sábado, 22 de xaneiro de 2011

A España sinistra


Alicia Giménez Bartlett gaña o Nadal cunha novela sobre a maquis "La Pastora", unha figura sobre a que pesa "moito silencio oficial"
EFE . BARCELONA
A escritora Alicia Giménez Bartlett, gañadora onte á noite do Premio Nadal coa novela Donde nadie te encuentre, narra a historia de Teresa Pla Meseguer, unha maquis chamada La Pastora, á que se acusou de 29 asasinatos, "un personaxe que é fillo dunha España tráxica e sinistra".
Giménez Bartlett asegurou que a obra, que publicará nas próximas semanas Destino, conta a historia dun psiquiatra francés especializado en mentes criminais que viaxa a Barcelona en 1956 tras a pista desta muller e na súa procura axúdase dun xornalista barcelonés.
Para a autora, era un grande atractivo achegarse a un personaxe real, que existiu e que morreu en 2004, pero cando decidiu escribir sobre ela atopouse con "moito silencio oficial sobre ela e moito silencio nos pobos próximos ó Maestrazgo e Els Ports, por onde se moveu La Pastora, case unha "omertá" -lei do silencio- ó máis puro estilo siciliano". O golpe de sorte chegou cando hai un ano José Calvo publicou nunha editorial de Vinaroz un libro de 1.000 páxinas que recompilaba toda a documentación que reunira en sete anos sobre La Pastora.
"Se transcribira os documentos que lin, chegaría ó "gore"", comenta Giménez Bartlett, pois "hai momentos terribles, que che poñen os pelos de punta, e procurei non incidir dun xeito truculento na historia. Nárranse algúns episodios moi duros, pero procurando afastalos sempre dos momentos máis rechamantes".
A lenda negra e a ignorancia malintencionada da época fixo circular que La Pastora -Florencio nos seus últimos anos- padecía hermafroditismo. A escritora manchega matiza esta percepción: "Tratábase dun falso hermafroditismo, pois os dous informes médicos que lle fixeron cando estivo no cárcere a partir de 1960 determinaron que non tiña moi desenvolvidos nin o pene nin os testículos, pero desde un punto de vista de gónadas era un home", sostén. A novela céntrase en tres meses de 1956, aínda que a escritora se viu obrigada a engadir unha coda final, fóra da ficción, cos datos biográficos do personaxe, porque "ten tanta forza a súa vida, que non se pode furtar ó lector esa información".
Giménez Bartlett tiña en mente o personaxe xa desde a súa mocidade, cando estudaba bacharelato no colexio de monxas en Tortosa e cantaban: "Viva a Garda Civil, que atrapou a La Pastora, muller de malos instintos, fea e pecadora". Aquela cantilena "excitaba a curiosidade" e ademais La Pastora era un mito na zona, pois nunca a puideron cazar nos montes" e, de feito, en 1956, recorda, cando levaba dous anos escondida no monte sen falar con ninguén, decidiu ir traballar a Andorra, onde a detiveron por un aviso.
O RELATO
O xornalista Cristian Segura, gañador do Premio Josep Pla con El cau del conill, sinalou onte que con esta obra, a súa primeira novela, pretendía realizar "un retrato irónico e auténtico da burguesía catalá". Segura dixo que "a peripecia que sofre o protagonista, Amadeu Conill, un empresario de aceiteiras e vinagreiras barcelonés, podería ser extrapolable á decadencia dunha determinada clase social de Madrid, Sevilla ou París".

Ningún comentario:

Publicar un comentario