Londres exporá o vindeiro
ano na praza de Trafalgar un cabaliño infantil que cuestiona a tradición de
erixir monumentos militares
EFE . LONDRES
Un cabaliño arrolador
infantil de bronce e un galo xigante de cor añil son as espectaculares
esculturas que decorarán o cuarto plinto (pedestal) da praza londiniense de
Trafalgar en 2012 e 2013, respectivamente, segundo anunciou onte o alcalde de
Londres, Boris Johnson.
A primeira obra, que
coincidirá coa celebración en Londres dos Xogos Olímpicos, é unha parodia das
estatuas ecuestres e mostra un neno pequeno arrolándose nun cabaliño.
Titulada Powerless
estrutures, Fig. 101, a escultura leva a firma do dúo escandinavo Elmgreen
e Dragset, que a fixeron coa intención de cuestionar a tradición de construír
monumentos militares como símbolo de poder.
Por outra parte, en 2013
poderá verse no cuarto plinto da céntrica praza londiniense -que está baleiro e
normalmente acolle obras temporais de arte contemporánea- o galo xigante de cor
azulada da artista alemá Katharina Fritsch, titulado Hahn/Cock e que
quere simbolizar a rexeneración, o espertar e a fortaleza.
Ao anunciar os gañadores
do concurso, Boris Johnson destacou que, de cara a 2012, un ano que vai ser moi
importante para a cidade tanto a nivel cultural como deportivo, "estas
enxeñosas e enigmáticas creacións subliñan a posición de Londres como unha das
cidades máis atractivas para a arte, e seguro que darán que falar".
Entre os finalistas para
expor no cuarto plinto estaban tamén os artistas establecidos en Porto Rico Allora
Calzadilla, a alemá Mariele Neudecker, o inglés Brian Griffiths e o escocés Hew
Locke.
OBRA ACTUAL
O
cuarto plinto sostén actualmente a obra do artista británico de orixe nixeriana
Yinka Shonibare O barco de Nelson nunha botella, réplica a escala do
buque HMS Vitoria co que o almirante loitou na Batalla de Trafalgar, fronte ás
costas de Cádiz. Esta praza, rematada en 1845 para conmemorar a vitoria en
Trafalgar, é un lugar habitual de manifestacións políticas e tamén é onde se
alza a columna de Nelson.
Ningún comentario:
Publicar un comentario