mércores, 12 de xaneiro de 2011

Galaxia escolma nun libro o Arquivo de Ángel Llanos


O legado do fotógrafo vigués retrata un século da vida da cidade, onde a súa familia se instalou arredor do ano 1901
FRAN P. LORENZO
En maio do ano pasado, unha proposición parlamentaria acordou so­licitarlle o Goberno galego o traslado á cidade de Vigo do Arquivo Llanos, o legado en imaxes dun­ha saga de fotógrafos que ten en Ángel Llanos o seu máis veterán e conspicuo representante. Ángel Lla­nos, fotógrafo. Cen anos da cidade de Vigo a través da mirada dunha cámara, é o título dun volume, editado agora por Galaxia, e prolo­gado por Xerardo González Martín, que compila unha senlleira mostra desas ins­tantáneas, as que debuxan un século de historia e vida da urbe atlántica.
Os Llanos, de orixe valen­ciana, instaláronse en Vigo moi a principios do século XX, poida que en 1901, se ben no seu arquivo consér­vanse imaxes anteriores, como placas de cristal de entre 1883 e 1900, sinala González Martín, "que re­collen imaxes da batería da Laxe, demolida para unir a cidade e o Berbés, do pei­rao de ferro, escenas por­tuarias, o velódromo, que estivo situado á beira da Alameda, e outros diversos temas". Francisco Llanos Mas e a súa dona Joaquina Trápaga Ortiz asentaron na rúa Elduayen un pri­meiro estudio, que acabaría devastado polo lume.
Antes de 1908, con todo, xa abri­ran outra sede no predio que actualmente ocupa a Casa das Ar­tes, onde fica o enorme le­gado doutra familia viguesa de fotógrafos, os Pacheco. Os Llanos, ademais, foron os impulsores dun local histórico de teatro e moni­creques, o Pabellón Infantil Guiñol, cabo da Alameda. Fi­nado o patriarca, Francis­co Miguel Llanos Trápaga asumiu o peso da firma Llanos. Colaborou inten­samente co Faro de Vigo e seguiulle o pulso a dúas décadas vibrantes na vida da cidade, os anos vinte e trinta. En 1936, logo do al­zamento militar, Francisco Miguel, axudado polo seu fillo Ángel -que participa­ría na contenda e estende­ría a ela o seu labor como fotógrafo- tivo que se des­facer de centos de testemu­ños que retrataban os seus concidadáns en mitins, manifestacións, folgas, bai­les ou eventos de organiza­cións políticas vinculadas á legalidade republicana.
A perda intencionada por parte dos autores desas fo­tografías eliminaba unha proba de cargo, o puño en alto, o mesmo co que sau­dan en dúas fotografías deste volume centos de vi­gueses nun mitin comunis­ta e nunha protesta obreira realizada na rúa. Ángel Llanos, que con só doce anos asinou unha re­portaxe fotográfica da visi­ta de Alfonso XIII e a raíña Vitoria ao porto de Vigo, en 1927, é o principal prota­gonista desta edición, que agrupa as fotografías rea­lizadas en sete capítulos.
Desde a transformación urbana da cidade e a acti­vidade portuaria aos fitos culturais, deportivos ou re­lixiosos, o Arquivo Llanos documenta singulares as­pectos da vida social e co­mercial viguesa desde os anos vinte até o presente, décadas nas que experi­mentou un dos estouridos demográficos máis impor­tantes da Europa atlántica. Angel Llanos. Fotógrafo é un retrato colectivo en branco e negro, de tres xeracións de fotógrafos, que procura agora un lugar apto, no que ser conservado e divulgado como o tesouro que é.

2 comentarios:

  1. hola, donde se puede comprar este libro? saludos

    ResponderEliminar
  2. Perdoa por tardar tanto en contestar. Supoño que non terás problemas para atopalo nas librarías que traballan o libro galego, senón seguro que cho poden pedir. Non sei se tamén na editorial. Grazas por ler, anónimo

    ResponderEliminar