MARGA TOJO . SANTIAGO
Un
neno observa uns militares do movemento de Resistencia Islámica (Hamás)
durante un acto de celebración do 23 aniversario da formación do grupo
no campo de refuxiados de Nusseirat, no centro da franxa de Gaza FOTO: ali ali/efe |
A
chegada dunha nova administración a Estados Unidos traía grandes
esperanzas para moitos. A revisión das violacións dos dereitos humanos
nas contendas perpetradas pola potencia mundial na era Bush, os novos
obxectivos de control de armas, a non-proliferación, a sinatura de
importantes declaracións, deron finalmente como resultado un nulo
impacto sobre os niveis de gasto militar e un mapa de guerras estábel.
O
investimento militar global total foi de 1.531 billóns de dólares, o
que representa un incremento do 6% respecto do ano anterior e dun 49%
desde o 2000, segundo o último informe do Instituto Internacional de
Estudos pola Paz de Estocolmo (Sipri). Comprende aproximadamente 2.7%,
4.000 millóns de dólares cada día. Nove dos 10 orzamentos máis altos
incrementáronse. Todo isto, tendo en conta que os principais vendedores
de armas son os membros con dereito a veto do Consello de Seguridade de
Nacións Unidas. O Estado español converteuse o ano pasado na sexta
potencia internacional en exportación de armas, un posto por diante de
China e detrás de EEUU, Rusia, Alemaña –detrás do seu rescate a Grecia
erradicaba este negocio–, Francia e Reino Unido.
As exportacións
de armamento nunca se realizan coa última tecnoloxía, senón coa da
xeración anterior, e así os vendedores financian a súa propia industria
ao tempo que manteñen a exemonía militar. Tamén existen filtros
políticos nas exportacións: non hai problema en transaccionar tecnoloxía
punta con Arabia Saudí, xa que non é produtor de armas e non hai
posibilidade de copia. Con China, o embargo por cuestións de dereitos
humanos radica en realidade na capacidade e na voluntade da industria
chinesa de replicar a alta tecnoloxía. Os expertos vaticinan que no
prazo de seis ou sete anos China encabezará o ránking de vendedores de
armas con EEUU e Rusia.
Os resultados do Índice de Paz Global 2010
indican que o mundo se volveu menos pacífico. O Índice, que avalía os
conflitos internacionais actuais, a seguridade xeral na sociedade e a
militarización en 149 países, rexistrou un aumento xeral en varios
indicadores, entre eles, probabilidade de manifestacións violentas e a
percepción da criminalidade. Nova Zelanda lidera a lista dos países máis
pacíficos e Afganistán, Somalia e Irak dos máis violentos.
Por
sétimo ano consecutivo, ningún grande conflito interestatal estivo
activo no 2010. No decenio 2000-2010, só tres das trinta guerras de
maior envergadura foron interestatais. Non é que deixen de participar
diferentes actores internacionais, senón que o fan no interior dun
Estado.
Jordi Calvo, Tica Font e Tomás Gisbert, do Centre
D’Estudis per a la Pau J.M Delàs (Justícia i Pau) de Barcelona axúdannos
a analizar o candente panorama internacional tras a súa participación
no Foro Compostela-2010.
O mundo segue en guerra. Cantos conflitos armados se poden contabilizar?
En
termos xerais, podemos dicir que os conflitos armados totais (entre
estados e intraestados) mantivéronse contantes no tempo. A tendencia dos
conflitos entre estados é á baixa, ao contrario do que ocorre cos
conflitos no interior do territorio dun Estado. Pero existe un problema
na definición de conflito armado, xa que segundo a fonte, considérano
dun modo ou outro. Normalmente o criterio está referido ao número de
mortes que xerou. Nos últimos dous séculos, segundo quen o calcule, hai
unha media de entre 30 e 40 conflitos armados, o que se mantén na
actualidade, aínda co fin da guerra Fría.
En que se diferencian as guerras actuais das anteriores?
Algúns
analistas, como Kaldor e Ignatief, sosteñen que as guerras cambiaron.
Para nós, houbo algúns pequenos cambios, pero non son substantivos. Os
bloques de poder son semellantes. Antes preponderaban as guerras entre
estados. Agora, os actores que participan nas guerras son os de sempre,
pero interveñen dentro dun Estado. China apoia o goberno de Sudán, EEUU
apoia os rebeldes do sur, porque agora se van independizar co seu apoio,
porque hai petróleo naquela zona. En canto ao financiamento,
formalmente, si que hai certos cambios. Na Guerra Fría cada un dos
bloques daba apoio económico e militar ás insurxencias e aos gobernos e
en cambio agora, a nivel económico, tamén hai apoios de gobernos a
grupos internos, pero estes grupos nútrense tamén das riquezas dese país
para manter a guerra. Isto é novidoso.
