xoves, 20 de xaneiro de 2011

Fito editorial


Hoxe cúmprense cincuenta anos da publicación na Arxentina de "Memorias dun neno labrego", a novela que fixo de Neira Vilas o escritor máis lido da historia da Literatura galega
MARÉ . SANTIAGO
Memorias dun neno labrego, a obra que fixo de Xosé Neira Vilas o escritor máis lido da historia da Literatura galego, por riba mesmo de Rosalía de Castro, cumpre hoxe cincuenta anos da súa publicación na Arxentina. A efeméride será celebrada ao longo do ano con publicacións sobre o autor e reedicións da novela, como as dúas que preparou Galaxia, editorial á que Neira Vilas lle pasou os dereitos des que os novos administradores de Sargadelos pecharon Edicións do Castro. No Castro, publicouse por vez primeira Memorias dun neno labrego en Galicia: foi en 1968 con ilustracións de Díaz Pardo en substitución de Luís Seoane, que realizou a portada de 1961, recuperada agora por Galaxia para unha das súas reedicións. A outra, de carácter conmemorativo, aparecerá a finais deste mes e ten a Xaquín Marín como ilustrador.
Para comezar as celebracións, o Concello da Estrada acollerá hoxe, ás once da mañá no Museo do Moble, un acto de homenaxe no que participarán o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Francisco López. Tamén neste mes de xaneiro se estreará no Teatro Principal de Compostela a montaxe realizada por Cándido Pazó sobre a novela, Memorias das memorias dun neno labrego.
Unha obra traducida a dezasete idiomas
As cifras que arrastra a novela son de marca para o ámbito editorial en galego: son máis de 600.000 exemplares os distribuídos, incluídos os dos dezasete idiomas aos que foi traducida, a máis recente en esperanto, aínda que neste apartado se atopan tamén singularidades como o feito de ser o primeiro texto en galego volto ao chinés, contar cunha versión en lingua maia e en sistema Braille para cegos. Na Alemaña, é o único libro do estado que figura no Catálogo da Literatura Universal. Da obra, ademais, fixéronse dous documentais -un do propio Freixanes e outro de Xan Leira- e este mesmo ano comezará a rodaxe da súa versión cinematográfica.
Memorias dun neno labrego vense utilizando como libro de lectura en colexios e institutos de Galicia, e tamén se utilizou en castelán en centros de ensino medio de Cantabira e en escolas secundarias básicas de Cuba. En alemán, utilizouse nas universidades de Leipzig e de Tréveris.
Neira Vilas comezou a redactar a novela no segundo semestre de 1960, en plena primavera austral. O escritor lembra que saía do seu traballo, nas oficianas dunha empresa importadora de madeiras, e sentaba nun café da rúa Cullen de Bos Aires: entraba eu cada tarde, abría o seu portafolios marrón e poñíase a escribir. "Era", subliña, "un local grande e estaba case baleiro nesas horas. Escollía sempre a mesma mesa, á beira dunha columna. Pedía un café ou un refresco, e vin que o camareiro (souben logo que se chamaba Evencio e que era dunha aldea ourensá) quedaba ollando aqueles papeis por riba do meu ombreiro. Vendo a súa curiosidade díxenlle o que viña escribindo. E interesoulle. Un día presteille o caderno, que comezou malamente a soletrear, e de alí en diante líalle eu cada día, denantes de irme, o que escribira. Era así o primeiro lector do meu libro"
O entusiasmo de Dieste e de Luís Seoane
Cando mecanografou o texto, leuno Anisia Miranda, unha periodista cubana de raíces galegas coa que casara en 1957. A Anisia gustoulle e tamén lle gustou o escritor Rafael Dieste, exiliado na Arxentina. Ao día seguinte, Dieste chamouno e gabou a descrición da vida campesiña, o léxico e a psicoloxía do rapaz protagonista, Balbino, que se convertería xa para sempre nun dos heroes do fabulario de Galicia. Dieste pasoulle o texto a Seoane e Seoane quedou fascinado: Memorias dun neno labrego lémbralle a súa infancia nunha aldea do Pino. Ofreceuse para publicarlle o texto "e tras agradecerlle o xesto", apunta Neira Vilas, "expliqueille que pensabamos editalo co noso modesto selo Follas Novas, como fixeramos Anisia e mais eu cos senllos poemarios que deramos a coñecer algúns meses antes e para os que Seoane debuxara as cubertas".
A imprenta de Alfonso Ruíz, que publicara outras obras galegas, fixo a impresión, concluída arredor do vinte de decembro de 1960, se ben Neira fixo aparecer no colofón a data oficial do cinco de xaneiro por razóns "elementais" que hoxe, asegura, "non paga a pena contar". Imprentáronse dous mil exemplares e a acollida na prensa galega de Bos Aires foi moi boa. Tamén en Galicia se fixeron eco da publiación e Fernández del Riego dedicoulle un artigo en La Noche. Logo, pediulle trescentos exemplares para distrubilos no mercado interior. Actualmente, son 31 as edicións publicadas.

1 comentario:

  1. Noraboa o escritor, tamen a todos os que nos sentimos orgullosos de ser e falar galego, eu tamén son un rapaz da aldea, un ninguén.

    ResponderEliminar