sábado, 22 de xaneiro de 2011

O dandi de Redondela que deu o corazón pola república


Médico, filántropo, mullereiro, intelectual, idealista, empresario... A vida de Alejandro Otero daría para varias películas. Agota unha obra teatral recrea a existencia deste galego inclasificable que morreu no exilio
DANIEL PRIETO 02/01/2011 - 20:00 h.
Alejandro Otero, arriba a esquerda, deputado por Pontevedra en 1931
Moitos redondeláns ignoran que Alejandro Otero, que estivo á fronte da Subsecretaría de Armamento republicana e foi vicepresidente do PSOE, naceu nesa vila pontevedresa en 1889. Terceiro fillo do médico Juan Otero e de Rita Fernández, matrimonio que tivo seis descendentes, Alejandro comezou os seus estudos de Medicina na Universidade de Santiago con tan só 15 anos. Alí foi alumno do catedrático de Obstetricia Manuel Varela Radío, quen lle inculcou o interese polos avances científicos. Durante a súa estadía compostelá, entre 1903 e 1910, foi compañeiro do destacado médico Roberto Nóvoa Santos, con quen trabou unha gran amizade. Especializouse en Xinecoloxía e licenciouse tras unha brillante carreira. Obtivo numerosas matrículas de honra e un premio extraordinario que lle permitiu doutorarse en Madrid, onde obtivo a praza de profesor e comezou a gañar certa fama de mullereiro.
Debido ao seu impresionante expediente e ao seu manexo do francés e do inglés, Alejandro Otero obtivo unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios para completar a súa formación nas máis destacadas clínicas de obstetricia de Centroeuropa. Antes de marchar casou co seu amor de infancia, a tamén redondelá Laura Contreras Valiñas, quen o acompañou na viaxe. En Berlín, Alejandro aprendeu do doutor Ernest Bumm, o máximo expoñente da xinecoloxía neses momentos. Tamén estivo en Suíza e e en Austria, contactando cos máis destacados médicos da época na súa especialidade.
Aos 25 anos, rematado o seu periplo centroeuropeo, Alejandro asentouse en Granada, despois de gañar a cátedra de Obstetricia da universidade. Nesa cidade é lembrado como o gran impulsor da asistencia sanitaria. O Hospital Clínico e o sanatorio da Saúde, aínda en funcionamento, construíronse grazas ao tesón deste “home inclasiflicable”, como di María Dolores Fernández na súa biografía sobre o redondelán, ao que cualifica de personaxe “apaixonado, de personalidade desbordante, rico en matices e contradicións”.
A morte da súa irmá Marita aos 19 anos, que a Igrexa católica quixo canonizar, causoulle unha fonda impresión e determinaría o seu carácter. “Era un médico laico e activista político, de familia conservadora, cunha irmá elevada pola igrexa católica á categoría de serva de Deus, que representa o choque entre a relixión e a actividade dun home pródigo, namorado doutros praceres, da transgresión da norma moral da man das mulleres”, explica Enriqueta Barranco, profesora de Xinecoloxía da Universidade de Granada, que xunto ao seu colega Fernando Girón publicou outra biografía sobre Otero.
Alejandro, que era tuberculoso crónico, implicouse ao máximo na loita contra esa enfermidade en Granada. Presidiu o Padroado do Sanatorio Antituberculoso da Alfaguara e pagou do seu peto parte da dotación dun sanatorio para estes doentes, que funcionou ata os anos 60. Podía facelo, xa que en 1930 era un dos maiores contribuíntes granadinos. Na súa consulta privada da céntrica Gran Vía de Colón atendía a numerosas pacientes, atraídos polo seu gran prestixio. Malia a súa gran solidez económica, non deixou de atender aos enfermos sen recursos que solicitaban a súa axuda e mesmo lles regalaba as menciñas. O seu espírito solidario levouno a impulsar, desde a directiva da Caja Regional, a implantación do seguro de maternidade da muller traballadora, pero a Guerra Civil deu ao traste coa iniciativa.
Á súa faceta de médico filántropo hai que engadir a de político, xa que a partir de 1930 iniciou unha febril militancia nas filas do PSOE e na UGT. “Permanecín recluído na miña cátedra e no coidado dos meus enfermos, pero cando o pobo foi ametrallado e oprimido enroleime na bandeira socialista”, así comezou un mitin no que participou en Granada en 1931, ante 15.000 persoas. Ese ano foi elixido edil no concello granadino e deputado polas provincias de Granada e Pontevedra. E Otero, que ao longo da súa vida mantivo fortes vínculos coa súa Redondela natal, optou pola acta galega. Segundo Enriqueta Barranco, “sempre permaneceu en contacto con Redondela, visitando frecuentemente esa vila no verán, onde comezou a construír un pazo na zona das Laxes”, espoliado en 1936.
O seu gran éxito como orador e a súa popularidade contribuíron a que, en 1932, fora nomeado reitor da Universidade de Granada, cargo desde o que impulsou a construción do Hospital Clínico e da nova Facultade de Medicina, ambos os dous en funcionamento na actualidade. A partires de entón comezou a distanciarse da súa muller, xa que os seus parentes estaban vinculados a sectores conservadores e non vían con bos ollos a militancia socialista de Otero. Laura Contreras, de mentalidade extremadamente conservadora, celebraba reunións no fogar conxugal con persoas relacionadas coa dereita, o que incomodaba a Alejandro Otero.