Tamén eran guerras entre sistemas políticos, aínda que obviamente, o trasfondo era económico.
Antes
a violencia mantíñana forzas públicas, militares que eran funcionarios
do Estado, agora hai moitísimos actores privados que fan a guerra. Claro
que detrás destes actores privados hai gobernos. Se miras, por exemplo,
as empresas que batallan en Congo, podes ver de onde veñen os cartos.
España meteuse no conflito do Congo de maneira importante por unha
cuestión de prestixio internacional e tamén porque cando aquilo acabe
queren estar presentes no repartimento do pastel.
Como mudaron as zonas quentes?
Se
nos facemos a pregunta de cara a onde se dirixen case o 70% das armas
no mundo, só as do mercado legal, atoparemos unha resposta clara de
cales son as zonas máis quentes hoxe. Hai dúas zonas xeográficas: o
Oriente Medio e o Sueste asiático; son os dous puntos que máis armamento
están a recibir.
Que teñen en común?
Que
teñen suficientes recursos económicos para facer investimentos en
armamento. Nunhas hai petrodólares, e nas outras hai un florecemento
económico, no cal, cada un destes gobernos quere ter, imitando os países
occidentais, un certo protagonismo, un internacional, e dous, de poder
de destrución ante os veciños. Unha gran parte dos cartos do seu
progreso económico está a se investir en armas, usándoa para ter peso
político.
Por que é importante?
Porque na
medida en que en todo o Sueste asiático se está a acumular a produción
ecónomica real e nós dependemos deles porque lles compramos a roupa, o
coche, os obxectos, os ordenadores, a tecnoloxía... para equilibrar a
balanza comercial faise o seguinte: eu véndoche poucas cousas a ti moi
caras e ti véndesme moitas cousas a min moi baratas. Despois, está tamén
o interese polo control estratéxico de certos recursos naturais.
O epicentro de recursos mudou de África a Asia?
Xa
era esencial e hoxe Asia é sen dúbida o epicentro. Polo centro de Asia
pasarán os oleodutos máis importantes de gas natural e petróleo desde
Siberia até o mar Caspio. Quen controle esa zona controlará o
abastecemento enerxético de China. Polo tanto, ten un interese
xeoestratéxico político fundamental. Aínda non asistimos a grandes
crises de violencia no centro asiático, pero as haberá. Seguro, porque
as estratexias estanse a debater nesa zona xeográfica e, polo tanto, a
inestabilidade facilita o control, e haberá que xerala como se xerou en
Irak, porque beneficia. A cuestión é posuir a chave do oleoduto. Polo
estreito de Ormuz, que ten apenas 40 quilómetros de ancho, pasa o 25% do
consumo mundial diario de petróleo. Ademais de Asia e Oriente Medio
están Nixeria, Venezuela e Colombia, con conflitos vencellados ao
petróleo. Hai tamén outros recursos, que aínda que non sexan polo
interese das potencias occidentais, pero que si se están financiando a
través da compra deses recursos. É o caso de Congo, unha guera
silenciada con cinco millóns de mortos.
É factíbel un mundo sen armas?
É moi interesante, sen dúbidas. Outra cuestión é que os Estados estean polo labor, que non o están.
Poden os Estados vivir sen exército?
De feito hai algún que non ten exército, Islandia, Porto Rico, Barbados, Andorra, Mónaco, Panamá, San Marino, o Vaticano.
Refírome
máis ben a Estados con algún interese xeoestratéxico, que, segundo a
visión militar, non teñen que defenderse de ninguén.
Defenderse
de que, de quen. Para esa posíbel ameaza, para ese posíbel inimigo; por
que como solución perpetua se establecen as armas de fogo? Por exemplo,
cando nas estratexias de seguridade dos países occidentais as ameazas
importantes son os terroristas, imos solventalo con avións de combate. A
solución ao terrorismo é militar ou é policial? Creo que policial e
xudicial.
A ausencia dunha condena explícita a Marrocos no caso saharauí ten que ver con que Marrocos é un bo cliente na compra de armas?
Si.
Se descartamos os países da OCDE e OTAN Marrocos ocupa o primeiro lugar
en compra de armas a España. E é un motor de axuda militar ao que tamén
se lle fan ofertas, regalos simbólicos, como a venda de canóns a un
euro. Armas que van ficando obsoletas son regaladas a estes bos
clientes. Isto non entra nas estatísticas, pero é moi significativo,
porque forneces a Marrocos incluso de moitas máis armas das que se
contabilizan.
