ‘Guerrilleiros’.
En termos semellantes xulga o papel das mulleres un dos historiadores de referencia sobre o tema, Hartmut Heine, para quen sen elas a guerrilla non chegaría a durar nin un ano. Malia que na súa obra 'A guerrilla antifranquista en Galicia’, unha das pioneiras, publicada por Xerais a primeiros dos anos 80, non lles prestase moita atención.

Ningún comentario:

Publicar un comentario