Co triunfo electoral da CEDA nas eleccións de 1933, o xinecólogo presentou a súa dimisión como reitor. Centrouse na actividade política chegando a ser o presidente da federación de Agrupación Socialistas de Granada, desde onde exerceu un importante labor reivindicativo apoiando as reivindicacións do proletariado. Sufragou unha folga de tranvías, mediando nos conflitos das empresas de azucre da época, co que se gañou a simpatía da clase traballadora. En 1934, co estoupido da revolta de outubro, que se saldou con máis de 1.300 represaliados no Estado, Otero foi encarcerado. O seu antigo profesor Varela Radío e o deputado ourensán Luis Rodríguez de Viguri intercederon para que fose posto en liberdade. Alejandro foi xulgado por “espionaxe en rebeldía”. Todos os seus bens foron confiscados, foi condenado a pagar un millón de pesetas e a unha expatriación de 15 anos.
Tras permanecer dous meses en prisión, Alejandro quedou en liberdade e divorciouse da súa muller, acolléndose á acabada de aprobar Lei de Divorcio. En xullo de 1936, ante a inminencia da Guerra Civil, decide abandonar Granada e refuxiarse en París. A maioría dos seus antigos compañeiros que quedaron en España foron fusilados. Desde a capital francesa, dirixiu o servizo de evacuación dos refuxiados españois, axudando a fuxir do franquismo a máis de cen familias cara América. Así mesmo, foille encomendada a asistencia nos campos de concentración franceses. Alejandro, que no exilio se puxo a disposición do goberno lexítimo republicano, foi nomeado subsecretario de Armamento, unha ironía para quen axudara a alumear tantas vidas. E, en 1938, foi elixido subsecretario do PSOE.
Unha vez rematado o conflito armado exiliuouse a México en 1941. Alí casou en segundas nupcias coa asturiana Elena Fernández, 25 anos máis nova que el, á que coñecera durante a súa época á fronte da Subsecretaría de Armamento. Ela foi a súa compañeira ata a fin dos seus días. Para Enriqueta Barranco, o feito de que Otero mantivese relacións sentimentais paralelas aos seus matrimonios débese a que “non tivo fillos coas súas dúas esposas, polo que pode ser que intentase deixar descendencia fóra dos matrimonios”.
En México pasará a última etapa da súa vida, entre 1941 e 1953. Alí dirixiu o servizo médico da entidade que prestaba asistencia sanitaria aos refuxiados españois, a Junta de Auxilio aos Refuxiados Españois (JARE).No país azteca participou activamente na reconstrución do PSOE, xa que mantiña boas relacións cos bandos enfrontados dos negrinistas e os prietistas, que se agruparon no país azteca no Círculo Jaime Vera e o Círculo Cultural Pablo Iglesias. Otero completaba o seu traballo na JARE cunha consulta privada, instalada no 107 do Paseo da Reforma, onde atendía de forma gratuíta ás mulleres exiliadas que así o requirían.
No país azteca segue traballando no ámbito da medicina. Dirixe a sala de maternidade do Hospital Español, desde onde impulsa a creación da Sociedade Mexicana de Obstetricia e Xinecoloxía. Durante esta época ten como pacientes a destacadas mulleres da vida pública mexicana. Dirixiu unha operación na que lle salvou a vida á muller do presidente mexicano, Lázaro Cárdenas, e a un dos seus fillos. Otero rexeitou un cheque en branco que lle enviou Cárdenas. “Só cumprín co meu deber, México axudou a miles de españois e os meus honorarios están máis que pagados”, respondeulle o galego. O redondelán vive nesta época coa súa segunda muller nunha luxosa residencia nas Lomas de Chapultepec, actualmente ocupada pola Embaixada de Suecia.
En 1942, un infarto de miocardio obrígao a permanecer inactivo durante máis de seis meses. En México tamén se converte nun próspero empresario e, entre outros proxectos, colabora na creación do dunha incipiente canle de radio e televisión, xermolo do que máis tarde chegaría a ser a coñecida Televisa. Alejandro Oterro morreu en México o 26 de xuño de 1953. Faleceu dun infarto sobre o corpo unha das súas amantes. Aínda que o seu deceso case non tivo repercusións en España ante a orde de silencialo polas autoridades franquistas, en México causou unha fonda conmoción. O máis granado da sociedade azteca e do exilio español acudiu ao seu enterro. Uns 200 coches e miles de persoas asistiron ao funeral, segundo a prensa da época. O seu corpo foi embalsamado e depositado no Panteón Español. Posteriormente foi trasladado á Coruña en 1955, desde onde se levou ao cemiterio dos Eidos de Redondela, e descansa no panteón da familia Otero-Milleiro . A súa primeira muller pediu ser enterrada con el, pero o seu nome está arrincado da lápida na actualidade. Durante o embalsamamento do seu cadáver, as monxas do Hospital Español rogáronlle aos seus familiares que deixaran no sanatorio “o fermoso corazón” de Alejandro. A lenda conta que o seu corazón permanece en México, gardado como unha reliquia.
En Granada, unha cátedra de investigación co seu nome e o dun dos seus discípulos, Antonio Chamorro, evoca a súa memoria, así como unha aula da Facultade de Medicina. Un busto da prestixiosa escultora mexicana Tosia Malamud e unha rúa bautizada co seu nome tamén o recordan nesa cidade. Recentemente, Manuel de Pinedo publicou unha obra de teatro sobre a súa figura.
En Redondela, as Xuventudes Socialistas organizáronlle o pasado mes de maio a primeira homenaxe na súa vila natal. Isaac Araújo, secretario desa organización, está a preparar unha mostra sobre a vida de Alejandro Otero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario