Montse Dopico | @montsedopico
Dúas voces insubmisas. Afoutas, contestatarias,
fronte aos poderes que nos oprimen. Irmandadas na oposición á violencia, ao
patriarcado. Carmen Blanco e María Xosé Queizán. As dúas, autoras fundamentais
no pensamento feminista galego, afondan no seu compromiso nas súas últimas
obras. A primeira, nos poemarios ‘Un mundo de mulleres’ (Biblos) e ‘Lobo amor’
(Unión Libre). A segunda, na novela ‘Meu pai vaite matar’, (Xerais).
‘Un mundo de mulleres’ é unha reivindicación do
amor. Unha celebración da vida, do pracer. Un canto libertario. Como os microrrelatos
da súa anterior obra ‘Atracción total’. Libros “inspirados pola poesía da paz”,
segundo a súa creadora os define. Desta volta, Carmen Blanco volve condensar
unha linguaxe clara e directa en versos minimalistas, reducidos con frecuencia
a unha soa palabra.
“Estes poemas lóstrego queren alumar a apertura
múltiple na condensación dun punto dos principios, seguindo o estilo mistérico
e sapiencial dos pensamentos poéticos universais, como, por exemplo, o das
sibilas. Mais os poemas longos, reiterativos e paralelísticos seguen o estilo
da poesía dos rituais supostamente ‘prepatriarcais’ de moitas das relixións
máis antigas que se coñecen. E tamén hai pracer fónico, a música que canta,
onde nace Lobo amor”, explica a escritora.
‘Lobo amor’ retoma a sinatura da heterónima de
Carmen Blanco, Enma Luaces. Poemas de só un par de versos, con ronsel de haiku,
e enumeracións de vertixe, dialogan con lobos e lobas libres, liberados. ‘Un
mundo de mulleres’ homenaxea, precisamente, a forza de donas autoafirmadas que
viviron en distintas épocas ou poboaron a literatura. Das sereas unidas aos
“Ulises libres” a Rosalía de Castro, Elisa e Marcela, ou as represaliadas tras
o golpe do 1936.
Blanco continúa, así, o seu traballo de visibilización do
lugar das mulleres na historia. Como en ‘Alba de mulleres’, nos seus ensaios
sobre literatura feminina, ou na súa participación en exposicións como ‘Vivas
en nós’ ou ‘Vermellas, chamábanlles rojas’. Presta, sempre, unha atención
especial ás anarquistas, protagonistas dos seus libros 'Casas Anarquistas de Mulleres Libertarias’ e ‘Feministas
e libertarias’. “A musa memoria da loita pola liberdade é imprescindible
para mellorar o mundo”, asegura.
O erotismo, o corpo “negado polos poderes”, o desexo
libre como símbolo da vida, da orixe, está tamén moi presente en ‘Un mundo de
mulleres’. Como a diversidade: lingüística, étnica, nacional...; ligada a unha
reivindicación da tolerancia, da convivencia en paz, alén das fronteiras.
Internacionalismo, cos pés postos en Galicia: o lugar, a muller que, nesta
obra, agoira que os seus desexos de ser “absolutamente libre” se cumprirán.
María Xosé Queizán volve opor, pola súa banda, en
‘Meu pai vaite matar’, a ciencia e a razón fronte á violencia, o
irracionalismo. Nunha novela de aventuras, de viaxe, e tamén de tese. Unha obra
na que ela mesma fala a través da narradora omnisciente, ou das personaxes. E
faino para erguerse como nos seus ensaios, na súa poesía, no seu teatro e
no resto da súa narrativa- contra o patriarcado e, en xeral, o abuso de poder.
A inxustiza.
O libro xurdiu dunha viaxe da autora á Patagonia. Aínda que as
raíces das reflexións que deita poden atoparse tamén noutras obras súas, como a
crítica do cárcere franquista de ‘'Sentinela, alerta!’ ou o discurso
antisentimentalista de ‘Ten o seu punto a fresca rosa’. “É que o amor debilita
a nosa racionalidade, e pode conducirnos á cousificación, ao abandono de nós
mesmas. Aínda que eu creo que isto se vai superando”, opina.
‘Meu pai vaite amar’ amosa moitos
tipos de violencia. Malos tratos causados por homes cunha visión errada da súa
masculinidade. Pederastia. Abusos sexuais no seo dunha prisión que é tamén
espazo de explotación laboral e de aniquilación das persoas. Ou corruptelas
dunhas autoridades que atopan complicidades na base social. Queizán advirte de
que atribuír a violencia a factores como a loucura é só un xeito de agochar os
problemas. “É que ninguén quere ver a realidade. Por iso a novela
realista ten un gran potencial”, cre.
A novela contén, por outra banda, certa
análise sociolóxica -a decadencia das familias herdeiras da fidalguía, a
transformación das clases sociais co Estado de Benestar ou o contraste entre o
mundo rural e urbano- e filosófica: o racionalismo fronte ao romanticismo ou o
posmodernismo, a igualdade e a xustiza... Mais o pensamento feminista é o cerne
das teses do libro, no que se rexeita a confusión da sexualidade coa
dominación. “A supeditación sexual é unha das formas de submisión das mulleres
que aínda persisten. A aceptación da incomodidade, do sacrificio, no xeito de
vestir por exemplo”, salienta.
Serán un bó agasallo para á miña María, que é brava coma as autoras da entrada, coma ten que ser nos tempos que lles tocaron vivir. Unhas e outras cambiaron, para ben, este insano mundo de opresión e violencia.
ResponderEliminarUnha aperta