O caso Marrocos-Sáhara:
Marrocos
“vulnera sistematicamente” os dereitos humanos. “Inviste máis recursos
en armamento que en educación”. E está inmerso nun conflito armado que
dura xa máis de 34 anos. A delicada conxuntura social do reino alauíta
non disuadiu a España e no último semestre de 2009 o Goberno autorizou a
venda de material armamentístico a Marrocos por valor de 80 millóns de
euros. Esta situación motivou a primeira denuncia contra o Ministerio de
Industria, Turismo e Comercio. Un grupo de organizacións sociais e
xurídicas interpuxeron unha denuncia administrativa para reclamar a
revogación das solicitudes de autorización e a denegación de futuras
vendas de armamento ao país norteafricano.“Marrocos utiliza a violencia
co pobo saharauí e o risco de que as armas se utilicen contra os seus
habitantes é moi alto. España non debería facer transaccións
armamentísticas cun país que infrinxe sistematicamente os dereitos
humanos”, explica Luis Mangrané, avogado e membro da Asociación
Internacional de Xuristas polo Sáhara Occidental (Iajuws). O Goberno
autorizou a venda de material militar a Marrocos por valor de 145
millóns entre xaneiro de 2008 e xuño de 2009. Só no último semestre de
2009, o Reino de Marrocos foi beneficiario de material de defensa por
valor de 29,5 millóns. As transaccións inclúen 286 vehículos militares;
aeronaves de combate e munición.
O caso é que a fabricación de
armas é principalmente patrimonio de empresas particulares. As
transaccións mercantís son competencia dos seus departamentos
comerciais. E os beneficios, propiedade privada. Pero o Goberno é o
filtro inevitábel para a autorización final. Os avións de combate non
viaxan a Irán sen permiso ministerial. A pólvora non atravesa territorio
paquistaní se o Executivo o prohibe. Para iso, existe unha comisión
dependente do Ministerio de Industria que autoriza ou denega as
transaccións.
Un informe avalado por Fundación per la Pau,
Amnistía Internacional, Intermon Oxfam e Greenpeace revela que no último
semestre do ano 2009 o Goberno autorizou a venda de material de defensa
a polo menos 17 países que atravesan unha delicada situación política,
onde se violan os dereitos humanos ou existen conflitos armados. Algo
prohibido expresamente no artigo 8 da Lei 53/2007 sobre comercio
exterior en materia de defensa. Arabia Saudita, no punto de mira por
violar sistematicamente os dereitos humanos, foi destinatario de
material militar que ascende a 5 millóns de euros. E Tailandia, país no
que se suceden os enfrontamentos entre a sociedade civil e o Goberno,
recibiu aeronaves e armas por un valor total de 50 millóns de euros.
Por último, preguntámoslles aso intergrantes do Centre D’Estudis Per A la Pau: Que achega Wikileaks á comprensión de todo isto?
É
pouco probábel que Wikileaks vaia cambiar a visión sobre as guerras, xa
que o que está saíndo á luz é algo que dun modo ou outro xa sabiamos,
que non é outra cousa que o seguimento da realidade política por parte
das embaixadas en cada lugar no que traballan. É dicir, sabemos e
sabiamos que os embaixadores non son neutrais e que están ao servizo do
seu goberno. As guerras son unha extremadamente complexa preparación do
uso da violencia para conseguir obxectivos políticos ou económicos e o
desvelado por Wikileaks até agora, non supuxo ningún descubrimento
excepcional. O que si que cremos é que a xente que non se dedica a
investigar ou facer seguimento destes temas, entenderá un pouco mellor
como funcionan as relacións internacionais.
POR UNHA ACCIÓN HUMANITARIA NON MILITAR
Ante a preocupación que xera a interconexión cada vez máis acentuada entre os exércitos e o humanitarismo, o Centre d’Estudis per la pau puxo en marcha xa no 2006 a campaña ‘Por unha acción humanitaria non militar’. “As forzas armadas non son nin poden ser actores adecuados para levar a cabo accións humanitarias –aseguran–, entre outras cousas, porque esixen os principios de imparcialidade, independencia e neutralidade. Hai unha selección das poboacións afectadas ás que se vai axudar que non corresponde á necesidade real senón a intereses xeoestratéxicos. Ademais, está a comportar gravísimos perigos para os traballadores humanitarios civís, posto que os grupos belixerantes deixan de distinguir quen é un e quen é o outro. De igual maneira, os exércitos poden pór en perigo a seguridade das poboacións que pretenden axudar cando se percibe demasiada connivencia entre estas e o exército estranxeiro. Os soldados tampouco están preparados, porque recibiron unha formación para a acción armada co fin de defender os intereses do seu Estado. Os gobernos utilizan o humanitarismo para xustificar a presenza dos seus exércitos no exterior e incrementar os orzamentos de defensa”.NAVANTIA VIVIRÁ A CRISE
Como se converteu o Estado español no sexto exportador do mundo de armas?Dándolle un impulso á industria produtora. En dez anos incrementouse un 900% o negocio.
Ademais escindiron ambas as dúas partes para poder ter subvencións, porque non está permitido achegar subvencións para a industria militar, pero si para a civil.
Agora, durante un certo período non haberá crise, pero é probábel que dentro duns anos a haxa, porque a alza económica está debida a que estamos a construír fragatas e buques de guerra para o exército real de Noruega e, cando iso se acabe, veremos o que pasa.
Que importe representa a construción dun destes barcos?
Pois achega entre 250 e 350 mi-llóns de euros anuais. Pero iso tocará o seu fin, e se non hai reposto de pedidos, pode que entre en crise. En España, un dos seus últimos proxectos foi o buque ‘Príncipe de Asturias’, de proxección estratéxica. Un buque para levar unha forza militar a miles de quilómetros de distancia, que ten que ver coa defensa do noso Estado? Non, ten que ver con outras cousas, coas ambicións imperiais, da captación de recursos enerxéticos e de materias primeiras. Ou a participación na ‘operación Atalanta’ da Forza Naval da UE contra a piratería en augas de Somalia. Si, está vencellado ao expolio da pesca nesas costas e ao control do tráfico comercial e naval no corno de Arabia.
Cales son os principais países aos que España lles exporta armas?
Depende de como o queiramos ver. Se o miramos desde os países que compoñen a OTAN, o 70% das exportacións diríxense a países membros do grupo militar. Se o miramos desde o punto de vista dos países industrializados, a OCDE, a porcentaxe sería do 65%. En canto á Unión Europea, as exportacións aos 27 membros están no 39%. Quere isto dicir que a maioría das exportacións españolas se dirixen a países industrializados, a nós o que máis nos preocupa non é isto. O que nos preocupa moito é que se miramos os países que dentro de Nacións Unidas están clasificados por índice de desenvolvemento humano no apartado medio e baixo, os países máis pobres e en situacións máis graves, vemos que o 8% das exportacións españolas van dirixidas a eles.
Contábanos o hai uns días o fotógrafo Gervasio Sánchez, despois da presentación da exposición sobre Serra Leoa que ten no Museo do Pobo Galego de Santiago que no Estado español, precisamente a industria armamentística é a única que non está en crise.
Si e non. A industria aeronáutica, dos avións non está a ter crise. Está ligada á industria europea aeronaval que desde hai moitísimos anos tiña un déficit, pero que nos últimos anos comezou a xerar grandes beneficios na área militar. A produción civil naval xera, porén, escasos beneficios. Pasa á inversa que hai uns anos, cando a produción civil era a non deficitaria. Mire se non Navantia.
O caso Navantia:
Grupos políticos e sindicatos levan tempo reclamando o fin do veto da Unión Europea a Navantia, até 2015, á construción de buques civís. En abril deste ano, o comisario de Competencia, Joaquín Almunia, sinalaba que o levantamento obrigaría a devolver un total de 975 millóns de euros de axudas públicas ilegais.
Os dous estaleiros da ría, Ferrol e Fene, a antiga Bazán e a antiga Astano, conforman na actualidade un único centro construtivo centrado na produción naval militar. O persoal directo componse de 2.500 persoas, e outros 4.000 traballadores máis forman parte da rede de industrias auxiliares, segundo os sindicatos. Calculan que o impacto global da empresa sobre a economía da comarca rolda os 17.000 empregos.
O presidente do Comité Intercentros de Navantia, Fernando Sinde, de CCOO, asegura que a actividade dos estaleiros da ría de Ferrol se vai reducir “á metade” a partir do 2012 se non se contratan novos pedidos. “A situación non é crítica, pero é preocupante, moi preocupante, e o primeiro golpe será sobre a industria auxiliar”. Por iso, pídenlle ao Ministerio de Defensa, a contratación da sexta fragata F-100, que foi un dos compromisos adquiridos polo Goberno central no 2004, tras a última reconversión naval nos estaleiros públicos que supuxo o fin de Izar e a fundación de Navantia. Case seis anos despois da creación de Navantia, o actual equipo xestor da compañía pública deseñou unha estratexia para potenciar a actividade da antiga Astano, no marco dunha política de diversificación que vai desenvolver en todas as súas áreas de negocio. Sen renunciar á construción naval militar, á que está dedicada desde a última reconversión, Navantia pretende especializar o estaleiro de Fene na fabricación de plataformas e buques auxiliares para os parques eólicos mariños. Trátase dunha aposta a medio prazo, que, segundo o presidente de Navantia, podería materializarse antes. Para Aurelio Martínez “o proceso de contratación de barcos a nivel civil caeu un 90% a nivel mundial e por iso o futuro de Fene hai que vinculalo cada vez máis ao sector da construción naval militar”. Aurelio Martínez cre, por outra banda, que non se fraguará o encargo militar previsto por Rusia, ante a competencia do modelo ‘Mistral’ que constrúe Francia, polo que limita as expectativas a curto prazo a Turquía e a Canadá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario